A Xunta de Galicia comeza hoxe as obras do complexo intermodal de Pontevedra

O proxecto iníciase co acondicionamento da terminal de autobuses, que suporá unha reforma funcional, estética e de eficiencia enerxética das instalacións

Os traballos inclúen a renovación da fachada, da cuberta e dos seus interiores e a mellora das instalacións e dos sistemas de información

Para que a conexión entre as estacións de autobuses e de ferrocarril sexa máis sinxela e segura para os peóns acometerase un itinerario peonil que se complementará cunha reordenación urbana da fronte da estación

Tamén se eliminarán os actuais accesos de autobuses, construíndo un novo enlace directo dende a Rúa Josefina Arruti, e se porá en valor o contorno do río Gafos, que se recuperará cun novo espazo para o desfrute cidadán

Estas actuacións enmárcanse nun convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello de Pontevedra, cun investimento superior aos 6 millóns de euros, dos que o Goberno galego achega máis de 4,6 millóns

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou hoxe as obras do complexo intermodal de Pontevedra.

Estes traballos están a iniciarse co acondicionamento do edificio da terminal de autobuses, que suporá unha reforma funcional, estética e de eficiencia enerxética das instalacións.

A reforma do edificio da estación consistirá na renovación da fachada, da cuberta e dos seus interiores e a mellora das instalacións e dos sistemas de información.

A Xunta, a través desta reforma da estación de autobuses e da adecuación do complexo intermodal, busca acadar unha intermodalidade real entre esta terminal e a de ferrocarril.

Neste sentido, a conexión entre ambas estacións será máis sinxela e segura para os peóns grazas a un itinerario peonil que se complementará cunha reordenación urbana da fronte da estación, mellorando a seguridade viaria e recuperando un espazo público para os cidadáns.

O proxecto tamén inclúe a eliminación dos actuais accesos de autobuses, construíndo un novo enlace directo dende a Rúa Josefina Arruti, onde se instalarán semáforos regulados a demanda e carrís de espera.

Ademais porase en valor o contorno do río Gafos, que se recuperará cun novo espazo para o desfrute cidadán mediante a rexeneración da área ao carón da estación de autobuses, destapándose o leito e construíndose unha pasarela de madeira que facilite o paseo.

Cómpre lembrar que estas actuacións están enmarcadas nun convenio de colaboración asinado entre a Xunta e o Concello de Pontevedra, que conta cun investimento superior aos 6 millóns de euros, dos que o Goberno galego achega o 75%, é dicir, máis de 4,6 millóns.

Imaxes relacionadas