Conde pon en valor o diálogo social como a ferramenta para contar cunha Galicia máis competitiva que asegure un traballo de calidade e de futuro

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá en Teo nas Xornadas de acción sindical e negociación colectiva 2020, organizadas por UGT-FICA Galicia

Incidiu na importancia do diálogo social e agradeceu ao sindicato a súa colaboración no novo acordo asinado en decembro polos axentes sociais e económicos galegos e a Xunta para avanzar nas relacións laborais e reforzar o tecido produtivo galego a través da formación, a innovación e a sustentabilidade
 

Teo (A Coruña), 10 de xaneiro de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, puxo hoxe en valor o diálogo social como a mellor ferramenta para contar cunha Galicia competitiva que asegure un traballo de calidade e de futuro baseado en aspectos como a igualdade ou a formación. O conselleiro asistiu esta mañá en Teo (A Coruña) ás Xornadas de acción sindical e negociación colectiva 2020, organizadas por UGT-Fica Galicia.

O conselleiro lembrou que o pasado mes de decembro os principais axentes económicos e sociais asinaron coa Xunta un novo acordo de diálogo social co obxectivo de fortalecer o modelo produtivo galego a través dunha maior igualdade laboral, maior presenza da innovación e a formación, un maior compromiso coa sustentabilidade e a modernización das relacións laborais.

Segundo Conde, as novas medidas permitirán reforzar o tecido empresarial, estabilizar o ritmo de produción e ofrecer mellores condicións para garantir a captación de novos investimentos e empresas, xa que máis diálogo social significa, tamén, máis e mellor emprego. Galicia é nestes momentos a Comunidade cun maior número de convenios colectivos -máis de 1000- dos que se benefician máis de 485.000 persoas. Neste sentido, Conde animou a seguir na vía do diálogo avanzando en retos como a Industria 4.0
-afondando na igualdade e na formación-; ou unha transición enerxética xusta e ordenada.

Conde pediu, en definitiva, máis diálogo social porque da colaboración, asegurou, xorden os mellores resultados: “Do traballo conxunto nace unha Galicia máis preparada e máis innovadora”, subliñou e engadiu que as administracións son as primeiras que teñen que dar exemplo.
 

Imaxes relacionadas