As obras do IES Castro de Baronceli (Verín) avanzan a bo ritmo e a actividade lectiva retomarase o día 8 de xaneiro

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, visitou hoxe o centro, cuxo tellado quedou levantado a raíz do temporal Elsa

Nestes días estanse executando os labores de maior envergadura, que continuarán unha vez que se reinicie o curso escolar, aínda que parte da actividade lectiva se concentrará nas aulas de planta baixa para evitar molestias aos estudantes
 

Verín (Ourense), 3 de xaneiro de 2020

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, desprazouse esta mañá ata Verín para comprobar o desenvolvemento das obras que se están levando a cabo na cuberta IES Castro de Baronceli, que sufriu importantes danos a raíz dos últimos temporais que afectaron a Galicia.

Precisamente, debido ao levantamento total do tellado deste centro, o día 23 do mes pasado a Consellería de Educación, adxudicou as obras de reparación pola vía do procedemento de emerxencia á empresa Vipeca, Obras Y Servicios S.L., por un importe de 252.471 euros, xa que foi a que presentou o orzamento máis completo e un menor prazo de execución. E, de feito, as obras comezaron ese mesmo día coa retirada de parte dos restos de cuberta exterior.

Nestes momentos, segundo lle explicaron os técnicos á conselleira, as obras están avanzando a bo ritmo e o vindeiro mércores día 8 retomarase a actividade lectiva no instituto.

Agora mesmo estanse levando a cabo os traballos de maior envergadura, aínda que continuarán unha vez reiniciado o curso tralas vacacións de Nadal. Non obstante, co fin de evitar molestias aos estudantes, a actividade lectiva de 1º e 2º da ESO concentrarase nas aulas da planta baixa do centro.

Así, toda a estrutura de cuberta da ala sur está completa e o panel de sándwich executado acada unha superficie superior a dous terzos do total do tellado, polo que se poderá iniciar as actividades docentes dende o primeiro día de volta de vacacións de nadal.

Unha vez rematada toda esta fase, -que inclúe baixantes e canalóns-, acometerase a cuberta da ala norte do centro educativo, que alberga usos administrativos e docentes.

Simultaneamente aos traballos no exterior, estase a repoñer o falso teito afectado pola entrada de auga, así como as luminarias.

 

Imaxes relacionadas