A cooperativa agraria de Xallas e Barcala recibe no 2019 100.000€ en axudas da Xunta para o fomento do uso de maquinaria en réxime asociativo

Ovidio Rodeiro destacou que os principais obxectivos que perseguen estas axudas son a utilización de maquinaria de forma comunitaria, así como fomentar o uso de novas tecnoloxías e o aforro enerxético

Mazaricos (A Coruña), 04 de xaneiro de 2020

O delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, informou da resolución das axudas concedidas na convocatoria de 2019 para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo (CUMAS).
En concreto, na comarca do Barbanza recibe estas achegas a cooperativa agraria Cuma de Xallas e Barcala de Mazaricos, sendo o importe total da subvención de 100.000 euros.
Estas achegas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, apostan por fomentar a adquisición de maquinaria para a súa utilización en réxime asociativo.

Trátase de mellorar os resultados económicos das explotacións agrarias e facilitar a súa reestruturación e modernización, en particular co obxecto de incrementar a súa participación e orientación cara o mercado, así como a diversificación agrícola. Ao tempo, procúrase tamén reducir as emisións dos gases de efecto invernadoiro e de amoníaco procedentes da agricultura.

O delegado territorial puxo en valor que en toda a provincia da Coruña recibiron estas achegas 20 cooperativas cun investimento total de máis de 1,3 millóns de euros e en Galicia foron 36 as cooperativas beneficiadas cunha achega global de 2,8 millóns de euros.
Ovidio Rodeiro destacou que “os principais obxectivos que se perseguen estas axudas son a utilización de maquinaria e equipos agropecuarios de forma asociativa, así como fomentar o uso de novas tecnoloxías e o aforro enerxético”.
O importe da achega será do 35% dos custos, que poderá incrementarse ata un máximo do 50% en función de criterios que priman a localización como as zonas con limitacións naturais. Para a concesión destas axudas valóranse determinados aspectos relacionados coa entidade asociativa, como a súa tipoloxía, en relación a se son cooperativas agrarias, sociedades agrarias de transformación ( SAT) ou cooperativas de utilización de maquinaria agrícola ( Cuma).
 

Departamento:
C. do Medio Rural