A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade supervisou esta mañá a instalación dunha nova marquesiña en Vilarrodís, no concello de Arteixo, co fin de facilitar a mobilidade dos veciños e potenciar o uso do transporte público

Ethel Vázquez destaca que case 1.000 mozos de 19 e 20 anos xa se fixeron beneficiarios nesta primeira semana do ano da tarxeta Xente Nova, que permite realizar viaxes gratuítas no autobús interurbano

Vázquez Mourelle salienta que o Plan de transporte público de Galicia, que estará culminado este ano, estenderá o uso deste dispositivo aos menores de 21 anos de toda a comunidade ata cubrir o 100% das liñas de autobús da Xunta

Lembra que dende o 1 de xaneiro se ampliou o rango de idade dos beneficiarios da tarxeta ata os 21 anos para seguir contribuíndo á economía das familias, facilitando o acceso á formación non obrigatoria e fomentar a mobilidade sustentable

Arteixo (A Coruña), 7 de xaneiro de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, visitou hoxe o concello de Arteixo, onde salientou que uns 1.000 mozos de 19 e 20 anos xa se fixeron beneficiarios nesta primeira semana de 2020 da tarxeta Xente Nova, que permite realizar viaxes gratis no autobús interurbano.

Vázquez Mourelle avanzou estes datos na supervisión da marquesiña instalada en Vilarrodís, no marco do Plan de mellora de refuxios de paradas dos servizos públicos de transporte, que prevé colocar 150 novas instalacións na comunidade, cunhas 30 xa en servizo.

Destacou que o Goberno galego segue avanzando con intensidade no proceso de renovación do mapa de liñas de autobús interurbano a través do novo Plan de Transporte Público de Galicia, que estará culminado neste ano 2020.

Concretou que o plan estenderá o uso e as vantaxes da tarxeta Xente Nova, que posibilita as viaxes de balde aos menores de 21 anos, a toda a comunidade ata cubrir o 100% das liñas de autobús da Xunta.

Lembrou que dende o pasado 1 de xaneiro xa é efectiva a ampliación do uso deste dispositivo e das súas vantaxes ata os menores de 21 anos, permitindo que se beneficien milleiros de mozos máis.

Fixo fincapé en que esta iniciativa, dende que se puxo en marcha, xa permitiu que 55.000 mozos de toda Galicia –uns 8.000 na área da Coruña e máis de 1.800 en Arteixo- se teñan beneficiado do transporte gratuíto en autobús.

O Goberno galego investirá este ano máis de 2,6 M€ neste programa social que busca contribuír á economía das familias, facilitar o acceso á formación non obrigatoria e fomentar o uso do transporte público e dunha mobilidade sustentable e respectuosa co medio.

A conselleira concluíu que a Xunta está a traballar arreo para ofrecerlles aos cidadáns máis e mellores servizos de transporte e promover un sistema máis eficiente que dea resposta ás necesidades reais dos galegos do século XXI.

Imaxes relacionadas