A Consellería do Medio Rural promocionou a marca de garantía 'Galega 100%' nun total de 25 accións ao longo do pasado ano

O obxectivo foi divulgar este selo de calidade diferenciada, que garante a procedencia do produto e a súa elaboración dentro da comunidade galega

Entre os distintos eventos, relacionados fundamentalmente coa gastronomía e o deporte, repartíronse case 60.000 unidades de bricks de leite desta marca, ademais de folletos informativos

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2020

A Consellería do Medio Rural promocionou a marca de garantía Galega 100% nun total de 25 accións ao longo do ano 2019, co fin de divulgar este selo de calidade diferenciada que garante a procedencia do produto e a súa elaboración dentro da comunidade galega.

A través dos distintos eventos promocionais, relacionados fundamentalmente coa gastronomía e co deporte, a Consellería incentivou o consumo de leite e de produtos lácteos galegos de calidade entre a poboación, tendo en conta os seus indubidables beneficios para a saúde. Deste xeito, fíxose promoción do seu consumo nas carreiras pedestres de Frades, Angrois e Porto do Son, así como en varios partidos de baloncesto en Ourense e en distintos certames gastronómicos, tales como Xantar, Fórum Gastronómico da Coruña ou Salimat, entre outros.

As accións promocionais consistiron na montaxe dun posto itinerante que contaba cun mostrador-expositor para almacenaxe e distribución de bricks de leite. Tamén se empregaron paneis e folletos informativos sobre a marca, para facilitar ao consumidor información sobre como identificar este leite nos diferentes puntos de venda, así como coñecer as garantías e o seu significado. En todo o ano 2019 repartíronse case 60.000 unidades de bricks de leite amparado coa marca de garantía Galega 100%.

Desta forma, a Xunta puxo en valor a calidade do leite galego e reivindicou o peso do sector lácteo na nosa comunidade, que é unha das primeiras rexións europeas produtoras de leite e ocupa actualmente o oitavo posto dentro da UE. O pulo deste sector ponse de manifesto tamén porque os máis de 7.000 gandeiros galegos facturan anualmente uns 800 millóns de euros e a produción de leite en Galicia representa o 40% de España, consolidando a nosa comunidade como líder indiscutible no ámbito nacional.

Cómpre lembrar que o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal) é o xestor desta marca, que está promovida pola Xunta a través da Consellería do Medio Rural.

Imaxes relacionadas