DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Luns, 25 de abril de 2011 Páx. 7.150

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 13 de abril de 2011 pola que se regula o exercicio do dereito ao voto das persoas traballadoras por conta allea nas eleccións locais, convocadas para o día 22 de maio de 2011 polo Real decreto 424/2011, do 28 de marzo.

Convocadas eleccións locais para o 22 de maio de 2011 mediante o Real decreto 424/2011, do 28 de marzo (BOE nº 75, do 29 de marzo), e ao abeiro do artigo 37º 3.d) do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, cómpre regular as diversas situacións que se poidan presentar para o exercicio do dereito ao voto daqueles traballadores e traballadoras que non gocen do seu descanso semanal o día da votación, así como das persoas que interveñen dentro do proceso electoral, posto que as eleccións terán lugar en domingo, todo isto de conformidade co disposto no artigo 13º do Real decreto 605/1999, do 16 de abril, de regulación complementaria dos procesos electorais.

Para este fin e logo do acordo co delegado do Goberno de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Estas normas seranlles de aplicación ás persoas traballadoras por conta allea que teñan a condición de electoras e non gocen do devandito día de descanso semanal previsto no artigo 37º.1 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e a aquelas en que concorra a condición de membros de mesas electorais, interventores ou apoderados nas eleccións do 22 de maio de 2011.

Artigo 2º.-Para que as persoas traballadoras por conta allea poidan participar nas eleccións locais, que se levarán a cabo o día 22 de maio de 2011, no suposto de que non gocen en tal data de descanso semanal, terán un permiso retribuído correspondente, consonte as seguintes prescricións:

a) As persoas traballadoras por conta allea, cun horario de traballo que non coincida co de apertura de mesas electorais, ou que coincida nun período inferior a dúas horas, non terán dereito a permiso retribuído.

b) As persoas traballadoras por conta allea, cun horario de traballo que coincida en dúas ou máis horas e menos de catro co período de apertura das mesas electorais, gozarán dun permiso retribuído de dúas horas.

c) As persoas traballadoras por conta allea, cun horario de traballo que coincida en catro ou máis horas e menos de seis co período de apertura das mesas electorais, gozarán dun permiso retribuído de tres horas.

d) As persoas traballadoras por conta allea cun horario de traballo que coincida en seis ou máis horas co período de apertura das mesas electorais, gozarán dun permiso retribuído de catro horas.

Cando o traballo se preste en xornada reducida, efectuarase a correspondente redución proporcional do permiso.

Correspóndelle ao empresario/a a distribución, consonte a organización do traballo, do período en que os traballadores e traballadoras disporán de permiso para acudiren a votar.

Artigo 3º.-No suposto de persoas traballadoras por conta allea que teñan previsto que na data da votación non van estar na localidade onde lles corresponde exercer o seu dereito ao voto, ou que non poidan exercer o dereito de sufraxio o día das eleccións, disporán, no seu horario laboral, de ata catro horas libres, de igual maneira que o establecido no artigo anterior, para que poidan formular persoalmente a solicitude do certificado de inscrición no censo, así como para efectuar a remisión do voto por correo.

Artigo 4º.-As persoas traballadoras por conta allea nomeadas presidente ou vogal das mesas electorais e as que acrediten a súa condición de interventoras disporán, durante o día da votación, dun permiso retribuído de xornada completa, se non gozan en tal data de descanso semanal, e terán dereito a unha redución da súa xornada de traballo de cinco horas o día inmediatamente posterior, segundo os artigos 28º.1 e 78º.4 da Lei orgánica 5/1985, do réxime electoral xeral.

Se algún dos traballadores e traballadoras a que se refire o parágrafo anterior tivese que traballar na quenda de noite na data inmediatamente anterior ao día da votación, a empresa cambiaralle a quenda para que poida descansar esa noite.

Artigo 5º.-As persoas traballadoras por conta allea que acrediten a súa condición de apoderadas, de acordo co previsto no artigo 76º.4 da Lei orgánica do réxime electoral xeral, teñen dereito a un permiso retribuído durante o día da votación, se non gozan en tal data do descanso semanal.

Artigo 6º.-Os/as empresarios/as poderán solicitar dos traballadores e traballadoras que exerzan os dereitos regulados nesta orde a certificación de voto ou, de ser o caso, a acreditación da mesa electoral.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 abril de 2011.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar