A Xunta apunta en Vilalba que a formación é clave para impulsar a competitividade da industria forestal

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou na inauguración dun curso organizado pola Asociación de Empresas da Madeira de Lugo enfocado a mellorar o desenvolvemento de tarefas no monte

Esta iniciativa enmárcase na Estratexia de formación da industria forestal, a través da cal se aposta por formar profesionais cualificados e desenvolver competencias relacionadas coas novas tecnoloxías

A Consellería de Economía, Emprego e Industria poñerá en marcha nas próximas semanas axudas específicas por 12,4 millóns de euros para impulsar a innovación e a modernización neste eido
 

Vilalba (Lugo), 10 de xaneiro de 2020

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, sinalou hoxe en Vilalba, na apertura dun curso orientado a mellorar o desenvolvemento de tarefas no monte organizado pola Asociación de Empresas da Madeira de Lugo, a importancia da formación para impulsar a competitividade da industria forestal galega.

Esta iniciativa enmárcase na Estratexia de formación da industria forestal, a través da cal a Xunta aposta por formar profesionais cualificados, desenvolver competencias relacionadas coas novas tecnoloxías e a innovación e promover a transferencia de coñecemento á industria.

Ademais de apoiar as iniciativas de formación, a Consellería de Economía, Emprego e Industria activará nas próximas semanas apoios específicos para impulsar a innovación e a modernización tecnolóxica na industria forestal que suman 12,4 millóns de euros. Así, a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) poñerá en marcha unha orde de axudas dotada con 10,4 millóns de euros para realizar investimentos en tecnoloxías forestais, procesado, mobilización e comercialización de produtos forestais. Activarase así mesmo un programa por 2 millóns destinado ás empresas da segunda transformación da madeira e o sector contract, co que se apoiarán os investimentos dirixidos á valorización, potenciación, innovación e mellora neste eido.
 

Imaxes relacionadas