A Xunta invistiu máis de 329.000€ para renovar e dotar de novos servizos ao espazo deportivo de A Galea en Miño

Ovidio Rodeiro comprobou o resultado das obras que xa foron entregadas ao concello e que se inclúen dentro das actuacións do plan Hurbe

Miño (A Coruña), 16 de xaneiro de 2020

O delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá as obras do novo equipamento multideportivo en A Galea (fase II) en A Regueira que contaron cunha achega de máis de 329.000 euros a través do Plan Hurbe da Consellería de Medio Ambiente e Vivenda.
As obras que xa están rematadas foron entregadas ao concello e consistiron la instalación de redes horizontais de saneamento e drenaxe, na pavimentación con aglomerado asfáltico da pista perimetral adicada ao footing, na execución dunha pista de tenis e de 2 pistas de pádel, na construción dun peche de todo o ámbito deportivo, na instalación de alumeado e na execución de gradas xunta a pista polideportiva municipal.
Ovidio Rodeiro destacou que con esta actuación levouse a cabo unha reforma integral dun espazo deportivo mellorando as instalacións existentes e dotando de novos servizos e pistas a esta zona. “A partir de agora, puntualizou, todos os veciños poden gozar dun novo espazo para practicar deporte”.
O delegado da Xunta recordou que “a Xunta promove e colabora neste tipo de actuacións co obxectivo de rehabilitar, recuperar e conservar os equipamentos urbanos municipais, co fin de mellorar a calidade de vida dos seus cidadáns e do público en xeral”.

Salientou que “un dos principais obxectivos do Plan Hurbe é contar cun programa de actuación que a Xunta impulsou en 2010 para dar resposta á necesidade de humanización das vilas de Galicia”. Tendo en conta o modelo social de integración cidadá, busca o achegamento dos entramados urbanos aos seus habitantes mediante a adecuación e creación de espazos públicos para as necesidades vixentes

No período 2010-2018 destináronse preto de 40 millóns do Plan HURBE en toda a provincia para financiar un total de 35 actuacións nunha trintena de concellos; que no conxunto da Comunidade galega elévase a 200 intervencións en 125 municipios.

Ademais, durante o ano 2019 a Consellería de Medio Ambiente asumiu preto de 90 novos compromisos cun investimento asociado de 12,9 millóns de euros para a execución de novos proxectos urbanísticos en concellos galegos.

Entre outros beneficios, o HURBE favorece a sostibilidade futura compatibilizando o desenvolvemento económico e a agrupación en torno aos núcleos de poboación con criterios de ordenación territorial e habitabilidade, recupera espazos públicos que foron perdendo o seu carácter de áreas de interacción social por un inadecuado desenvolvemento urbanístico, e potencia a conservación dos equipamentos urbanos patrimonio histórico das nosas vilas.

Imaxes relacionadas