A Xunta contrata a actualización dos mapas de perigosidade e risco de inundación en Galicia-Costa para o ciclo 2021-2027, cun investimento de máis de 200.000 euros

Este actuación forma parte do traballo de prevención e preparación ante os desafíos derivados do cambio climático e ten un prazo de execución de 12 meses

A planificación hidrolóxica é a ferramenta esencial das políticas de xestión da auga e Augas de Galicia ten actualizado e revisado os contidos da avaliación preliminar do risco de inundación

Os traballos obxecto deste contrato abranguen a realización dos mapas dos novos tramos das Áreas con Risco Potencial Significativo de Inundacións e inclúe tamén a revisión e actualización das áreas existentes do ciclo vixente
 

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de formalizar o contrato do servizo de apoio técnico para a actualización e revisión dos mapas de perigosidade e risco de inundación da Demarcación hidrográfica de Galicia-Costa para o ciclo 2021-2027.

Este contrato, adxudicado á empresa Aquática Ingeniería Civil, S.L, contará cunha achega de máis de 200.000 euros e dispón dun prazo de execución de 12 meses.

Este contrato enmárcase dentro do traballo de prevención e preparación ante os desafíos derivados do cambio climático. A planificación hidrolóxica é a ferramenta esencial que fai posible as políticas de xestión da auga, e Augas de Galicia ten actualizada e revisados os contidos da avaliación preliminar do risco de inundación, co obxecto de determinar aquelas novas zonas do territorio nas que poidan existir un risco potencial de inundación significativo ou nas que a materialización deste risco sexa considerado probable.

Unha vez concluída esta actualización, o organismo hidráulico da Xunta de Galicia segue avanzar nos estudos que integran a planificación hidrolóxica vixente, para o que se adxudica este contrato de revisión dos mapas de perigosidade e risco de inundación.
Os traballos obxecto deste contrato centraranse en dar apoio a Augas de Galicia ás tarefas de revisión e actualización da 2ª fase da implantación da Directiva europea de zonas inundables do novo ciclo 2021-2027. En concreto, abranguen a realización dos mapas dos novos tramos das Áreas con Risco Potencial Significativo de Inundacións (ARPSIs) delimitados na revisión da avaliación preliminar do risco de Inundación, e inclúe tamén a revisión e actualización das ARPSIs xa existentes do ciclo anterior 2015-2021.
O alcance da revisión e actualización inclúe a aqueles tramos nos que se producirán cambios significativos con respecto ao ciclo vixente. Estas modificacións poden ser debidas a cambios da superficie do terreo por obras ou proxectos que se desenvolveran, erros detectados ou a existencia de novas e mellores técnicas dispoñibles que poidan xerar unha variación substancial respecto do resultado obtido no primeiro ciclo.

Este proceso de actualización e revisión dos mapas de perigosidade e risco de inundacións na demarcación Galicia-Costa, como en todas as fases da Directiva de inundables 2007/60/CE, irá acompañado da correspondente consulta pública durante 3 meses, de cara a elaborar os mapas definitivos.

Cómpre lembrar que de cara a minimizar os efectos negativos producidos polas enchentes, e segundo o establecido a normativa europea, a xestión do risco de inundacións realizase en ciclos de seis anos, ao longo dos que desenvolven 3 fases e que culminan coa aprobación do Plan de Xestión do Risco de Inundación da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, que deberá estar aprobado antes do 21 de decembro de 2021.