A Xunta e o Ministerio de Agricultura acordan levantar a prohibición de plantar pataca en nove concellos galegos afectados pola couza

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias comunicou esta medida tras reunirse co director xeral de Sanidad de la Producción Agraria, nunha xuntanza na que tamén participou Asturias

Trátase dos concellos de Ares, Mugardos, Cabanas, Fene, Ferrol, A Capela e As Pontes de García Rodríguez, na provincia da Coruña, e dos de Ourol e Abadín, na de Lugo

O DOG publicará nos próximos días unha resolución para facer efectivo o acordo
 

Madrid, 9 de xaneiro de 2020

A Xunta e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación acordaron hoxe levantar a prohibición de plantar pataca en nove concellos das provincias da Coruña e Lugo afectados pola couza guatemalteca. O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, comunicou esta decisión tras reunirse en Madrid con Valentín Almansa, director xeral de Sanidad de la Producción Agraria, nunha xuntanza de coordinación na que tamén participaron responsables do Goberno do Principado de Asturias.

Deste xeito, as diferentes administracións con competencias na materia actúan de xeito conxunto e coordinado para facer fronte á couza, tal e como destacou o representante da Consellería do Medio Rural. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará nos próximos días unha resolución para facer efectivo este acordo. O levantamento da prohibición beneficiará os agricultores dos concellos de Ares, Mugardos, Cabanas, Fene, Ferrol, A Capela e As Pontes de García Rodríguez, na provincia da Coruña, e dos de Ourol e Abadín, na de Lugo.

Esta medida xa fora avaliada e proposta na última xuntanza da comisión de seguimento da couza guatemalteca da pataca, que tivo lugar o pasado día 11 de decembro en Santiago. Naquela reunión constatouse unha evolución moi positiva na redución de capturas en todos os municipios da zona infestada e que nestes nove non se rexistrou ningunha nos últimos dous anos, razón que permite levantar as restricións, de forma que os citados concellos pasen de estar en zona infestada á zona tampón.

Isto supón que se permitirá plantar pataca, pero que se fará un seguimento exhaustivo das plantacións por parte da Consellería do Medio Rural e manteranse as demais medidas de control e vixilancia previstas na lexislación, co obxectivo último de controlar a expansión da couza.
 

Imaxes relacionadas