A empresa i-Grape Laboratory incorpora un doutorando para realizar investigación co apoio do programa doutoramento industrial da Xunta

Está a realizar a súa tese de doutoramento investigando a obtención de extractos bioactivos como fitosanitario e aditivo en alimentación animal

Proximamente publicarase a terceira edición deste programa convocado polas Consellerías de Economía, Industria e Innovación e Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
 

Santiago, 3 de xullo de 2023

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta de Galicia, Patricia Argerey, visitou esta mañá a empresa i-Grape Laboratory con sede no edificio Emprendia en Santiago de Compostela co obxectivo de coñecer o traballo que está a realizar o investigador incorporado no ano 2022 e contratado co apoio do programa Doutoramento Industrial da Administración autonómica.

 

En concreto, Diego González Iglesias está a realizar a súa tese de doutoramento baixo a dirección da catedrática de Química Analítica Marta Lores Aguín do Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento de Solucións Analíticas da Universidade de Santiago de Compostela, para atender unha necesidade da empresa: a obtención de extractos bioactivos de orixe natural para o seu uso como terapia antifúnxica en patoloxía forestal así como aditivo alimentario en pensos para gando. I-Grape, xurdida no ano 2014 como spin-off da Universidade de Santiago de Compostela, está centrada na utilización de residuos da industria agroalimentaria e forestal para a obtención de extractos naturais con potencial bioactivo.

A orixe da empresa está na valorización do bagazo de uva branca (de variedade Albariño), achegándose a un modelo de economía circular, e dándolle unha segunda vida aos refugallos procedentes da industria vitivinícola de Galicia cun obxectivo de “residuo cero" no sector. A versatilidade da tecnoloxía empregada, que conta cunha patente europea, permite obter extractos bioactivos a partir de multitude de subprodutos de orixe vexetal cun grande abano de propiedades.

Na actualidade, i-Grape está dando un salto na súa produción, desde o Edificio Emprendia da USC a unha nave industrial do polígono do Tambre en Santiago de Compostela, mantendo desta maneira un modelo de negocio de proximidade, achegando valor ao ecosistema ‘biotech’ da zona.

A directora de Gain afirmou que a aposta polo talento e polas persoas como principal activo do sistema de I+D+i é unha prioridade para a Xunta de Galicia. Para atraer e reter ese talento, puxéronse en marcha actuacións en todas as etapas da carreira investigadora, desde a realización da tese de doutoramento ata a incorporación.

 

Argerey apuntou que as doutorandas e doutorandos non só realizan investigación nas universidades e centros de investigación, senón que o poden facer tamén nas empresas e centros tecnolóxicos. De feito, o programa de Doutoramento Industrial, convocado conxuntamente polas consellerías de Economía, Industria e Innovación e de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades apoia precisamente a contratación de doutorandos para a realización da súa tese de doutoramento orientada a resolver as necesidades e problemas das propias empresas e centros.

 

Argerey informou de que proximamente se convocará a terceira edición deste programa, dotado con 1,9 millóns de euros, coa que se pretende apoiar a contratación doutros 15 estudantes. A axuda máxima anual para a empresa ou centro tecnolóxico é de 36.000 euros, que se complementa coa axuda destinada á universidade para cubrir os gastos de desenvolvemento do proxecto e o custo da matrícula no programa de doutoramento (ata 10.000 euros máis).

 

O obxectivo desta liña de apoio é favorecer a investigación colaborativa entre as empresas ou centros tecnolóxicos e a universidade, promover a formación do persoal investigador e estimular a súa posible inserción laboral. Esta liña vén complementar outras postas en marcha pola Xunta de Galicia co obxectivo de captar talento e crear emprego de calidade no eido da I+D+i como Talento Sénior, Principia, Oportunius, Ignicia, apoio ás etapas predoutoral e posdoutoral ou Investigo.

Fecha de actualización: 03/07/2023