A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, abordará co secretario de Estado de Medio Ambiente os avances na busca de solucións ao abastecemento de auga a Vigo

A Xunta trasladará a vindeira semana ao Goberno de España as principais necesidades de Galicia en materia de abastecemento e saneamento das augas

O Goberno galego interesarase polas previsións relativas á dragaxe da ría do Burgo, tendo en conta o compromiso do Executivo de cofinanciar a actuación con fondos europeos

A conselleira solicitará que o Goberno de España destine os fondos europeos consignados a Galicia a financiar o antes posible as actuacións necesarias en Ponteareas, Salvaterra de Miño, Monforte de Lemos ou Ames

Abordará, tamén, as previsións sobre a execución e financiamento da nova depuradora de Santiago de Compostela e sobre o saneamento de Raxó, no municipio de Poio

Prevé solicitar a maior axilidade posible na tramitación dos informes necesarios para desenvolver as obras de saneamento da ría de Pontevedra 

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2020

A Xunta trasladará a vindeira semana ao Goberno de España as principais necesidades de Galicia en materia de saneamento e abastecemento de auga. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, manterá o próximo martes unha reunión de traballo co secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, na que solicitará o apoio da Administración central para atender os asuntos máis prioritarios.

Entre os principais temas da reunión, está previsto abordar os avances na busca de solucións aos problemas estruturais do sistema de abastecemento de auga de Vigo e a súa comarca. A Xunta colabora no cofinanciamento dun estudo destinado a establecer a mellor alternativa para garantir a longo prazo o subministro de auga a Vigo. Ese estudo foi licitado recentemente polo Goberno de España e a conselleira solicitará información sobre as previsións de inicio e progreso dos traballos.

Ademais, Ethel Vázquez trasladará, novamente, a preocupación de Galicia pola falta de avances en relación coa dragaxe da ría do Burgo, cando está a piques de cumprirse un ano desde que o Goberno de España se comprometera a impulsar as obras con cofinanciamento de fondos europeos.

Tal e como fixo de forma reiterada ao longo do último ano, a conselleira solicitará que o Goberno de España destine os fondos europeos consignados a Galicia a financiar o antes posible as actuacións necesarias en Ponteareas, Salvaterra de Miño, Monforte de Lemos ou Ames.

Abordará, tamén, as previsións sobre a execución e financiamento da nova depuradora de Santiago de Compostela e sobre o saneamento de Raxó, no municipio de Poio. Prevé solicitar a maior axilidade posible na tramitación dos informes necesarios para desenvolver as obras de saneamento da ría de Pontevedra