Medio cento de establecementos da provincia participan na iniciativa sobre gastronomía no Camiño que impulsan a Xunta e a APEHL

O delegado de Lugo, José Manuel Balseiro, e os representantes da Asociación Provincial de Hostalería Cheché Real e María Castro presentaron hoxe o programa, que se desenvolverá dende mañá ata o 9 de febreiro

O día 8 celebrarase un congreso que incluirá catas, elaboración de receitas e un obradoiro de cociña para nenos, entre outras actividades

Lugo, 15 de xaneiro de 2020

Medio cento de establecementos da provincia participan nas xornadas gastronómicas en torno ao Camiño de Santiago que se desenvolverán dende mañá e ata o 9 de febreiro, organizadas pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL) e financiadas pola Xunta de Galicia a través do programa “O teu Xacobeo”.

En concreto, a Consellería de Cultura e Turismo destina 16.500 euros á iniciativa “... E para comer, Lugo” no Camiño, que hoxe presentaron o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro; o presidente da APEHL, Cheché Real, e María Castro, técnico de proxectos da entidade.

Durante as vindeiras semanas, os 50 establecementos adheridos ao programa servirán tapas, racións, pratos ou menús con receitas tradicionais da gastronomía lucense moi apreciadas polos peregrinos, como bertóns recheos, caldo galego, sopa de cabaza, caldo de castañas, empanadas, polbo, lamprea, lacón con grelos ou filloas. Os restaurantes están espallados por 23 concellos da provincia, practicamente todos transitados polas rutas Xacobeas (Camiños Francés, Norte, Primitivo ou de Inverno).

Ademais, o día 8 de febreiro celebrarase en Lugo un congreso sobre a cultura gastronómica dos Camiños que contará con destacados profesionais. Incluirá catas de cafés e de viños, demostración e elaboración de receitas, un obradoiro de cociña para nenos ou unha charla a cargo de David de Jorge, cociñeiro e xornalista, coñecido como Robin Food e autor de varios libros gastronómicos e blogs sobre a materia. Terá lugar no MIHL e poden consultarse os detalles así como información sobre a reserva de prazas para as distintas actividades na páxina web da APEHL.

José Manuel Balseiro puxo este proxecto dos hostaleiros lucenses como exemplo do tipo de eventos que a Xunta quere promover mediante O teu Xacobeo, ao ser unha proposta “que pon o acento nun aspecto fundamental do noso patrimonio inmaterial, como é a gastronomía, na que se implican os axentes sociais e económicos, e que se estende polo territorio”.

O delegado lembrou que a primeira convocatoria deste programa permitiu impulsar na provincia 52 iniciativas -entre as que se conta esta da APEHL- cun investimento conxunto na provincia de 531.000 euros, e explicou que xa está en marcha a segunda edición co fin de “definir un contido cultural desde unha perspectiva ampla, multidisciplinar, plural e diversa, do que poidan disfrutar todos os galegos e galegas como antesala ao Xacobeo 2021”.

Imaxes relacionadas