Cores Tourís comproba a adecuación do entorno do conxunto de hórreos do núcleo de Parada en Campo Lameiro

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou os case 14.000 euros destinados dende a Consellería de Cultura para este fin a través dunha subvención para mellora de infraestruturas turísticas

Pontevedra, 9 de xaneiro de 2020

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá a colaboración da Consellería de Cultura e Turismo co concello de Campo Lameiro ao que achegou un total de case 14.000 euros para a execución dun proxecto que permitiu adecuar o entorno do conxunto de hórreos do núcleo de Parada.

O delegado comprobou a execución das obras en compaña do alcalde da localidade, Carlos Costa.

Grazas á liña de axudas para proxectos de mellora de infraestruturas turísticas da Consellería de Cultura, o concello de Campo Lameiro puido levar a cabo o adecentamento do entorno do conxunto de hórreos e de humanización do acceso ao núcleo urbano, cun investimento global de 21.504 euros dos cales 13.977 corresponderon á aportación da Xunta de Galicia.

O conxunto de hórreos do núcleo de Parada denomínase “eirado das cabanas”, e está situado nunha orografía bastante accidentada respecto aos camiños públicos máis próximos.

A Lama, Bueu, Cerdedo-Cotobade, Marín e Poio foron outros dos concellos beneficiados con estas axudas nas comarcas de Pontevedra e o Morrazo. Os hórreos presentaban bo estado de conservación, aínda que non así o espazo físico onde se asentan, cunha accesibilidade complicada. A intervención realizada foi respectuosa e homoxénea en relación ao conxunto arquitectónico que conta tamén cunha capela e un lavadoiro público.

As obras consistiron na demolición da construción auxiliar asentada no camiño público e do peche de malla de galiñeiro sobre o muro de pedra, a supresión de barreiras arquitectónicas, a instalación de bancos e dun sendeiro para o goce da área, e o ensanche dun tramo do camiño de acceso que supuxo ter que desprazar lixeiramente o hórreo máis externo.

Cultura e Turismo destinou así en 2019, un total de preto de 660.000 euros para 26 proxectos de outros tantos concellos na provincia de Pontevedra. O obxectivo é fomentar a accesibilidade e sinalización turística nos recursos turísticos no medio rural, dotando a este entorno das infraestruturas e sinalización adecuadas para convertelo nun recurso turístico accesible de acordo cun dos principais obxectivos de Turismo de Galicia que persegue o desenvolvemento do territorio segundo os principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade.

Imaxes relacionadas