DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Xoves, 28 de abril de 2011 Páx. 7.331

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MAR

DECRETO 72/2011, do 31 de marzo, polo que se regula o Comité Científico Galego de Pesca.

A política pesqueira galega ten por finalidade a viabilidade duradeira do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola galego, garantindo a mellora das condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a estas actividades mediante a explotación sustentable, equilibrada e responsable dos recursos baseada nun asesoramento científico sólido e tendo en conta os aspectos ambientais, económicos e sociais.

O Decreto 24/2004, do 29 de xaneiro, polo que se crea o Comité Científico Galego de Pesca, configúrao como órgano especializado de consulta e asesoramento de carácter técnico, independente e obxectivo, na liña doutros organismos consultivos especializados.

Neste sentido, o artigo 95º bis da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, defíneo como un órgano colexiado, de consulta e de asesoramento científico e técnico da Xunta de Galicia nos asuntos relacionados coa xestión dos recursos naturais vivos das augas competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, así como coa súa transformación e comercialización. E remite a un futuro desenvolvemento regulamentario os aspectos relativos á súa composición, funcións e réxime de funcionamento.

A escasa actividade do Comité desde a súa creación fai necesario dar un impulso e promover a súa participación real e efectiva na xestión dos recursos mariños, para o que se considerou necesario modificar a súa composición, introducindo un sistema de listas, a través de convocatoria publica, para a designación dos vogais, incrementando o seu número coa finalidade de ampliar os sectores representados, que serán como mínimo: socioeconomía da pesca, pesqueiras internacionais, pesca de baixura, marisqueo, acuicultura, comercialización e transformación.

Outra das novidades na composición é a designación como presidente e vicepresidente dos directores xerais con competencias en materia de investigación e desenvolvemento.

Así mesmo, e co obxecto de garantir o cumprimento das funcións do Comité, introdúcese a posibilidade de que a Consellería do Mar poida establecer un prazo para a emisión dos ditames.

Por todo iso, de acordo co disposto no artigo 27º.1 do Estatuto de autonomía de Galicia conforme o cal corresponde á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de organización das súas institucións de autogoberno, así como de acordo co artigo 27º.15, que atribúe á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de pesca nas rías e demais augas costeiras, o marisqueo e a acuicultura, por proposta da conselleira do Mar, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do trinta e un de marzo de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Definición e adscrición.

O Comité Científico Galego de Pesca (no sucesivo denominado CCGP) é un órgano colexiado, dependente da Consellería do Mar, de consulta e de asesoramento científico e técnico da Xunta de Galicia nos asuntos relacionados coa xestión dos recursos naturais vivos das augas competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, así como coa súa transformación e comercialización.

Artigo 2º.-Funcións.

1. O CCGP terá como funcións asesorar científica e tecnicamente a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia naqueles asuntos relacionados coa xestión dos recursos naturais vivos das augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. En particular, correspóndelle ao CCGP:

-Elaborar un informe anual sobre o estado dos recursos obxecto de interese para a frota galega.

-Ser consultado, elaborar informes e ditames sobre o estado dos recursos obxecto da actividade pesqueira e sobre as medidas de conservación que hai que adoptar, nos aspectos biolóxicos, técnicos e económicos, así como os relacionados coa súa transformación e comercialización.

-Avaliar cientificamente as medidas de xestión dos recursos mariños que sexan sometidas á súa consideración.

-Asesorar cientificamente os órganos superiores e directivos da Consellería do Mar naqueles asuntos que se lle propoñan.

-Asesorar sobre as áreas prioritarias de investigación mariña que deban acometerse en cada momento.

Artigo 3º.-Composición.

1. O CCGP estará composto polos seguintes membros:

a) Presidente/a, que será a persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

b) Vicepresidente/a, que será a persoa titular da Dirección Xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica.

c) Doce vogais, nomeados de acordo co disposto no artigo 4º deste decreto.

d) Un/unha secretario/a, con voz pero sen voto, que será un/unha funcionario/a da Consellería do Mar, con nivel mínimo de xefe/a de servizo.

2. A designación dos membros do CCGP farase procurando acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes na súa composición total.

Artigo 4º.-Nomeamento.

1. Os vogais serán nomeados pola persoa titular da Consellería do Mar, por proposta do/a titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro realizada a partir dunha lista de candidatos/as aptos/as. A lista confeccionarase mediante convocatoria publica pola Consellería do Mar e será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Os/as vogais do CCGP será nomeados/as de acordo coa súa experiencia e traxectoria profesional entre persoas que presten servizos en universidades e centros de investigación ou tecnolóxicos, públicos ou privados, garantindo a representación como mínimo dos seguintes sectores: socioeconomía da pesca, pesqueiras internacionais, pesca de baixura, marisqueo, acuicultura, comercialización e transformación.

As persoas candidatas que se consideren aptas para ser membros do CCGP pero non fosen nomeadas incluiranse nunha lista de reserva. A Consellería do Mar poderá utilizar a lista de reserva para atopar candidatos aptos para substituír os membros que abandonen o CCGP de conformidade co disposto no artigo 5º. A lista de reserva publicarase no Diario Oficial de Galicia.

2. A duración do nomeamento dos membros do CCGP será de dous anos, prorrogables por períodos de igual duración, de non mediar resolución en contra.

Artigo 5º.-Funcionamento.

1. O CCGP será convocado pola presidencia coa frecuencia necesaria para o cumprimento dos seus fins e, polo menos, dúas veces ao ano.

2. O CCGP actuará por instancia da Consellería do Mar ou por iniciativa propia, mediante a tramitación das consultas que se lle formulen e a emisión de ditames, que non serán vinculantes. A Consellería do Mar poderá establecer un prazo para a emisión dos ditames.

3. Os ditames do CCGP fundamentaranse na mellor información científica dispoñible e adoptaranse por consenso dos seus membros.

4. No seo do CCGP poderán constituírse comisións ou grupos de traballo para a análise e estudo de temas concretos.

5. Así mesmo, poderán participar nas reunións do CCGP expertos/as externos/as, en función das materias que se vaian tratar, actuando con voz e sen voto.

6. O/a secretario/a do CCGP será a persoa encargada de proporcionar asistencia técnica e administrativa e a coordinación necesaria para o funcionamento eficaz do CCGP, así como da organización das reunións dos grupos de traballo.

Artigo 6º.-Réxime de funcionamento.

O funcionamento do CCGP rexerase polo disposto no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e polo disposto na sección terceira, capítulo primeiro, título primeiro da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e deberá designar a primeira reunión unha comisión encargada de elaborar o seu propio regulamento de réxime interno, que deberá ser aprobado na seguinte sesión.

Artigo 7º.-Indemnizacións.

Os membros do Comité Científico Galego da Pesca e aquelas persoas que sexan invitadas ocasionalmente para asistir ás súas reunións percibirán pola súa concorrencia efectiva a elas as indemnizacións que en concepto de gastos de desprazamento e asistencia prevé a normativa autonómica sobre indemnizacións por razón do servizo.

Disposición transitoria

O actual Comité Científico Galego de Pesca continuará en funcións ata a constitución do novo Comité conforme o disposto neste decreto.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 24/2004, do 29 de xaneiro, polo que se crea o Comité Científico Galego de Pesca, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan a este decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento e execución.

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de pesca para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e execución do previsto neste decreto e, en especial, as normas de réxime interior que regulen o seu funcionamento.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor vinte días despois da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta e un de marzo de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Rosa Mª Quintana Carballo

Conselleira do Mar