Cores Tourís comproba a recuperación da contorna das augas da Freixa en Cerdedo-Cotobade

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou os case 29.200 euros destinados dende a Consellería de Cultura para este fin a través dunha subvención para mellora de infraestruturas turísticas

Pontevedra, 10 de xaneiro de 2020

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá a colaboración da Consellería de Cultura e Turismo co concello de Cerdedo-Cotobade ao que aportou un total de case 29.200 euros para a execución dun proxecto que permitiu mellorar o camiño e o entorno das augas da Freixa.

O delegado comprobou a execución das obras en compañía do alcalde da localidade, Jorge Cubela.

Grazas á liña de axudas para proxectos de mellora de infraestruturas turísticas da Consellería de Cultura, o concello de Cerdedo-Cotobade puido levar a cabo o mellorar os accesos e a posta en valor das augas medicinais da Freixa no lugar da Dorna, na parroquia de Santa María de Sacos, cun investimento global de 44.919 euros dos cales 29.197 corresponderon á achega da Xunta de Galicia.

Trátase dunha zona de augas termais con grandes propiedades para a saúde moi similar á dos Baños de San Xusto, polo que o concello solicitou unha axuda de cara á súa rehabilitación, no marco dunha actuación integral nesta área. Ata a execución das obras, era imposible acceder ao punto de surxencia das augas, xa que os camiños tradicionais de acceso atopábanse totalmente pechados pola vexetación.

Deste xeito, procedeuse a creación dun itinerario novo en conexión con camiños existentes que facilitasen o acceso tamén á zona da Canle de Auga que alimenta a minicentral eléctrica de Dorna. O concello tamén considerou importante que o proxecto de mellora tivera en conta a conexión entre todos os elementos patrimoniais e paisaxísticos da contorna que fan que a experiencia de coñecemento e de paseo polo lugar sexa positivo para o visitante, xa que no lugar hai varias casas de pedra do país, alpendres, palleiras, hórreos, unha capela, un palomar e un castro coñecido como “da Roda”.

As obras consistiron no desbroce do contorno, na limpeza dos poilares de pedra, a plantación de especies arbóreas, a colocación de paneis informativos, pavimentación de camiños, e instalación dunha barandilla de corda.

A Lama, Bueu, Campo Lameiro, Marín e Poio foron outros dos concellos beneficiados con estas axudas nas comarcas de Pontevedra e o Morrazo.

Cultura e Turismo destinou así en 2019, un total de preto de 660.000 euros para 26 proxectos de outros tantos concellos na provincia de Pontevedra. O obxectivo é fomentar a accesibilidade e sinalización turística nos recursos turísticos no medio rural, dotando a este entorno das infraestruturas e sinalización adecuadas para convertelo nun recurso turístico accesible de acordo cun dos principais obxectivos de Turismo de Galicia que persegue o desenvolvemento do territorio segundo os principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade.

Imaxes relacionadas