Xunta e Concello de Sober colaboran na construción dunha pasarela peonil entre a casa consistorial e a Cámara Agraria

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe as actuacións levadas a cabo grazas á Orde de Infraestruturas da Vicepresidencia

O Goberno galego destinou 40.000 euros a este proxecto no que tamén se reformou a planta alta da Cámara Agraria para albergar novos espazos municipais

Sober (Lugo), 13 de xaneiro de 2020

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe o concello de Sober, para coñecer co seu alcalde, Luis Fernández, as actuacións levadas a cabo ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público para construír unha pasarela peonil elevada que une a casa consistorial e o edificio da antiga Cámara Agraria. Á visita tamén acudiron a directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.

O Goberno galego achegou 40.000 euros a esta actuación, a través da que tamén se executaron obras de reforma na planta alta do edificio da Cámara Agraria para albergar espazos municipais. Desta forma, ambas administracións contribúen a que os empregados municipais poidan desempeñar o seu traballo en mellores condicións e os cidadáns reciban un servizo de calidade.

Alfonso Rueda sinalou que a colaboración entre a Administración autonómica e a local permite levar a cabo actuacións que repercuten en melloras para o día a día dos cidadáns. Nesta liña, incidiu en que a Xunta mantén un diálogo fluído cos concellos galegos, en tanto que son a administración máis próxima a cidadanía e, por ende, a que mellor coñece as demandas e necesidades dos seus veciños.

O Goberno galego tamén destinou o ano pasado case 7.500 euros na mellora da eficiencia enerxética da Casa do Concello no marco do Fondo de Compensación Ambiental. O investimento da Administración autonómica nos últimos anos no concello de Sober foi de case 430.000 euros en distintas actuacións ao abeiro das liñas de axudas da Vicepresidencia como a Orde de Infraestruturas de uso público, que a Xunta xa convocou para este ano cun orzamento de catro millóns de euros, un millón máis que o exercicio anterior.

Imaxes relacionadas