A Xunta mantén aberto o prazo de solicitudes para participar nos coworkings de Celanova e Cenlle

Os emprendedores poden inscribirse ata o 31 de xaneiro nas convocatorias das aceleradoras que se desenvolverán nestes dous concellos ourensáns

O novo espazo de Cenlle súmase aos abertos este ano en Palas de Rei e Moaña e aos xa activos en Celanova, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Cabana de Bergantiños, Ferrol, Santiago e Vilanova de Arousa

Durante as últimas edicións realizadas na provincia foron apoiadas 70 novas empresas

Celanova (Ourense), 13 de xaneiro de 2020

Os espazos coworking de Celanova e O Ribeiro, impulsados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), manteñen aberto ata o 31 deste mes de xaneiro o prazo de inscrición nas convocatorias destinadas aos emprendedores que desexen dispor de asesoramento e apoio formativo para desenvolver unha iniciativa empresarial.

Mentres que o espazo do Ribeiro, con sede no concello de Cenlle, abre a súa primeira convocatoria e promoverá principalmente actividades relacionadas coa agroalimentación, o turismo rural e a economía circular; o de Celanova acelera proxectos de calquera ámbito económico e acada coa presente a súa quinta edición. As convocatorias anteriores celebradas na provincia de Ourense levan apoiado as iniciativas de 133 emprendedores e a creación e consolidación de 70 novas empresas.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria reforza en 2020 a súa aposta polo emprendemento coa posta en marcha de tres novos coworking en distintas localidades. Así, xunto cos xa activos ata 2019, durante este ano estarán en funcionamento un total de 10 espazos, que facilitarán o desenvolvemento das iniciativas empresariais de 220 emprendedores. Todos eles comezarán proximamente a desenvolver os programas das convocatorias actuais.

Ademais da aceleradora de Cenlle, as outras dúas novas impulsarán proxectos relacionados con actividades específicas. Por unha banda, a situada en Palas de Rei (Lugo) centrarase no Camiño de Santiago e fomentará o emprendemento na ruta xacobea. Por outra, a do Morrazo (no concello de Moaña) impulsará a procura de novas oportunidades a emprendedores e empresarios relacionados co sector naval.

Estes novos espazos súmanse aos xa en funcionamento en edicións anteriores e abertos na Mariña lucense (con sede en Mondoñedo), A Ribeira Sacra (Monforte de Lemos), A Costa da Morte (Cabana de Bergantiños), Santiago de Compostela, Ferrolterra (CIS Tecnoloxía e Deseño en Ferrol) e O Salnés (Vilanova de Arousa). Esta rede de aceleración leva impulsados 625 proxectos de máis de 700 emprendedores, e un total de 227 iniciativas xa se constituíron como empresas.

Os espazos coworking forman parte da plataforma StartIN Galicia, que agrupa a todas as aceleradoras que apoia a Administración autonómica e que permitiu nos últimos cinco anos impulsar máis de 1000 proxectos emprendedores en todo o territorio. Dentro desta plataforma de apoio integral desenvólvense as business factories e outras aceleradoras como Agrobiotech, ViaGalicia, Galicia Open Future e Connecting For Good Galicia.

Imaxes relacionadas