Plan de Infraestructuras Xudiciais 2010-2015

A Xunta de Galicia asumiu en 1995 a provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza. Iniciouse así unha nova política en materia de infraestruturas para actuar na renovación das instalacións xudiciais ou, se fose o caso, acometer a construción dunha nova planta de edificios xudiciais.

A Xunta de Galicia asumiu no ano 1995 a provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, e desde aquela iniciouse unha política en materia de infraestruturas coa finalidade de actuar na entón moi necesaria renovación das instalacións xudiciais ou, se fose o caso, de acometer a construción de nova planta de edificios xudiciais.

A nosa comunidade, en materia de organización territorial xudicial, sofre tamén dunha gran dispersión. Na actualidade contamos con 45 partidos xudiciais e un número maior de edificios xudiciais -pois nas capitais de provincia e grandes cidades existen dous ou máis edificios-, e esta circunstancia motiva que se deban acometer por unha banda reformas físicas necesarias (ben ligadas ao mantemento dos edificios, ben por modificacións estruturais da nova oficina xudicial), e, pola outra, a construción de novos edificios naqueles casos en que o crecemento da planta xudicial desborde a capacidade física dos actuais.

Logo do traspaso de funcións neste eido, realizáronse un gran número de actuacións de profunda rehabilitación de edificios antigos ou de construción de edificios de nova planta, que son, sen dúbida, as que representaron o maior investimento en termos cuantitativos na área de Xustiza.

Partindo da realidade anterior, a Xunta de Galicia debe elaborar un plan de infraestruturas co horizonte dos vindeiros anos, un plan que abranga o inicio das actuacións ou a súa planificación e que, coas correspondentes proxeccións de crecemento da planta xudicial, comprenda os próximos seis anos.

Marcar unha proxección cara ao futuro sempre resulta complicado, dado que hai factores non previsibles, polo que o informe realizado parte do recoñecemento das limitacións existentes á hora de realizar unha aproximación rigorosa ás que poden ser as necesidades dos órganos xudiciais nos vindeiros 6 anos (é dicir, nesta e mais en parte na seguinte lexislatura).

Partindo da premisa de que o Ministerio de Xustiza lle asignase unha media de 8/10 novos órganos xudiciais á nosa comunidade cada ano, acadariamos no ano 2015 unha ratio por cada 100.000 habitantes máis próxima á media europea. Tamén debemos ter en conta a carga de traballo de asuntos de entrada por órgano xudicial e mais a súa evolución e proxección, o que, confrontado coas memorias de necesidade do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, nos indica as actuais demandas de infraestruturas e as futuras demandas probables que xurdirán co paso do tempo.

Na medida do posible a planificación ten en conta o deseño da futura oficina xudicial, que demandará pequenas obras de adaptación dos espazos físicos (buscando a maior diafanidade para albergar os servizos comúns), pero sobre todo adaptarse no deseño dos futuros edificios.

Cumpriría, pois, acometer distintas obras que distinguimos por etapas temporais, a saber: necesidades a curto prazo nunha primeira fase (2010-2013) e necesidades a medio prazo (2014-2015) na segunda fase.