Empresas asociadas ao Clúster Galego do Téxtil doan 195 prendas de roupa ás entidades sociais presentes no Nadal Solidario

O equipo da Fundación Celta Integra, gañador da Copa de España no 2019, visitou o Tinglado e puido fotografarse e compartir momentos cos visitantes

Hoxe tamén se achegou ata este espazo o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Fernando Iglesias, con doazóns para os nenos e nenas das ONGs

A nota de son correspondeulle no solpor ás bandas escolas de Bembrive, Cabral e Coruxo, que conquistaron coa súas notas musicais ao público asistente

Cómpre lembrar que o cerne deste espazo son as 24 entidades e organizacións sociais participantes coas que o Goberno galego busca fomentar a solidariedade

O venres espérase a visita do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e as actuacións de coral infantil da Fundación Mayeusis e a soprano cubana Dania Diva

Coincidindo coa apertura da tarde estará no Tinglado a Legión 501, un rexemento militar ficticio, pertencente ao universo de Star Wars e con presenza a nivel mundial

Vigo, 2 de xaneiro de 2020

O Nadal Solidario da Xunta recibiu hoxe unha nova doazón. Así o confirmou hoxe a delegada territorial, Corina Porro, acompañada de Alberto Rocha Guisande, secretario xeral do Clúster Galego do Téxtil-Moda, Raquel Pérez Otero, en representación de Lady Belty, e Carlos López Loureiro, por parte de Creaciones Foque.

As citadas empresas, xunto ás firmas Paz Rodríguez e Olga Santoni, fixeron unha doazón en conxunto de 195 prendas de roupa que se destinarán aos máis necesitados, tal e como indicou a representante autonómica, quen agradeceu a implicación da clase empresarial e dos vigueses e viguesas nesta iniciativa solidaria do Goberno galego.

Unha intensa xornada na que o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Fernando Iglesias, en representación desta entidade deportiva aportou o seu grao de area con doazóns para as entidades sociais que manteñen relación directa cos máis cativos.

Asemade, o Nadal Solidario da Xunta de Galicia recibiu hoxe aos integrantes do equipo da Fundación Celta Integra, que visitaron este espazo por segunda vez desde a súa apertura ao público o pasado 16 de decembro. Gañadores da Copa de España, son todo un exemplo de superación, esforzo e autonomía, tal e como subliñou Corina Porro.

O equipo conta actualmente con 25 xogadores del colectivo DI (persoas con discapacidade intelectual) con participación asidua en torneos de la Federación Galega de Deporte Adaptado e na LaLiga Genuina, a competición nacional na que o pasado ano destacaron traendo o título a Vigo.

Xa no solpor, baixo o título de “Vigo o Xacobeo coas Bandas Escolas”, as agrupacións musicais de Bembrive, Cabral e Coruxo encargábanse de pór a nota de son a xornada deste xoves.

En canto a mañá venres, segundo adiantou a delegada territorial, espérase a visita do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, ás 12.30 horas da mañá; e as actuacións de coral infantil da Fundación Mayeusis (19.00 horas) e a soprano cubana Dania Diva (21.00 horas). Antes, coincidindo coa apertura da tarde (17.00 horas), estará no Tinglado a Legión 501, un rexemento militar ficticio, pertencente ao universo de Star Wars e con presenza a nivel mundial. Da man da Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (Asanog), está previsto que realicen un pasarrúas e poidan fotografarse cos asistentes caracterizados como os personaxes da saga.

Espazo solidario

Cómpre lembrar que o cerne desta iniciativa son as 24 ONGs e organizacións solidarias participantes coas que o Goberno galego busca fomentar a solidariedade. Un lugar no que vigueses, turistas, peregrinos e empresarios poderán achegarse para aportar o seu grao de area. Un espazo, ideado pola Delegación Territorial de Vigo en colaboración coa sociedade civil e coa implicación de varias consellerías da Xunta e o Porto de Vigo, que busca canalizar a expresión solidaria dos cidadáns, pero que é moito máis, xa que permitirá encher a cidade de Vigo de cultura e tradición.

Deste modo, a iniciativa ten como obxectivo traballar coa sociedade civil, con entidades solidarias, fomentar accións participativas de ambiente familiar e colaborar en positivo coa cidade cun nadal próximo, xeneroso e solidario, con máis dun cento de actividades ao longo de todo o día en horario de 12 da mañá ás 10 da noite, estendéndose á medianoite os sábados e domingos.

Un proxecto co que se procura pór o foco de atención sobre os aspectos máis tradicionais do Nadal, nun espazo pensado para todos os públicos, coas familias como prioridade, cun programa que protagonizan os vigueses de principio a fin.

Nacemento da Catedral de Santiago

Un dos aspectos máis atraentes no interior do Tinglado é a mostra do Belén da Catedral de Santiago de Compostela, que en 60 metros cadrados amosa preto de 500 pezas articuladas. Asemade, hai tamén demostración de oficios tradicionais, concertos de coros infantís, jazz, teatro e danza.

O apartado da animación corresponde á Federación de Bandas de Música Populares de Vigo e Asociacións de Corais Polifónicas, rondallas e agrupacións teatrais da cidade. Están presentes, alumnos da Escola de Arte Dramático, o coro infantil da Fundación Mayeusis, a Coral Casablanca ou os Bolechas, entre outros. Asemade, grupos locais e de jazz encárganse de amenizar no horario ampliado ata as 00.00 horas as noites dos sábados e domingos.

Á decoración tradicional do Nadal se suman, no interior do Tinglado, nove casetas de madeira que contan actividades propias nas que participan a Autoridade Portuaria de Vigo, que dá a coñecer os seus ambiciosos proxectos medioambientais; a Consellería de Medio Ambiente, coa celebración de talleres infantís que ofrecen desde experimentos de “Ciencia Divertida” ata actividades de reciclaxe e concienciación medioambiental; a Consellería de Mar, con actividades informativas das súas campañas; a Consellería de Cultura e Turismo e a Consellería do Medio Rural, que poñen o foco de atención nos seus diferentes programas; Anfaco, que fai demostracións de conservas, degustacións e organiza talleres informativos e showcookings; e as 24 ONGs que, en diferentes quendas durante as mañás e as tardes, teñen a oportunidade de trasladar o seu proxecto solidario á cidadanía.

Teñen así representación, APAM, Aspanaex, San Rafael, San Francisco, Igualarte, Down Vigo, Alento, Cáritas, o Comedor da Esperanza, as Misioneras do Silencio, AFAN, Ayuvi, Afaga, Asdegal, Red Madre, a Fundación Balms, Fundega, Discamino, Bicos de Papel, Asanog, Fundación Stop, Vida Digna, a Fundación Magar e a Asociación de Xordos de Vigo.

Así mesmo, a programación conta con xornadas especiais para os colexios, centros sociais de maiores e os nenos oncolóxicos do Hospital Álvaro Cunqueiro.

Por último, a Fundación Celta de Vigo trouxo xogadores do equipo de primeira división e do equipo Integra, formado por deportistas con discapacidade (gañadores no 2019 da Copa de España), cos que os visitantes puideron compartir momentos e pedirlles autógrafos.

Poboado de Nadal, Reis Magos e carrusel

Xa no exterior do Tinglado, na viguesa Praza da Estrela, hai disposto un poboado de Nadal e unha gran caseta onde o Paxe real recollerá as cartas dos máis pequenos da casa. Un espazo que completan o clásico carrusel e grandes figuras representando aos Reis Magos e ao tradicional moneco de neve. O eixo principal desta decoración é o Camiño de Santiago e os seus símbolos: a vieira ou as mouteiras.

Tamén participan no exterior as asociacións de comerciantes de Vigo, que se aquendan para ofrecer información sobre campañas para as compras do Nadal nos barrios de Vigo; ou a Dirección Xeral de Xuventude, con animación xuvenil e máis de voluntariado para os mozos vigueses.

Hai casetas para garapiñadas e castañeiras tradicionais e un grupo de foodtrucks, entre os que participan: Pescanova, Frutas Nieves, La Joaquina e La Pepita. Todas elas contribuirán a este Nadal Solidario doando parte da recadación ás ONGs.

No solpor das fines de semana hai concertos de grupos vigueses.

Imaxes relacionadas