Un novo libro-disco de Paco Montero réndelle homenaxe ao autor das Letras Galegas 2020

O secretario xeral de Política Lingüística participou na presentación de 'Paco Montero canta a Lumieira de Carvalho Calero', que conta co apoio da Xunta  

Ferrol, 10 de xaneiro de 2020

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe no Teatro Jofre de Ferrol no concerto-presentación do libro-disco Paco Montero canta a Lumieira de Carvalho Calero. Trátase dun traballo apoiado pola Xunta de Galicia no que o que fora cantante dos Tamara lles pon música a oito poemas do autor ferrolán a quen a Real Academia Galega (RAG) decidiu dedicarlle o vindeiro Día das Letras Galegas.

Valentín García felicitou a Paco Montero pola súa “madrugadora iniciativa”, pois “aínda acaba de comezar o ano en que as Letras Galegas lle renderán homenaxe ao profesor e escritor Ricardo Carvalho Calero e xa temos na rúa este libro-disco que contribúe a honrar a súa memoria e a difundir a súa dimensión de poeta”. Na mesma liña, o secretario xeral de Política Lingüística quixo destacar que o profesor Carvalho Calero “ten unha obra ampla que abrangue diversos xéneros e temáticas, unha obra que espero que redescubramos e aprendamos a valorar no 2020 na súa totalidade”.

Xunto con Valentín García, interviñeron na presentación distintos representantes institucionais, entre eles o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e a filla de Ricardo Carvalho Calero, María Victoria Carballo-Calero Ramos.

A continuación, Paco Montero, acompañado polo grupo musical Feriatricos, e as cantoras Belén e L. Buche, interpretaron a selección de poemas musicados no libro-disco Paco Montero canta a Lumieira de Carvalho Calero, que lle foi entregado como agasallo ao público asistente. O acto estivo organizado pola Consellería de Cultura e Turismo, o Concello de Ferrol, a Real Academia Galega (RAG) e o Club de Prensa de Ferrol. 

Imaxes relacionadas