DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Luns, 25 de abril de 2011 Páx. 7.146

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 11 de abril de 2011 pola que se habilitan asesores e/ou avaliadores no marco do proceso de acreditación de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia ou familias profesionais do Catálogo nacional de cualificacións profesionais.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, establece no artigo 3º.5 que un dos fins do Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional é o de avaliar e acreditar oficialmente a cualificación profesional, calquera que fose a súa forma de adquisición, e no seu artigo 4º establece que un dos seus instrumentos é o procedemento de recoñecemento, avaliación, acreditación e rexistro das cualificacións profesionais.

O Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo (BOE do 25 de agosto), de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral, desenvolve o establecido no artigo 8º.4 da Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, establecendo o procedemento e os requisitos para a avaliación e a acreditación das competencias profesionais adquiridas polas persoas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación, así como os seus efectos.

O seu artigo 22º.1 que as administracións responsables do procedementos de avaliación e acreditación das competencias profesionais, no seu ámbito territorial correspondente, terán entre as súas funcións habilitar os asesores e avaliadores e manter un rexistro deles.

No mesmo artigo establécese que a Administración xeral do Estado e as administracións competentes das correspondentes comunidades autónomas habilitarán as persoas necesarias para garantir o desenvolvemento das funcións de asesoramento e avaliación, que deberán cumprir, en todo caso, os requisitos establecidos no artigo 25º.1.

Para a implantación do procedemento en Galicia, o Decreto 332/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, atribúe á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa as competencias para «a promoción e desenvolvemento do recoñecemento de competencias profesionais nas diferentes familias profesionais que compoñen o Catálogo nacional de cualificacións profesionais». Así mesmo, indica que é a Subdirección Xeral de Orientación Profesional e Relación con Empresas a quen lle corresponde «a organización e a coordinación do sistema de recoñecemento, avaliación e acreditación de competencias profesionais».

Pola Orde do 21 de marzo (DOG do 25 de marzo), da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, acórdase convocar o proceso de acreditación de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais de distintas familias profesionais.

O artigo 2º da devandita orde establece que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa será a encargada da organización e o desenvolvemento do proceso de acreditación de competencias adquiridas pola experiencia laboral e por vías non formais de formación, a través da Subdirección Xeral de Orientación Profesional e Relación con Empresas.

Segundo a autorización establecida na disposición derradeira primeira da mesma orde, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-Habilitar as persoas incluídas no anexo desta resolución para desenvolver as funcións de asesoramento e/ou avaliación, en determinadas unidades de competencia ou familia profesional do Catálogo nacional de cualificacións profesionais de conformidade co Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo (BOE do 25 de agosto), de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral, e incorporalas ao correspondente rexistro.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2011.

José Luis Mira Lema

Director xeral de Educación, Formación

Profesional e Innovación Educativa

Ver referencia pdf "07900D002P014.PDF"