A Xunta, a través do GDR Ribeira Sacra-O Courel, apoia con 41.000 euros a posta en marcha dunha residencia canina na Pobra do Brollón

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, visitou hoxe as instalacións, que obtiveron unha achega próxima ao 50% do orzamento do proxecto

Trátase dunha residencia canina e felina que tamén conta con centro de cría de cans

Balseiro salientou que os investimentos produtivos dos GDR “contribúen á diversificación da economía local e á creación emprego”

Lugo, 09 de xaneiro de 2020

A Xunta de Galicia, a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ribeira Sacra-O Courel, apoiou cunha achega de 41.300 euros a posta en marcha dunha residencia canina e felina que tamén conta con centro de cría canina no concello da Pobra do Brollón.

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe as instalacións acompañado do alcalde, José Luis Maceda; o presidente do GDR, José Manuel Arias, e a promotora da residencia, Xenia Monterde, entre outras persoas.

Balseiro explicou que a achega autonómica foi do 48,5% do orzamento deste proxecto, que permitiu implantar na Pobra do Brollón un servizo do que carecía a zona. O delegado afirmou que os investimentos produtivos dos GDR “contribúen á diversificación da economía local e á creación emprego”.

A actividade da residencia Kükay permitiu consolidar un emprego -o da promotora- e crear un posto de traballo a media xornada. Nas súas instalacións conta cunha pista Agility, dúas zonas de xogo para os animais e 5.000 metros cadrados de terreo para correr.

O delegado salientou a importancia de que a Administración destine recursos a estimular o emprendemento “para reforzar o tecido económico e empresarial no medio rural” e lembrou que xunto aos proxectos produtivos, os GDR financian tamén outros non produtivos que redundan na mellora dos servizos do medio rural e na calidade de vida dos seus veciños e veciñas.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural