DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Martes, 26 de abril de 2011 Páx. 7.203

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

DECRETO 70/2011, do 7 de abril, polo que se regulan a actividade industrial e a prestación de servizos nos talleres de reparación de vehículos automóbiles e dos seus equipamentos e compoñentes.

A aplicación da Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro 2006, relativa aos servizos do mercado interior (Directiva de servizos), que ten por obxecto facilitar o libre acceso á actividade de servizos e ao mesmo tempo poder suprimir as barreiras e reducir as trabas ao acceso da actividade de servizos e ao seu exercicio, incorporouse ao ordenamento xurídico español mediante a Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e ao seu exercicio, e a Lei 25/2009, do 22 de decembro, de modificación de diversas leis para a súa adaptación á lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e ao seu exercicio.

Para acadar o obxectivo de reformar de xeito significativo o marco regulamentario non basta co establecemento dos principios xerais que deben rexer a regulación actual e futura das actividades de servizos, senón que é preciso proceder a un exercicio de avaliación de toda a normativa reguladora do acceso ás actividades de servizos e do seu exercicio, para adecuala aos principios que as ditas leis establecen.

A actividade industrial e a prestación de servizos realizada polos talleres de reparación de vehículos automóbiles, dos seus equipamentos e compoñentes, foi recentemente adecuada a estes criterios no ámbito nacional polo Real decreto 455/2010, do 16 de abril, que modifica o Real decreto 1457/1986, do 10 de xaneiro, pola que se regulan a actividade industrial e a prestación de servizos nos talleres de reparación de vehículos automóbiles, dos seus equipamentos e compoñentes.

O cambio máis significativo que se introduce na normativa nacional a través da publicación do dito real decreto é o establecemento dun único paso previo ao inicio da prestación de servizos por parte do taller, que consiste na presentación dunha declaración responsable en que se indique que o taller cumpre a lexislación que lle é de aplicación, que se responsabiliza de que as reparacións dos vehículos automóbiles se van efectuar segundo as normas e os requisitos establecidos na lexislación vixente e que o taller cumpre as obrigas, tanto tributarias estatais e locais coma coa Seguridade Social, impostas polas disposicións vixentes.

Porén, esta liberalización do inicio da actividade de prestación de servizos non exime as persoas titulares do taller de cumpriren a lexislación de aplicación ao establecemento industrial e ás instalacións deste sometidas a lexislación específica de seguridade industrial, lexislación que obriga a inscribir as ditas instalacións en rexistros de actividade creados ao abeiro da dita lexislación.

Con posterioridade e na mesma materia, o Regulamento EU 461/2010 da Comisión, do 27 de maio de 2010, incide sobre a influencia das reparacións e da manutención e dos prezos das pezas de recambio nos custos soportados polos usuarios dos vehículos automóbiles promovendo unha maior competencia entre eles.

Por todo o anterior, cómpre agora adecuar a normativa galega aos cambios introducidos pola normativa tanto europea coma estatal, e tendo en conta a magnitude dos cambios que se van introducir, non parece adecuado facelo pola simple modificación do vixente Decreto 206/1994, do 16 de xuño, polo que se adapta a normativa vixente en materia de prestación de servizos nos talleres de reparación de vehículos e dos seus equipamentos e compoñentes, senón pola confección e publicación dun novo decreto que o substitúa e derrogue.

A Comunidade Autónoma galega ten a competencia para regulamentar a prestación de servizos dos talleres de reparación de vehículos automóbiles, así como dos seus equipamentos e compoñentes, fundamentada no artigo 30º.2 do Estatuto de autonomía de Galicia, que lle atribúe a Galicia a competencia exclusiva en materia de industria.

En consonancia coa Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial, os obxectivos son os de regular, simplificando e racionalizando, a actuación administrativa en materia de instalación, ampliación e traslado de industrias.

Na súa virtude, logo de ser sometido ao trámite de consulta, de acordo co ditame do Consello Consultivo, por proposta do conselleiro de Economía e Industria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión a do día sete de abril de dous mil once,

dispoño:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto regular, no ámbito territorial de Galicia, a actividade industrial e a prestación de servizos dos talleres de reparación de vehículos automóbiles e dos seus equipamentos e compoñentes, como únicos axentes de prestación de servizos con capacidade para mantelos e reparalos.

Para os efectos deste decreto, enténdese por vehículo automóbil todo vehículo de motor que serve, normalmente, para o transporte de persoas ou cousas, ou de ambas asemade, ou para a tracción doutros vehículos con aquel fin, definido no anexo II do Real decreto 2822/1998, do 23 de decembro, polo que se aproba o Regulamento xeral de vehículos. Para os efectos deste decreto, entenderanse incluídos, así mesmo, os vehículos da categoría L, os remolques e os vehículos especiais.

Artigo 2º.-Concepto de talleres.

Para os efectos deste decreto, entenderanse por talleres de reparación de vehículos e dos seus equipamentos e compoñentes aqueles establecementos industriais en que se efectúen operacións encamiñadas á restitución das condicións normais do estado e funcionamento de vehículos automóbiles ou de equipamentos e compoñentes destes en que se poñan de manifesto alteracións nas ditas condicións con posterioridade ao remate da súa fabricación.

Por extensión, esta normativa afectará tamén a actividade complementaria de instalación de accesorios en vehículos automóbiles con posterioridade ao remate da súa fabricación e que sexan compatibles coas regulamentacións vixentes en materia de seguridade, sanidade e consumo.

Artigo 3º.-Clasificación dos talleres.

Os talleres de reparación de vehículos automóbiles e dos seus equipamentos e compoñentes clasificaranse en:

1. Pola súa relación cos fabricantes de vehículos, de equipamentos e compoñentes:

a) Taller autorizado: presta servizos de reparación e mantemento operando nun sistema de distribución establecido por un fabricante ou representante de vehículos de motor ou de equipamentos e compoñentes.

b) Taller autorizado independente: presta servizos de reparación e mantemento autorizado por un fabricante ou representante de vehículos de motor ou de equipamentos e compoñentes sen pertencer ao seu sistema de distribución.

c) Taller independente: presta servizos de reparación e mantemento sen pertencer a un sistema de distribución dun fabricante ou representante provedor de vehículos de motor.

d) Talleres de servizo propio. Os que dedican a súa actividade á reparación exclusiva dos vehículos da propia empresa.

2. Pola súa rama de actividade:

a) De mecánica. Son os que realizan traballos de reparación ou substitución no sistema mecánico do vehículo, incluídas as súas estruturas portantes, equipamentos e elementos auxiliares, excepto o equipamento eléctrico e electrónico.

b) De electricidade e electrónica. Son os que realizan traballos de reparación ou substitución do equipamento eléctrico e electrónico do automóbil, tanto básico do equipamento motor como os auxiliares das luces, sinalización, acondicionamento e instrumental de indicación e control.

c) De carrozarías. Son os que realizan traballos de reparación ou substitución nos elementos da carrozaría, gornición e acondicionamento interior e exterior deles.

d) De pintura. Son os que realizan traballos de pintura, revestimento e acabamento de carrozarías.

3. Polas súas particulares características ou funcións:

a) Talleres de reparación de vehículos da categoría L: nesta categoría inclúense os ciclomotores e as motocicletas, así como os vehículos todoterreo (quads) e outros vehículos de pouca cilindrada de tres ou catro rodas.

b) Talleres de vehículos agrícolas e de obras: son os que realizan traballos de instalación, reparación ou substitución en tractores e vehículos agrícolas ou de obras.

4. Polo seu campo parcial de actividade:

Son os especializados en realizar traballos limitados a actividades de instalación, reparación ou substitución sobre determinadas partes, equipamentos ou sistemas do vehículo.

a) Pneumáticos.

b) Radiadores.

c) Equipamentos de inxección.

d) Cristais e parabrisas.

e) Dispositivos de remolcar, ata un peso máximo de 3.500 kg.

f) Tacógrafos.

g) Limitadores de velocidade.

5. A consellería competente en materia de industria, de oficio ou por instancia das asociacións de talleres e logo de informe dos seus departamentos territoriais, poderá establecer outras especialidades e modificar a denominación e o alcance delas co fin de adaptalas en todo momento á experiencia e avances tecnolóxicos.

Artigo 4º.-Inicio de actividade.

1. Antes da apertura dun taller de reparación de automóbiles, dada a súa vinculación á seguridade viaria, a persoa física ou xurídica que desexe exercer esta actividade deberá presentar, no departamento territorial da consellería competente en materia de industria onde estea situado o taller, a declaración responsable que figura como anexo I a este decreto, en que a persoa titular do taller ou representante legal deste indique a clasificación do taller, manifeste que cumpre os requisitos establecidos nos números 7 e 8 deste artigo, que dispón da documentación que así o acredita, que se compromete a manter o seu cumprimento durante a vixencia da actividade e que se responsabiliza de que a execución dos traballos se efectúa de acordo coas normas e requisitos que se establecen neste decreto.

2. De xeito previo a esta declaración, a persoa titular do taller ou representante legal deste solicitará ao departamento territorial da consellería competente en materia de industria a inscrición do establecemento do taller e das instalacións deste sometidas a lexislación específica de seguridade industrial nos rexistros pertinentes, seguindo para tal efecto a lexislación que sexa de aplicación en cada caso.

3. A declaración responsable sinalada nos puntos anteriores presentarase exclusivamente por medios telemáticos, de acordo co disposto no artigo 27º.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

A non-presentación da declaración, así como a inexactitude, falsidade ou omisión de datos ou manifestacións que deban figurar na dita declaración, habilitará a consellería competente en materia de industria para ditar resolución, que deberá ser motivada e con audiencia previa da persoa interesada, pola que se declare a imposibilidade de seguir prestando servizos desde o taller e, se procede, se inhabilite temporalmente a persoa interesada para a prestación de servizos.

4. Unha vez inscritos o establecemento e as instalacións nos rexistros pertinentes e recibida a declaración responsable, o departamento territorial da consellería competente en materia de industria asignará un número de identificación ao taller e remitirá ao Ministerio de Industria, Turismo e Comercio os datos correspondentes para a súa inclusión no Rexistro Integrado Industrial regulado no título IV da Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, e na súa normativa regulamentaria de desenvolvemento.

O número de identificación do taller será unha cifra de oito díxitos, dos cales os dous primeiros indicarán a provincia en que está situado o establecemento.

5. De acordo coa Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, a declaración responsable habilita por tempo indefinido para a prestación de servizos desde o taller de reparación de vehículos automóbiles, dos seus equipamentos e compoñentes, desde o día da súa presentación.

6. Ao abeiro do previsto no número 3 do artigo 71º bis da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a consellería competente en materia de industria regulará un procedemento para comprobar a posteriori o declarado pola persoa interesada.

7. Os talleres deberán dispor da seguinte documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos:

a) Proxecto ou proxectos técnicos das instalacións suxeitas ao cumprimento de regulamentos de seguridade se nestes son exixibles, formados por memorias, planos e orzamentos redactados e asinados por técnicos competentes.

b) Estudo técnico que incluirá, polo menos, unha relación detallada dos utensilios, equipamentos e ferramentas de que dispoñen, de acordo coas ramas de actividade que vaian desenvolver, así como unha relación detallada dos diversos traballos e servizos que poderá prestar o taller.

c) Autorización escrita do fabricante nacional, ou do representante legal do fabricante estranxeiro, no caso de tratarse dos talleres autorizados aos cales se refiren as alíneas a) e b) do artigo 3º.1.

Esta documentación deberá estar dispoñible para a súa presentación ante a autoridade competente cando esta así o requira no exercicio das súas facultades de inspección, comprobación e control.

8. Os talleres deberán dispor dos medios técnicos necesarios para prestar os seus servizos en condicións de seguridade, medios que deberán aparecer relacionados nos estudos técnicos. Os instrumentos, aparellos, medios e sistemas de medida que sexan necesarios para facer as reparacións estarán suxeitos á normativa específica de control metrolóxico do Estado que lles sexan de aplicación, e deberán ser calibrados e verificados coa periodicidade establecida por esta.

9. Dentro deses medios técnicos os talleres deberán dispor, polo menos, dun responsable técnico que acredite a súa preparación e idoneidade mediante calquera das seguintes formas:

a) Dispoñer dun título universitario cuxo plan de estudos cubra as materias obxecto da actividade que se vai desenvolver no taller.

b) Dispoñer dun título de formación profesional ou dun certificado de profesionalidade incluído no Catálogo nacional de cualificacións profesionais, cuxo ámbito competencial coincida coas materias obxecto da actividade que se vai desenvolver no taller.

c) Ter recoñecida unha competencia profesional adquirida por experiencia laboral, de acordo co estipulado no Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral, nas materias obxecto da actividade que se vai desenvolver no taller.

10. O servizo de asistencia mecánica ou eléctrica en estrada deberá ser realizado como servizo dependente dun taller, por medios propios ou por colaboración de terceiros.

O dito taller deberá cumprir os requisitos establecidos no artigo 4º deste decreto. En todo caso, o citado taller será responsable da calidade da reparación e do cumprimento da normativa vixente.

Non será necesaria a presentación dunha declaración responsable para os prestadores legalmente establecidos noutros Estados membros que presten os servizos de asistencia mecánica ou eléctrica en estrada, que estarán suxeitos, en todo caso, ao cumprimento da normativa vixente relativa aos traballos de reparación de vehículos.

11. O incumprimento dos requisitos exixidos, verificado pola consellería competente en materia de industria, comportará o cesamento automático da prestación de servizos, salvo que se poida incoar un expediente de emenda de erros, sen prexuízo das sancións que puideren derivar da gravidade das actuacións realizadas.

A consellería competente en materia de industria, neste caso, abrirá un expediente informativo á persoa titular da instalación, que terá quince días naturais a partir da comunicación para achegar as evidencias ou descargos correspondentes.

12. En todo caso, o título V da Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, será de aplicación cos efectos e sancións que procedan unha vez incoado o correspondente expediente sancionador.

13. A consellería competente en materia de industria dará traslado inmediato ao Ministerio de Industria, Turismo e Comercio da inhabilitación temporal e/ou do cesamento da actividade a que se refiren os números precedentes, para a actualización dos datos no Rexistro Integrado Industrial regulado no título IV da Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, tal e como o establece a súa normativa regulamentaria de desenvolvemento.

14. Para o non regulado neste artigo terase en conta o Real decreto 1457/1986, do 10 de xaneiro, pola que se regulan a actividade industrial e a prestación de servizos nos talleres de reparación de vehículos automóbiles, dos seus equipamentos e compoñentes e, en concreto, o seu artigo 4º.

Artigo 5º.-Modificacións e cesamento de actividade.

A persoa titular do taller de reparación de vehículos automóbiles, ou o seu representante legal, deberá comunicar, ao departamento territorial da consellería competente en materia de industria onde presentou a declaración responsable, as modificacións dos datos recollidos na dita declaración, así como o cesamento da actividade da empresa. A comunicación deberá realizarse no prazo dun mes desde que se produzan as modificacións ou o cesamento da actividade.

De xeito previo a esta declaración, a persoa titular do taller ou representante legal deste solicitará ao departamento territorial da consellería competente en materia de industria a modificación dos datos da inscrición do establecemento industrial e das instalacións deste sometidas a lexislación específica de seguridade industrial nos rexistros pertinentes, seguindo para tal efecto a lexislación que sexa de aplicación en cada caso.

Así mesmo, a consellería competente en materia de industria remitirá ao Ministerio de Industria, Turismo e Comercio esta información para a actualización dos datos do taller no Rexistro Integrado Industrial regulado no título IV da Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, e na súa normativa regulamentaria de desenvolvemento.

Artigo 6º.-Placa distintiva.

1. Os talleres legalmente clasificados colocarán na fachada do edificio e nun lugar facilmente visible desde o exterior a placa distintiva que lles corresponda, segundo o sinalado no anexo II deste decreto.

2. A placa distintiva, que se axustará en todas as súas partes e detalles ao modelo sinalado no anexo II, está composta por unha placa metálica, cadrada, de 480 milímetros de lado, cos seus catro vértices redondeados e o fondo en cor azul.

3. De arriba a abaixo a placa estará dividida en tres espazos ou franxas desiguais coas dimensións sinaladas no anexo II e destinadas:

-A primeira, ou máis alta, ás ramas de actividade.

-A segunda, ou intermedia, ás especialidades.

-A terceira, ou máis baixa, ás siglas da provincia de localización do taller, ao contraste e ao número de identificación do taller asignado pola consellería competente en materia de industria. En ningún caso a obtención deste número de identificación ou a estampaxe do contraste poderán constituír un requisito previo para o inicio do exercicio da actividade.

Artigo 7º.-Características da placa distintiva.

1. Para cada unha das ramas de mecánica, electricidade e electrónica, carrozaría ou pintura do automóbil estableceranse os símbolos que se indican no anexo II deste decreto, que consisten nunha chave inglesa, unha frecha crebada, un martelo e unha pistola de pintar, respectivamente, en cor azul sobre fondo branco.

2. A parte superior da placa distintiva estará dividida en catro rectángulos verticais separados entre si, destinados a cada un dos símbolos representativos das catro ramas de actividade a que poidan dedicarse os talleres. Na placa distintiva de cada taller incluiranse, nos respectivos rectángulos, os símbolos correspondentes á súa actividade e quedarán baleiros os restantes espazos.

3. A parte segunda, ou intermedia, da placa distintiva está dividida, á súa vez e pola súa metade, en dous rectángulos horizontais. O rectángulo da esquerda (esquerda do espectador ou dereita da placa) quedará reservado para os respectivos contrasinais dos centros de diagnóstico e outras especialidades, de acordo co que se estableza no seu momento. O rectángulo da dereita (dereita do espectador ou esquerda da placa) estará destinado ao símbolo correspondente ao taller de reparación de vehículos da categoría L.

4. O símbolo do taller de reparación de vehículos da categoría L a que se refire o parágrafo anterior estará constituído polo perfil dunha motocicleta en dirección á esquerda do espectador, en cor azul sobre fondo branco. Este espazo, cando se trate de talleres dedicados unicamente á reparación de vehículos automóbiles de máis de tres rodas, permanecerá baleiro.

5. O espazo inferior, ou terceira parte en que se divide a placa distintiva, estará pola súa vez subdividido en tres zonas diferenciadas:

-A da esquerda (do espectador), destinada ás siglas da correspondente provincia.

-A central, destinada ao contraste, que será estampado polo órgano competente debaixo do guión.

-A da dereita (do espectador) destinada a estampar o número de identificación do taller asignado pola consellería competente en materia de industria.

Artigo 8º.-Utilización das pezas de recambio.

1. Todas as pezas de recambio que os talleres utilicen nas súas reparacións deberán ser novas e adecuadas ao modelo do vehículo obxecto de reparación coa seguinte excepción:

Sempre que non afecte ou substitúa elementos do sistema de freada, suspensión ou dirección do vehículo, poderanse utilizar recambios usados, equipamentos ou conxuntos reconstruídos, ou acondicionados polos fabricantes, polos talleres autorizados destes ou por industrias especializadas, sempre que o cliente preste a súa conformidade previa por escrito e o taller se responsabilice tamén por escrito de que tales pezas ou conxuntos se encontran en bo estado e ofrecen suficiente garantía.

Se os recambios usados son facilitados polo cliente e o taller considera que as pezas ou conxuntos non se encontran en bo estado ou non ofrecen a suficiente garantía, deberá negarse a instalalas.

2. As pezas, elementos ou conxuntos que se vaian utilizar levarán fixada de maneira lexible e indeleble a marca do seu fabricante, sempre que sexan susceptibles de levala. En todos os casos, queda prohibido aos talleres instalaren pezas ou conxuntos non permitidos polo disposto no Regulamento xeral de vehículos.

3. O taller que efectúe a reparación estará obrigado a presentarlle ao cliente as pezas, elementos ou conxuntos que substituíron; o cliente poderá exixir xustificación documental que acredite a orixe, marca e o prezo dos recambios utilizados.

4. O taller está obrigado a conservar, polo menos durante catro anos, a orixe, marca e o prezo dos recambios utilizados con identificación do/a propietario/a ou vehículo en que foron utilizados. Así mesmo, está obrigado á xestión ambiental de todos os elementos ou recambios utilizados ou substituídos.

Artigo 9º.-Centros de diagnóstico.

1. Os centros de diagnóstico con fins distintos aos talleres de reparación complementarán e axudarán na actividade de reparación de vehículos automóbiles, de acordo coa maior efectividade e racionalización e co fin de realizar controis de calidade das reparacións e instalacións realizadas neles, tanto na súa estrutura coma nos seus equipamentos, sistemas, partes e compoñentes.

2. Os centros de diagnóstico contarán cos medios materiais e profesionais necesarios en relación co tipo de informes técnicos que deban emitir.

3. As funcións, características, requisitos e disposicións relativas aos centros de diagnóstico especificaranse nas normas de desenvolvemento deste decreto.

4. Para o non regulado neste artigo terase en conta o Real decreto 1457/1986, do 10 de xaneiro, pola que se regulan a actividade industrial e a prestación de servizos nos talleres de reparación de vehículos automóbiles, dos seus equipamentos e compoñentes e, en concreto, o seu artigo 10º.

Artigo 10º.-Ditames técnicos.

1. Na tramitación dos expedientes sancionadores a talleres de reparación de vehículos automóbiles iniciados tanto por instancia de parte como de oficio, a Administración, co fin de determinar as responsabilidades que corresponderen, poderá solicitar informes das asociacións provinciais de talleres de reparación de vehículos e da federación galega, así como das asociacións de consumidores e usuarios e doutras persoas ou entidades que considere oportunas.

2. Na tramitación dos expedientes poderanse utilizar como probas orientativas da adecuada facturación de todos os talleres, e non só dos talleres autorizados, as táboas de tempo de traballo ás cales se fai referencia no artigo 13º do Real decreto 1457/1986, do 10 de xaneiro, así como calquera outra documentación que considere oportuna o seu instrutor.

Artigo 11º.-Actuacións en materia de consumo.

As actuacións en materia de consumo rexeranse polo disposto no Real decreto 1457/1986, do 10 de xaneiro, pola que se regulan a actividade industrial e a prestación de servizos nos talleres de reparación de vehículos automóbiles, dos seus equipamentos e compoñentes, sen prexuízo da lexislación xeral en materia de protección dos consumidores e usuarios.

Malia o anterior, as reclamacións nesta materia formularanse ante a autoridade competente en materia de consumo nas condicións que esta fixe e conforme o modelo oficial establecido pola autoridade competente en materia de consumo.

O anterior sen prexuízo do disposto no artigo 23º da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e ao seu exercicio, que establece as obrigas das persoas que prestan servizos en materia de reclamacións.

Artigo 12º.-Infraccións.

1. Para os efectos do disposto neste decreto, e sen prexuízo do establecido na Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria; na Lei 26/1984, do 19 de xullo, xeral para a defensa dos consumidores e usuarios; na Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia, e no Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño, polo que se regulan as infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e da produción agroalimentaria, considéranse infraccións específicas nesta materia as seguintes:

a) A publicidade e a realización a terceiros de traballos de calquera clase de reparación ou mantemento de vehículos automóbiles sen ter legalizado o establecemento e/ou presentado a correspondente declaración responsable ante o departamento territorial da consellería competente en materia de industria.

b) Toda substitución innecesaria de pezas que supoña un incremento inxustificado de custos para o usuario ou unha posible degradación do vehículo, e a imposición ao usuario da adquisición de accesorios ou pezas complementarias non solicitadas.

c) A utilización de pezas, elementos ou conxuntos usados sen coñecemento e autorización escrita do/a propietario/a do vehículo, utilizar recambios inadecuados ou nos cales non conste a marca do fabricante do recambio e/ou non homologados, cando este último requisito sexa preceptivo, así como tamén a utilización ou uso de elementos, partes, accesorios ou líquidos de goberno do vehículo sen consentimento expreso do/a propietario/a deste.

d) A realización de traballos que non correspondan á rama, función ou campo parcial de actividade en que o taller estea inscrito no Rexistro de Establecementos Industriais.

e) A utilización do vehículo polo taller para asuntos propios sen autorización expresa do/a propietario/a.

f) A negativa inxustificada do taller ao cumprimento das súas obrigacións.

g) E, en xeral, o incumprimento de calquera dos preceptos contidos neste decreto e nas normas que o desenvolvan, que será sancionado na forma que sexa procedente polos órganos competentes nas materias de defensa dos consumidores e usuarios, de industria e de ambiente de acordo coas súas respectivas competencias.

2. As infraccións a que se refire este artigo cualificaranse como leves, graves ou moi graves de conformidade cos criterios establecidos no artigo 31º da Lei 21/1992, do 16 de xullo; no artigo 35º da Lei 26/1984, do 19 de xullo, e no Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño.

Artigo 13º.-Sancións.

As infraccións a que se refire este decreto serán sancionadas segundo o previsto no artigo 34º da Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria.

Disposicións adicionais

Primeira.-Guía técnica de medios técnicos necesarios.

A consellería competente en materia de industria elaborará unha guía técnica na cal se establezan os utensilios, equipamentos e ferramentas necesarios en función da rama de actividade que se vai desenvolver desde o taller.

Segunda.-Cualificacións profesionais recoñecidas ao abeiro do Decreto 19/1991, do 17 de xaneiro.

A condición de responsable técnico obtida ao abeiro do que establecía a disposición transitoria do Decreto 19/1991, do 17 de xaneiro, permitiralles aos seus posuidores a instalación de novos talleres na/s mesma/s rama/s de actividade ou a ampliación dos existentes, sen prexuízo de que, nos casos de ampliación da actividade, o responsable técnico deba cumprir os requisitos exixidos para a nova actividade que se pretende desenvolver.

Terceira.-Cualificacións profesionais recoñecidas ao abeiro do Decreto 347/1998, do 20 de novembro.

A condición de responsable técnico obtida ao abeiro do disposto nos puntos 3.b ou 3.c do artigo 4º do Decreto 206/1994, do 16 de xuño, polo que se adapta a normativa vixente en materia de prestación de servizos nos talleres de reparación de vehículos e dos seus equipamentos e compoñentes, permitirá aos seus posuidores a instalación de novos talleres na/s mesma/s rama/s de actividade ou a ampliación dos existentes, sen prexuízo de que, nos casos de ampliación da actividade, o responsable técnico deba cumprir os requisitos exixidos para a nova actividade que se pretende desenvolver.

Disposicións transitorias

Primeira.

Mentres non estea dispoñible a plataforma tecnolóxica que permita a presentación telemática das declaracións responsables reguladas neste decreto e, en todo caso, durante un prazo non superior a doce meses desde a entrada en vigor deste decreto, estas presentaranse en soporte papel ante o correspondente departamento territorial competente en materia de industria.

Segunda.-Talleres de reparación de vehículos automóbiles previamente autorizados.

Os talleres autorizados previamente á data de entrada en vigor deste decreto poderán seguir realizando a actividade para a cal foron autorizados sen que deban presentar a declaración responsable, sempre e cando os datos básicos que deben proporcionar á Administración competente para a súa inscrición no Rexistro Integrado Industrial, regulado no Real decreto 559/2010, do 7 de maio, sexan completos e estean actualizados. En caso contrario, deberán presentar a correspondente declaración responsable para a súa correcta inscrición no mencionado rexistro.

Terceira.-Procedementos en tramitación.

Os procedementos de autorización para a apertura dun taller de reparación de vehículos automóbiles iniciados con anterioridade á entrada en vigor deste decreto tramitaranse e resolveranse pola normativa vixente no momento da presentación da solicitude.

Non obstante, o departamento territorial da consellería competente en materia de industria non poderá exixir requisitos suprimidos por este decreto.

En todo caso, a persoa interesada poderá, con anterioridade a que se dite resolución, desistir da súa solicitude e optar pola aplicación do disposto por este decreto.

Cuarta.-Entidades de formación autorizadas.

As entidades de formación autorizadas no momento da entrada en vigor deste decreto poderán seguir exercendo a actividade ata o 31 de decembro de 2011.

Ás persoas que reciban formación nunha entidade de formación autorizada neste período transitorio seralles de aplicación o estipulado na disposición adicional terceira deste decreto.

Disposición derrogatoria

Única.

Cando entre en vigor este decreto queda derrogado expresamente o Decreto 206/1994, do 16 de xuño, polo que se adapta a normativa vixente en materia de prestación de servizos nos talleres de reparación de vehículos e dos seus equipamentos e compoñentes, así como calquera outra disposición de igual ou inferior rango no que se opoña ao establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de industria para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto, así como para modificar os anexos cando non supoña unha modificación substantiva do contido dos preceptos do decreto.

Segunda.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de abril de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria

Ver referencia pdf "08000D001P007.PDF"

Ver referencia pdf "08000D002P013.PDF"