DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Martes, 26 de abril de 2011 Páx. 7.212

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MAR

ORDE do 31 de marzo de 2011 pola que se modifica a Orde do 26 de outubro de 2004, pola que se regula a alternancia de artes para embarcacións que pesquen en augas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, establece no seu artigo 2º: «A política pesqueira galega ten por finalidade a viabilidade duradeira do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola galego, garantindo a mellora das condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a estas actividades mediante a explotación sustentable, equilibrada e responsable dos recursos baseada nun asesoramento científico sólido e tendo en conta os aspectos ambientais, económicos e sociais», así como no artigo 6º dispón: «A política da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia terá como obxectivos en relación coa conservación e a xestión dos recursos pesqueiros e marisqueiros, entre outros, os de: 1. O establecemento e a regulación de medidas dirixidas á conservación, a xestión e a explotación responsable, racional e sustentable dos recursos mariños vivos (...)».

O artigo 18º bis da Lei de pesca de Galicia, regula a expedición do permiso de explotación, establecendo desta maneira: «Os permisos de explotación para a pesca profesional serán expedidos especificamente para artes ou zonas determinadas. Poderán ser estacionalmente alternantes e non se autorizará o uso de dúas artes simultaneamente. En función do estado dos recursos, poderanse outorgar cambios nas artes ou nas zonas incluídas nos permisos de explotación atendendo aos criterios de obxectividade, equidade e transparencia».

En virtude da nova Lei de pesca de Galicia, publicouse o Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, incorporando novas artes e aparellos.

A Orde do 26 de outubro de 2004, pola que se regula a alternancia de artes para embarcacións que pesquen en augas da Comunidade Autónoma de Galicia, ten como obxecto a determinación das artes ou modalidades de pesca nos permisos de explotación das embarcacións e a alternancia entre elas, establecendo o número máximo de artes de pesca por embarcación, a posibilidade de cambio nuns supostos concretos así como o seu procedemento.

Esta orde sufriu dúas modificacións, nun primeiro momento, pola Orde do 3 de maio de 2007, que establece as modalidades de pesca ás cales se pode solicitar cambio temporal, e posteriormente, pola Orde do 26 de marzo de 2009, introduciuse un sistema informatizado de rexistro da actividade pesqueira, e estableceu un novo procedemento de rexistro de actividade e cambio de artes.

Tras a entrada en vigor da Lei de pesca de Galicia e do Decreto 15/2011, resulta necesario axustar as modalidades de pesca establecidas actualmente para o cambio temporal, coa finalidade de dar cabida a novas artes permitidas, e que neste momento non existen nos permisos de explotación. Neste período, mentres que non se incorporen as novas modalidades de pesca nos permisos de explotación, resulta necesario modificar a Orde do 26 de outubro de 2004 e adaptala á nova situación.

Por outra banda, a vinculación que se establece en moitos plans de pesca, dos topes de captura co número de tripulantes enrolados e a bordo das embarcacións, que neles participan, fai necesario que no momento de realizar o despacho telemático indiquen o número de tripulantes reais para coñecer o esforzo real que está a realizar a frota pesqueira.

Por todo o anterior, logo das consultas co sector e por proposta da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños da Consellería do Mar,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación da Orde do 26 de outubro de 2004 pola que se regula a alternancia de artes para embarcacións que pesquen en augas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Orde do 26 de outubro de 2004 pola que se regula a alternancia de artes para embarcacións que pesquen en augas da comunidade autónoma, queda modificada como segue:

Un.-O artigo 2º ter substitúese polo seguinte:

«Artigo 2º ter: cambios temporais de modalidade.

1. A dirección xeral competente en materia de pesca e marisqueo poderá autorizar cambios temporais a modalidades ou artes de pesca distintas ás que figuran no permiso de explotación, en función do estado dos recursos e das características estruturais das embarcacións, por un período de tempo non superior a seis meses. Non obstante, en casos excepcionais e sempre que o estado dos recursos o permita, estas autorizacións poderán prorrogarse, por solicitude da persoa interesada, por unha soa vez, e por un período de tres meses. Deberá transcorrer, polo menos, un período de seis meses, entre unha autorización de cambio temporal con prórroga incluída, e a seguinte autorización.

2. Durante o período de vixencia desta autorización temporal poderán utilizarse tanto a nova modalidade autorizada temporalmente, como as artes que figuren no permiso de explotación, sempre que o despacho sexa tramitado segundo o procedemento establecido.

3. Poderanse solicitar cambios de modalidade temporal a calquera arte ou aparello regulado no Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, agás para as modalidades de pesca que neste decreto teñan limitado o número de embarcacións autorizadas existentes no momento da súa entrada en vigor.

En ningún caso se outorgarán cambios de modalidade temporal a artes ou aparellos que estean dirixidos a especies sometidas a plans de xestión ou recuperación, e para aquelas que alcancen unha elevada porcentaxe de capturas totais admisibles (TAC) ou cando se peche a pesqueira polo esgotamento do TAC».

Dous.-Engádeselle unha alínea f) ao o artigo 7º que queda redactado como segue:

«f) Cando o número de tripulantes enrolados, sexa condicionante para determinar o número de artes ou o cupo de capturas, indicarase o seu número que estarán enrolados durante o emprego da modalidade de pesca declarada. No caso de producirse unha variación no número de tripulantes, xa sexa por baixa ou alta, deberá rexistrarse unha nova declaración de alternancia, aínda que se manteña a mesma modalidade de pesca».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2011.

Rosa Mª Quintana Carballo

Conselleira do Mar