Nova resolución para regular as vacacións, permisos e licenzas ao persoal

25/02/2016

A Dirección Xeral de Función Pública acaba de ditar as instrucións que aplican para a solicitude de vacacións, permisos e licenzas ao persoal laboral suxeito ao V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, que presta os seus servizos na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e nas entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia. Non se aplica ao persoal docente, ao persoal da Administración de xustiza e ao persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.

Para a tramitación das solicitudes correspondentes utilizarase preferentemente os medios telemáticos que figuran no Portal do empregado. No anexo da resolución figura a relación de documentación mínima que se esixe para a concesión dos permisos.

Esta resolución define a duración e condicións das vacacións anuais retribuídas.

Tamén define os permisos que se poden solicitar por:

  • Falecemento, accidente grave, enfermidade grave, hospitalización ou intervención cirúrxica dun familiar.
  • Traslado de domicilio.
  • Concorrer a exames finais, probas definitivas de aptitude e probas selectivas no ámbito do emprego público.
  • Lactación.
  • Nacemento de fillas/os prematuras/os ou que por calquera outra causa deban permanecer hospitalizados a continuación do parto.
  • Realización de exames prenatais e técnicas de preparación ao parto e permisos nos casos de adopción, acollemento ou garda con fins de adopción.
  • Accidente ou enfermidade moi graves.
  • Cumprimento de deberes inescusables de carácter público ou persoal, de deberes relacionados coa conciliación da vida familiar e laboral e mais de asistencia a consultas e revisións médicas.
  • Asuntos particulares.
  • Razón de violencia de xénero sobre a muller funcionaria.
  • Matrimonio ou unión de feito.
  • Permiso retribuído para as funcionarias e as laborais en estado de xestación.

Defínense ademais as seguintes licenzas por:

  • Asuntos propios.
  • Realización de estudos sobre materias directamente relacionadas coa Administración Pública.
  • Supostos de hospitalización prolongada.

Por último, defínense varios supostos de redución e adaptacións da xornada de traballo:

  • Redución de xornada con retribucións.
  • Redución de xornada con diminución das retribucións.
  • Redución de xornada por interese particular.
  • Adaptación progresiva da xornada laboral para tratamentos oncolóxicos.

Permisos e licenzas