O Tribunal Supremo dá a razón á Xunta de Galicia e anula a sentencia sobre as vivendas de uso turístico

Atende o incidente de nulidade presentado no mes de novembro polo Goberno galego ao entender que se vulnerou o seu dereito á tutela xudicial efectiva

Dá plena vixencia ao decreto galego que establece que o aluguer deste tipo de aloxamentos turísticos debe realizarse na súa totalidade e non por estancias

Santiago de Compostela, 08 de xaneiro de 2020

A xustiza volve avalar unha vez máis á Xunta de Galicia na defensa da súa regulación das vivendas de uso turístico. O Tribunal Supremo dá a razón ao Goberno galego e anula a sentenza emitida o pasado mes de outubro, na que invalidaba un dos aspectos da norma galega para este tipo de aloxamentos.

O Executivo autonómico presentou en novembro un incidente de nulidade logo de entender que se vulnerou o seu dereito á tutela xudicial efectiva, dado que a sentenza pretendía anular un artigo do decreto 12/2017 que xa estaba contido previamente na lei 7/2011. Agora o Alto Tribunal atende as reclamacións formuladas desde Galicia e anula o fallo emitido. Ao mesmo tempo, desestima as alegacións presentadas por parte da Avogacía do Estado.

Esta decisión supón o respaldo ao defendido pola Xunta nas últimas semanas e dá plena vixencia á nosa normativa sobre o alugueiro turístico. En base a isto, tanto as vivendas turísticas como as vivendas de uso turístico deben sempre comercializarse pola totalidade da vivenda e non por estancias, como reclama a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC), que vén presentando distintos recursos fronte á normativa galega.

A Xunta saúda esta decisión que avala unha normativa razoable a través da cal estase a regular con eficacia un fenómeno global como o das vivendas de uso turístico. Precisamente co fin de seguir mellorando a súa ordenación, o Executivo vén de introducir melloras na transparencia e publicidade destas vivendas ao tempo que intensificará o seu labor de inspección, garantindo a seguridade e un marco de convivencia e impedindo o intrusismo.

Imaxes relacionadas