A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade mantivo unha reunión co rexedor, José Pablo González, coincidindo co inicio do proceso de información pública dos proxectos de construción dunha senda peonil e reforma dunha intersección

Ethel Vázquez trasladalle ao alcalde de Oza-Cesuras os avances nos proxectos de mellora da seguridade viaria na estrada autonómica AC-840, en Porzomillos e no acceso a Carraceda

O investimento autonómico previsto nas obras supera os 429.000 euros, incluíndo o pagamento dos terreos necesarios para a súa execución

Os interesados teñen de prazo ata o vindeiro 24 de febreiro para presentar achegas aos proxectos que se atopan en exposición pública

Prevese executar un itinerario peonil e ciclista de case 1,3 quilómetros de lonxitude pola marxe dereita da estrada, á saída de Porzomillos e ata as proximidades do núcleo de Oza dos Ríos, separado da calzada por unha cuneta e unha banda axardinada

O departamento de Infraestruturas da Xunta tamén prevé habilitar un carril de aceleración no cruce da AC-840 coa estrada local que comunica con Carraceda

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, trasladoulle ao alcalde de Oza-Cesuras, José Pablo González, os avances que está a realizar o departamento que dirixe para executar unha senda na estrada AC-840, no núcleo de Porzomillos, e tamén para reforzar a seguridade viaria na intersección de acceso a Carraceda.
Trátase do proxecto de execución dun itinerario peonil e ciclista pola marxe dereita desta estrada, no núcleo rural de Porzomillos e que se prolonga ata a gasolineira que se sitúa antes do núcleo de Oza dos Ríos, e do proxecto de mellora da intersección da marxe esquerda da AC-840, no punto quilométrico 6.
O Investimento autonómico nestas dúas actuacións do departamento de Infraestruturas da Xunta superará os 429.000 euros, e no mesmo se inclúe o pagamento das fincas necesarias para a súa execución.
A reunión da conselleira e o rexedor municipal coincidiu coa publicación onte no Diario Oficial de Galicia do anuncio de información pública así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polos dous proxectos, vinculados entre si nesta estrada de titularidade autonómica.
Deste modo, pódense comprender as actuacións como un conxunto, e os afectados e usuarios da estrada poden realizar con maior coñecementos as achegas que consideren oportunas. Os interesados teñen de prazo para elo ata o vindeiro día 24 de febreiro.
No encontro de traballo mantido en Santiago de Compostela, Ethel Vázquez e o alcalde de Oza Cesuras abordaron o detalle destes dous proxectos que veñen a atender á solicitude realizada desde o executivo local.
No proxecto da senda se define a execución dun itinerario de case 1,3 km de lonxitude pola marxe dereita da AC-840, á saída de Porzomillos, no punto quilométrico 5+440 e as proximidades do núcleo de Oza dos Ríos, no 6+730. O itinerario, en formigón coloreado, estará separado da calzada por unha cuneta e unha banda axardinada.
Nesta intervención se inclúe a adaptación da plataforma da estrada, xa modificada de acordo coa solución que prevé o proxecto de mellora da intersección da marxe esquerda desta mesma estrada coa vía local de acceso a Carraceda. Este outro proxecto de mellora de seguridade viaria prevé executar nesta intersección un carril de aceleración.

Imaxes relacionadas