O director xeral de Desenvolvemento Rural e o alcalde supervisaron esta mañá a rede de camiños principais

A Xunta destinou preto de dous millóns de euros na reestruturación parcelaria de San Bartolomeu de Berrande, no Concello de Vilardevós

Actualmente está pendente da aprobación do acordo, que dará a coñecer as novas parcelas resultantes do proceso de reorganización

Esta zona de reorganización afecta a unha superficie total de 547 hectáreas, propiedade de 260 veciños

Vilardevós (Ourense), 10 de xaneiro de 2020

O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, desprazouse esta mañá ata o concello ourensán de Vilardevós para supervisar a rede de camiños principais na zona de reestruturación parcelaria de San Bartolomeu de Berrande, onde xa se investiron preto de dous millóns de euros. Na visita tamén estiveron presentes o alcalde de Vilardevós, Manuel Cardoso, e representantes dos propietarios na Xunta Local.

Esta zona de reorganización afecta a unha superficie total de 547 hectáreas, propiedade de 260 veciños. Na actualidade, está pendente da aprobación do acordo, que dará a coñecer as novas parcelas resultantes do proceso de reorganización. A día de hoxe, son un total de 4.054 os predios, cunha superficie media de 1.350 metros cadrados. Neste sentido, o director xeral avanzou que se espera contar coa firmeza nos vindeiros meses, co fin de que os veciños poidan empregar o antes posible as parcelas resultantes, que tras o proceso serán 623 fincas de 8.700 metros cadrados de superficie media.

Durante a súa visita, o director xeral lembrou que a Consellería do Medio Rural destinará neste ano 2020 outros 20 millóns de euros para impulsar os 103 procesos abertos a día de hoxe e rematalos administrativamente. Unha cifra, subliñou Pérez Dubois, que se incrementa ata os 100 millóns de euros no que vai de lexislatura, un esforzo e compromiso por parte do Goberno galego para dinamizar o agro e contribuír así á mellora da calidade de vida dos seus veciños.

Así, asegurou que as parcelarias seguen a ser un dos mellores mecanismos para darlle máis valor ás terras, á vez que permiten aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os custos de produción das mesmas. Por iso, engadiu o director xeral, as novas reestruturación parcelarias teñen unha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións.

Imaxes relacionadas