DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Luns, 25 de abril de 2011 Páx. 7.137

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 29 de marzo de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas do sistema universitario de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2011.

O Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 (Plan I2C) recolle no Eixe Estratéxico 2-Consolidación de Grupos de Referencia que no sistema universitario de Galicia existen unha serie de grupos de investigación aos que podemos denominar grupos de referencia competitiva, caracterizados por bos índices de publicacións académicas; un nivel de captación de recursos elevado, aínda que variable segundo a área en que traballen; competitivos a nivel estatal e en moitos casos internacional; con capacidade para formar e atraer mozos investigadores e habituados á cooperación con outros grupos de investigación, con institucións ou con empresas.

Estes grupos deberían dispor dun financiamento estrutural e continuado, condicionado a criterios de calidade, que substituirá un modelo baseado no financiamento do grupo por acumulación de proxectos de investigación.

Por outra banda, os grupos de investigación poden aumentar as súas oportunidades de desenvolvemento e consolidación mediante a integración en estruturas organizativas de ámbito superior ao grupo, tales como redes, consorcios, agrupacións estratéxicas ou institutos. A pertenza a este tipo de entidades favorece o acceso ao coñecemento interdisciplinar, a fontes de financiamento e a unha reputación que dificilmente podería lograr o grupo de forma individual. Estas entidades favorecen tanto a integración de capacidades dispersas como a competitividade máis aló do ámbito local e a satisfacción das demandas da contorna produtiva.

Ademais, esta convocatoria quere contribuír a reducir o desequilibrio entre homes e mulleres dedicados á investigación no sistema universitario de Galicia, en cumprimento do compromiso de eliminación de discriminacións entre homes e mulleres que recolle o artigo 1º da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de homes e mulleres. Por iso, as axudas que se regulan nesta convocatoria terán en consideración o peso relativo das mulleres nas propostas presentadas, de xeito que se potencie o seu número e a calidade do seu traballo.

Atendendo a estas consideracións xerais e en virtude das súas competencias, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria procede á convocatoria das axudas á consolidación do ano 2011, referidas tanto ás axudas dos grupos de referencia competitiva como de redes.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto da convocatoria.

Esta convocatoria establece as condicións, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para o acceso no ano 2011 ás axudas para consolidar, estruturar e especializar as unidades de investigación máis competitivas do sistema universitario de Galicia (SUG), mediante dúas modalidades:

a) Grupos de referencia competitiva: as condicións detállanse no anexo I. Terá dúas submodalidades:

a.1) Renovación das axudas concedidas en 2006 e prorrogadas en 2008 para a consolidación de grupos de investigación que, pola súa produción científica e a súa actividade de I+D, constitúan unha referencia no SUG, e que non fosen beneficiarios dunha nova axuda da convocatoria de 2010.

a.2) Renovación das axudas concedidas en 2007 e prorrogadas en 2009 para a consolidación de grupos de investigación que, pola súa produción científica e a súa actividade de I+D, constitúan unha referencia no SUG.

b) Redes de investigación: as condicións detállanse no anexo II. Terá dúas submodalidades:

b.1) Novas redes: axudas a grupos de investigación en humanidades, ciencias sociais e xurídicas para apoiar o desenvolvemento dun plan de actuacións en rede que permita conformar novas capacidades científicas e abordar con maior efectividade novos obxectivos en investigación.

b.2) Plan de actuación de redes vixentes: axudas a grupos de investigación que fosen beneficiarios da axuda de redes desta convocatoria no exercicio 2008, para apoiar un plan concreto de actuacións de colaboración que materialicen os obxectivos cos que se creou a rede.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios da modalidade da axuda a) indicada no artigo anterior, os grupos de investigación do sistema universitario de Galicia, que recibisen a axuda de grupos de referencia competitiva deste programa no exercicio 2006 e prorrogadas en 2008 (que non recibisen unha nova axuda na convocatoria de 2010), e os que recibisen a axuda de grupos de referencia competitiva deste programa no exercicio 2007 e prorrogadas en 2009, sempre que cumpran os requisitos establecidos no anexo I.

Poderán ser beneficiarios da modalidades da axuda b) indicadas no artigo anterior os grupos de investigación das universidades do sistema universitario de Galicia, recoñecidos como tales pola súa universidade de orixe, sempre que cumpran os requisitos establecidos no anexo II.

Para os efectos desta convocatoria, enténdese por Investigador PDI o persoal docente investigador do sistema universitario de Galicia con categoría de doutor, asumíndose nesta cualificación o persoal contratado doutor vinculado por programas competitivos de dotación de persoal, en particular os procedentes dos programas Ramón y Cajal, Parga Pondal ou Juan de La Cierva, sempre que formen parte dun grupo de investigación no rexistro da universidade correspondente.

Artigo 3º.-Conceptos subvencionables.

Os importes das axudas irán destinados a financiar os seguintes conceptos, sempre que se relacionen coa actividade de consolidación ou agrupación:

1. Custo de contratación de persoal investigador ou auxiliar. Inclúese o custo de persoal dedicado de xeito específico ás funcións de xestión da rede ou da agrupación.

2. Pequeno equipamento e funxible, e custos de mantemento derivados de materiais, subministracións, instrumental e similares.

3. Material bibliográfico e adhesión a sociedades científicas.

4. Formación dos membros do grupo relacionada coa actividade obxecto da axuda.

5. Viaxes para a actividade obxecto da axuda.

6. Investigadores visitantes.

7. Organización de actividades de difusión, así como presenza en medios de comunicación.

8. Ferramentas de xestión do coñecemento e a información, tales como aplicacións informáticas, bases de datos, etc.

9. Consultoría e asesoramento externo para deseñar e aplicar a estrutura e a estratexia da rede ou do grupo.

10. Actividades para xerar rede ou favorecer a agrupación, non só entre os promotores, senón tamén con terceiros.

11. Gastos derivados da elaboración dun informe de auditoría, ata o límite de 3.000 € por beneficiario, cando a axuda sexa financiada polo Feder.

12. Custos indirectos ou gastos xerais que regulamentariamente exixe a universidade ao grupo solicitante, que non superarán o 15% da axuda concedida.

Dado que estas axudas están cofinanciadas co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) 2007-2013, os conceptos anteriores só serán aceptados se cumpren os criterios de elixibilidade que establezan os regulamentos que desenvolven o Feder, en particular os recollidos na Orde EHA/524/2008, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre gastos subvencionables dos programas operativos do Feder e do Fondo de Cohesión (BOE nº 53, do 1 de marzo).

Atendendo ao establecido no artigo 29º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 12.000 € no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes proveedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben.

Artigo 4º.-Formalización e presentación de solicitudes.

As solicitudes, segundo modelo oficial que se achega no anexo III desta orde, está completo ao dispor dos interesados na internet no enderezo http://www.edu.xunta.es (na epígrafe da Secretaría Xeral de Universidades) e presentaranse no rexistro único da Xunta de Galicia ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 (BOE nº 12, do 14 de xaneiro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para a presentación de instancias. Se no uso deste dereito, a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de que proceda á súa certificación.

As solicitudes desta convocatoria poderán presentarse tamén nos rexistros das universidades do sistema universitario de Galicia. Estes rexistros deberán remitir as solicitudes á Secretaría Xeral de Universidades no prazo dos tres días seguintes ao da súa recepción, de acordo co establecido na Resolución do 25 de xuño de 2007 (DOG do 3 de xullo), da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, pola que se dispón a publicación do convenio de colaboración entre esta consellería e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo en materia de rexistros administrativos.

As solicitudes serán presentadas, segundo a modalidade, por:

-Na modalidade de grupos de referencia competitiva, o solicitante será o coordinador (ou equivalente) do grupo de investigación que solicite a axuda.

-Na modalidade de redes, o solicitante será o coordinador do grupo de investigación que asuma as tarefas de xestión da rede.

O grupo de investigación deberá designar o coordinador (ou equivalente) tal como se indica no artigo 8º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Documentos que acrediten o cumprimento dos requisitos establecidos nos anexos desta convocatoria correspondentes á modalidade de axuda solicitada.

b) Certificado da composición dos grupos emitido pola universidade de orixe, indicando o código e denominación de grupo, así como o número de membros do grupo que son mulleres.

c) Certificado de ingresos de I+D competitivos obtidos polos solicitantes no período 2008-2010, expedido pola universidade de orixe. Esta certificación non será necesaria na modalidade de redes.

Para efectos desta convocatoria enténdese por ingresos de I+D competitivos os correspondentes a proxectos de I+D financiados por convocatorias públicas das administracións estatais, europeas ou doutras fontes, e os correspondentes a contratos e convenios de I+D ou de servizos de innovación, licenzas de patentes e de software, así como os premios de investigación. Non se terán en conta as axudas para infraestruturas, as bolsas e axudas a accións de divulgación e produción científica, as axudas correspondentes a programas de recursos humanos, nin as procedentes deste mesmo programa.

d) Memoria descritiva da estratexia de investigación, estruturación e consolidación que vai seguir o grupo, ou da actividade proposta pola rede, e que xustifica a necesidade desta axuda. O formato desta memoria está incluído no formulario de solicitude. Co obxectivo de facilitar o proceso de xestión e avaliación, a memoria en papel que deberá estar asinada, non estará encuadernada e deberá incluirse unha copia dela en formato CD.

e) Declaración das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas ou polos seus organismos ou sociedades, consonte o documento que se inclúe no modelo de solicitude.

f) Currículo acreditativo dos méritos alegados polo investigador ou o grupo, en soporte CD, segundo se detalla para cada unha das modalidades de axuda. Non se admitirá o currículo en soporte papel. Se o solicitante desexa achegar publicacións, deberán entregarse igualmente en soporte CD.

g) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención de subvencións recollidas no artigo 13º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

h) Consentimento expreso á Administración para incluír e facer públicos, nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas. A reserva que poida facer o peticionario no sentido de non autorizar a obtención dos datos ou a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que se expresar, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou á revogación do acto de outorgamento.

O prazo de presentación de solicitudes será de 31 días naturais contados a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no DOG.

De conformidade co artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

De conformidade co artigo 20º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación das solicitudes comportará a autorización do solicitante ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia, polo que queda liberado o solicitante de achegar a correspondente certificación.

Artigo 5º.-Tramitación.

A instrución do procedemento de concesión destas axudas correspóndelle á Secretaría Xeral de Universidades.

Os servizos da Secretaría Xeral de Universidades comprobarán que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e exporán a lista de solicitudes admitidas e excluídas sinalando, se é o caso, as causas de exclusión, na internet no enderezo http://www.edu.xunta.es/

Esta lista estará exposta do 30 de maio ao 10 de xuño de 2011. Os interesados, durante ese mesmo prazo, poderán formular reclamacións para emendar erros e falta de documentos ante a Secretaría Xeral de Universidades, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase que o interesado desiste da súa petición nos termos establecidos no artigo 71º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Non axustarse aos termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de desestimación da solicitude presentada con independencia de que poidan acordarse outro tipo de actuacións.

Artigo 6º.-Avaliación e selección.

A selección dos beneficiarios das axudas realizarase a partir da suma das valoracións feitas por un equipo de avaliadores e pola comisión de selección.

O equipo de avaliadores estará formado por expertos de fóra do sistema universitario de Galicia designados polo titular da Secretaría Xeral de Universidades, e cubrirán os diferentes ámbitos temáticos da convocatoria. A valoración das solicitudes presentadas referirase á produción e calidade científica dos grupos e candidatos, así como á súa actividade investigadora e á idoneidade da programación proposta de acordo cos obxectivos de cada unha das modalidades da convocatoria.

O panel poderá asignar ata un máximo de 80 puntos a cada solicitude. Na modalidade a), o panel poderá asignar como máximo 50 puntos pola actividade que o grupo desenvolveu durante o tempo que desfrutou da axuda (isto é, 2006-2009 ou 2007-2010) e 30 puntos polas novas actividades que propón na solicitude. Os grupos que opten á modalidade de grupo de referencia competitiva que concorriron á convocatoria de 2010, deberán someterse novamente ao proceso de avaliación.

Os criterios de avaliación das solicitudes presentadas son:

a) Estrutura/organización de investigación: tamaño do grupo, mecanismos de xestión e organización, mecanismos de transferencia de resultados e infraestruturas.

a.1) Composición, estrutura, interdisciplinariedade e coherencia do grupo e da súa actividade.

a.2) Liderado do grupo ou composición maioritariamente femininos.

a.3) Participación de investigadores dos campus periféricos.

a.4) Dimensión interuniversitaria.

b) Actividade investigadora (período 2008-2010):

b.1) Nivel de excelencia da produción científica, medida polas publicacións.

b.2) Proxectos financiados por convocatorias públicas ou contratos de investigación, con especial atención a aqueles desenvolvidos en colaboración con empresas e institucións.

b.3) Novos investigadores en formación, medido polo número de estudantes de doutoramento, bolseiros e contratados predoutorais e posdoutorais, teses dirixidas e lidas.

b.4) Resultados de investigación, medidos pola existencia e utilidade dos resultados de investigación medidos a partir da solicitude de patentes, creación de empresas de base tecnolóxica, prestación de servizos e outras formas de desenvolvemento tecnolóxico e transferencia de coñecemento.

b.5) Actividades de divulgación e promoción científica dos resultados: accións de comunicación, promoción, difusión ou didáctica da actividade de investigación.

Na modalide de redes, teranse en conta os resultados obtidos pola rede no caso da submodalidade Plan de actuación, ou os resultados acadados de manera conxunta polos socios no caso da submodalidade Nova rede.

c) Estratexia do grupo de investigación, ou plan de actuación proposto pola rede:

c.1) Calidade e viabilidade da proposta de desenvolvemento do grupo ou rede que os candidatos presenten coa solicitude e de acordo aos obxectivos da convocatoria.

c.2) Estratexia de aplicabilidade dos resultados que obteña o grupo ou a rede.

d) A avaliación final dos grupos de referencia competitiva que recibiron axudas no período 2007-2010 seguirá os seguintes criterios:

d.1) Grao de cumprimento dos obxectivos de consolidación establecidos na resolución individual de concesión.

d.2) Incremento da produción científica e da actividade de I+D.

d.4) Destino e aproveitamento dos fondos recibidos.

d.5) Aplicabilidade e difusión dos resultados obtidos.

Cando a comisión de selección o considere oportuno, poderá requirirse aos grupos de referencia competitiva para que fagan unha exposición presencial dos logros acadados no período durante o que recibiron a axuda.

A valoración farase chegar á comisión de selección, que elaborará a proposta de resolución de acordo coas bases da convocatoria, as avaliacións correspondentes, a dispoñibilidade de recursos e os obxectivos de ordenación, consolidación e articulación que suscita esta actuación.

A Comisión de Selección estará constituída por sete membros:

-O titular da Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou persoa en que delegue, que actuará como presidente da comisión.

-Serán vogais da comisión:

*Un/unha representante de cada universidade do SUG.

*Un/unha subdirector/a xeral de Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Economía e Industria.

*O/a subdirector/a xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Secretaría Xeral de Universidades.

*O/a xefe/a do servizo de Xestión Científica-Tecnolóxica da Secretaría Xeral de Universidades, que actuará como secretario da comisión.

Esta comisión poderá conceder ata 20 puntos a cada solicitude, dos que 10 serán outorgados polos representantes do SUG e outros 10 serán outorgados polos representantes da Xunta de Galicia. Para iso se terán en conta os seguintes criterios:

-Interese, relevancia e oportunidade da solicitude para a estruturación e fortalecemento da investigación na universidade a que pertence o solicitante.

-Potencialidade da solicitude para satisfacer as necesidades científico-tecnolóxicas da sociedade e os sectores económicos galegos.

Os vogais que representan as universidades deberán achegar obrigatoriamente á comisión, unha semana antes da súa reunión de concesión das axudas, un informe de valoracións das solicitudes presentadas por investigadores das súas respectivas universidades, en función destes criterios, así como unha listaxe destes expedientes por orde de prioridade. De non presentar este informe, as solicitudes da súa correspondente universidade recibirán 0 puntos. Igualmente, os vogais que representan á Xunta de Galicia enviarán coa mesma antelación aos demais membros da Comisión o seu informe de valoración das solicitudes.

Para garantir que as propostas financiadas teñan un nivel de calidade que poida ser considerado de referencia, só poderán recibir as axudas establecidas nesta convocatoria aquelas solicitudes que obteñan unha puntuación total superior ou igual a 60 puntos.

Artigo 7º.-Resolución.

A competencia para resolver estas axudas correspóndelle ao titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria sen prexuízo da súa posible delegación noutros órganos da consellería. A comisión de selección elevará a proposta de resolución que incluirá a relación de candidatos seleccionados e a lista de reserva ao titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

No texto da resolución individual aparecerán os obxectivos de consolidación e estruturación do grupo ou rede obxecto da axuda, segundo o establecido nos respectivos anexos.

Todas as solicitudes serán resoltas no prazo máximo de 6 meses, contados desde a publicación desta orde. A non resolución en prazo faculta os interesados para entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co previsto no artigo 2º da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A resolución expresa ou presunta que poña fin á vía administrativa poderá ser impugnada polos interesados mediante recurso potestativo de reposición ante o titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

Os asinantes das solicitudes denegadas ou desestimadas poderán recuperar a documentación presentada, no prazo dun ano a partir da publicación da concesión das axudas no Diario Oficial de Galicia. Pasado ese prazo, aquela documentación que non fose recollida será destruída, agás a que fose obxecto de recurso.

A aceptación da axuda supón a publicación na lista de beneficiarios prevista nos artigos 6º e 7º.2 d) do Regulamento (CE) 1828/2006, da Comisión Europea.

Artigo 8º.-Libramento da subvención.

En todas as modalidades de axuda, a subvención será librada a través da universidade a que pertenza o solicitante, conforme o plan de necesidades do proxecto subvencionado e de acordo coa normativa vixente.

Para poder proceder ao libramento dos fondos será preciso que a universidade correspondente expida, na data límite do 15 de outubro do exercicio correspondente á anualidade de que se trate, a certificación expresiva da realización do gasto e do pagamento acompañada dunha memoria explicativa do logro dos obxectivos de consolidación e estruturación do grupo ou rede. Ademais cando a axuda teña cofinanciamento de Feder, a universidade correspondente deberá achegar nesa mesma data límite os documentos xustificativos dos gastos e dos pagamentos, ou un informe de auditoría de acordo co establecido no artigo 60º do Reglamento 1083/2006 (CE), asinado por un auditor do Rexistro Oficial de Auditores de Contas. Este informe deberá certificar tanto a regularidade da solicitude do beneficario como describir o labor desenvolvido e os resultados.

En caso de confinanciamento de Feder, tamén deberá achegarse unha relación das publicacións, actos e reunións en que se fixese publicididade do devandito cofinanciamento.

En cumprimento da normativa relativa ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, as universidades deberán manter unha separación contable adecuada para os gastos relacionados coa axuda que facilite a «pista de auditoría». Ademais, deberán conservar a documentación por un período de tres anos a partir do peche do programa operativo, tal como se define no artigo 89º.3 do Regulamento 1083/2006 do Consello. Os gastos deberán xustificarse con facturas ou documentos contables de valor probatorio equivalente e os pagamentos cos xustificantes das transferencias bancarias ou documentos acreditativos dos pagamentos realizados.

Segundo o establecido no artigo 45º.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado ante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación comportará a perda do dereito ao cobramento parcial ou total da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

Para efectuar o último pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.

Poderán realizarse pagamentos parciais á conta da liquidación final nas condicións establecidas na normativa vixente.

Nos proxectos plurianuais enténdese que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación da anualidade corrente ata final de ano corresponden á anualidade seguinte e, polo tanto, poderán presentarse como xustificante para o cobramento desta anualidade.

Artigo 9º.-Modificación da resolución de concesión de axudas.

Poderase modificar a resolución de concesión da axuda, tal como se especifica no artigo 17º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando se alteren as condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, pola obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais.

As axudas concedidas serán compatibles con outras axudas ou subvencións, de acordo co establecido na normativa aplicable. Esta compatibilidade estará limitada nos seguintes casos:

a) Cando o importe das axudas concedidas, illadamente ou en concordancia con outras, supere o custo da actividade subvencionada. Por iso, cando a entidade beneficiaria reciba outros fondos cos mesmos obxectivos que os establecidos nesta convocatoria, deberá de poñelo en coñecemento da Secretaría Xeral de Universidades.

b) Cando o beneficiario teña concedida outra axuda desta consellería para a mesma actividade. Un mesmo grupo non poderá ser beneficiario de máis dunha axuda para a modalidade de redes, aínda que correspondan a temáticas diferentes.

c) Cando o beneficiario teña concedida unha axuda para a consolidación do seu grupo ao abeiro da convocatoria de estruturación e consolidación da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación.

d) Cando o beneficiario teña concedida outra axuda en que os mesmos gastos sexan cofinanciados por fondos procedentes do mesmo ou outro instrumento financeiro comunitario.

Artigo 10º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución da concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 38º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11º.-Concorrencia e renuncia das axudas.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas para a mesma finalidade por outras administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo prevé o artigo 17º.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase consonte o establecido no artigo 38º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12º.-Control.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións. En particular, poderá someter a todos os beneficiarios das axudas desta convocatoria a unha avaliación final, no prazo de seis meses contados desde a data límite de xustificación da última anualidade, coa finalidade de comprobar o impacto das axudas concedidas.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas, do Consello de Contas e doutros organismos autonómicos, estatais e europeos con funcións de control sobre os fondos de cohesión e, en particular, de Feder.

Artigo 13º.-Dotación orzamentaria.

As axudas imputaranse á aplicación orzamentaria 09.02.422C.744.3 correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, na que existe crédito axeitado e suficiente. As cantidades, que aparecen desagregadas no cadro seguinte, poderán redistribuírse entre as modalidades en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de créditos:

Ver referencia pdf "07900D001P005.PDF"

Os importes indicados corresponderán a fondos propios da comunidade autónoma e a fondos procedentes do Feder (Eixe 1, Tema prioritario 01: Actividades de I+D en centros de investigación. Actuación 1: Consolidación e estruturación Sistema Público de I+D).

Cada unha das axudas levarán as seguintes porcentaxes de financiamento: 68% de Feder, 17% de FCI que cofinancia o Feder, 15% de fondos propios libres para cubrir os gastos xerais que non teñen carácter de elixible para Feder.

Dado o cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) 2007-2013, os beneficiarios das axudas deberán cumprir os requisitos de publicidade que establece o artigo 8º do Regulamento 1828/2006, do 8 de decembro, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento 1083/2006, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo de Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, e ao Regulamento 1080/2006 relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, así como cumprir os requisitos de xustificación que estableza esa mesma normativa. En todo caso, as medidas de publicidade e información deberán ser coherentes co estalecido na Guía de Publicidade e Información das intervencións cofinanciadas polos Fondos Estruturais 2007-2013 en Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Esta orde sométese ao réxime de axudas públicas establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento que a desenvolve.

Segunda.-Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición perante o titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116º e 117º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2011.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Grupos de referencia competitiva

1. Obxecto da axuda.

Renovación das axudas para a consolidación de grupos de investigación do SUG que pola súa produción científica e a súa actividade de I+D constitúan unha referencia no Sistema Galego de Innovación.

2. Requisitos.

Ser un grupo de investigación do SUG recoñecido pola universidade de orixe que cumpra os criterios seguintes:

-Ter sido beneficiario das axudas concedidas por este mesmo programa nalgunha das seguintes convocatorias:

*Convocatoria de 2006, segundo se recolle na Orde do 1 de decembro de 2006 pola que se resolve a do 6 de xuño de 2006 de convocatoria das axudas do Programa de consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas, en réxime de concorrencia competitiva.

*Convocatoria de 2007, segundo se recolle na Orde do 22 de agosto de 2007 pola que se resolve a do 2 de abril de 2007 de convocatoria das axudas do Programa de consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas, en réxime de concorrencia competitiva.

-Ter polo menos 5 PDI e cumprir algún dos seguintes requisitos de actividade no período 2008-2010:

*Nº de proxectos competitivos, activos no períododo: polo menos 3 proxectos.

*Ingresos medios anuais por actividades de I+D: superior a 250.000 €.

3. Contía e duración.

As axudas serán de aplicación por un período de tres anualidades, mediante o pagamento anual dunha contía fixa de 56.000€.

Ao final da segunda anualidade, realizarase unha avaliación do cumprimento dos obxectivos de consolidación que foron recollidos na resolución individual de concesión. De non superar esta avaliación, aplicarase o establecido no artigo 10º desta orde.

4. Criterios de avaliación.

Para esta modalidade de axuda, os criterios de avaliación previstos para o panel de avaliadores no artigo 6º desta orde serán ponderados de acordo a:

Ver referencia pdf "07900D001P005.PDF"

ANEXO II

Redes de investigación

1. Obxecto da axuda.

-Modalidade novas redes: axudas a grupos de investigación en humanidades, ciencias sociais e xurídicas para apoiar o desenvolvemento dun plan de actuacións en rede que permita conformar novas capacidades científicas e abordar con maior efectividade novos obxectivos en investigación. Considéranse as seguintes áreas ANEP: ciencias da educación; ciencias sociais (socioloxía, ciencia política e da Administración, periodismo, comunicación audiovisual, publicidade e xeografía humana); dereito; economía; ciencias da educación; filoloxía e filosofía; historia e arte.

-Modalidade Plan de actuación de redes vixentes: axudas a grupos de investigación que fosen beneficiarios da axuda de redes desta convocatoria no exercicio 2008, para apoiar un plan concreto de actuacións de colaboración que materialicen os obxectivos cos que se creou a rede.

2. Requisitos.

O solicitante da modalidade «Novas redes» será un grupo de investigación do SUG (denominado coordinador) que, coa adhesión de polo menos outros tres grupos, promova o desenvolvemento dun plan de actividades conxuntas e complementarias no marco dunha rede. O socilitante e os tres grupos que o acompañan deberán proceder das áreas de Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas. Admitirase a participación de grupos doutras áreas, sempre que non ocupen a posición de liderado, que non sexan máis do 50% do total de socios e que amosen a súa potencial contribución á rede.

O solicitante da modalidade «Plan de actuación» será un grupo de investigación do SUG (denominado coordinador) que fose beneficiario das axudas a redes de investigación deste programa na convocatoria de 2008, coa adhesión de polo menos outros tres grupos, e que promova un plan de actuacións concretas que contribúan ao cumprimento dos obxectivos cos que foi creada a rede. O solicitante poderá ser o grupo que foi líder da rede no período financiado ou outro grupo que fose membro da rede naquel momento. En calquera caso, o plan de actuación deberá xustificarse respecto dos logros acadados pola rede durante a vixencia da anterior axuda.

3. Contía e duración.

En ambas as modalidades a axuda consistirá nunha contía fixa anual de 60.000 €. As axudas serán de aplicación por un período de dous anos, mediante o pagamento anual ao grupo que coordine a rede.

Ao final da segunda anualidade, realizarase unha avaliación do cumprimento dos obxectivos da rede que fosen recollidos na resolución individual de concesión. De non superar esta avaliación, aplicarase o establecido no artigo 10º desta orde.

4. Criterios de avaliación.

Para esta modalidade de axuda, os criterios de avaliación previstos para o panel de avaliadores no artigo 6º desta orde serán ponderados de acordo a:

Ver referencia pdf "07900D001P005.PDF"