Portos de Galicia analiza coa confraría e bateeiros da Pobra do Caramiñal a necesidade de reparacións nos pantaláns do Peirao

O ente público dependente da Consellería do Mar acometerá reparacións puntuais para atender necesidades urxentes e licitará a execución de melloras substanciais nas infraestruturas flotantes da Pobra do Caramiñal

Santiago, 9 de xaneiro de 2020

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, mantivo esta semana un encontro con representantes da confraría e do sector bateeiro da Pobra do Caramiñal. Durante a xuntanza analizaron a necesidade de realizar reparacións nos pantaláns do peirao para mellorar o servizo aos usuarios. En relación a estas melloras, a presidenta de Portos de Galicia trasladoulles a previsión de acometer reparacións puntuais para atender as necesidades urxentes e de licitar neste ano as actuacións de maior envergadura.

Estas actuacións de maior calado incluirán, entre outras, a restitución completa do pavimento dos pantaláns de terceira e cuarta lista, a instalación de torretas de subministro de auga e electricidade, a mellora do alumeado a eliminación dos fondeos dos finguers e a redistribución de prazas de amarre para adaptalas ás embarcacións actuais.

Outro dos temas abordados no encontro foi a dragaxe do peirao para favorecer o calado das embarcacións. En relación a esta actuación, a presidenta de Portos sinalou que na súa tramitación tamén se incorporará a dragaxe do peirao comercial.

A seguridade nas instalacións portuarias foi outro dos asuntos tratados na reunión. En relación a esta cuestión Susana Lenguas sinalou que Portos de Galicia está a analizar a viabilidade de posibilidades como a videovixilancia a nivel global. No encontro tamén abordaron outras cuestións relacionadas co aparcamento de vehículos, a permeabilidade do peirao comercial e a regulación do tráfico no peirao.

Imaxes relacionadas