DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Mércores, 20 de abril de 2011 Páx. 7.069

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 12 de abril de 2011 pola que se convocan as Xornadas sobre o proceso electoral e renovación das entidades locais galegas.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2011 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración coa Dirección Xeral de Administración Local, as Xornadas sobre o proceso electoral e renovación das entidades locais galegas, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Poñer en coñecemento dos técnicos e empregados municipais das entidades locais galegas as novidades na lexislación sobre réxime electoral local que sofren importantes modificacións nesta convocatoria (mocións de censura, igualdade de xénero nas listas, novo censo electoral…). Así mesmo, afondar no procedemento electoral completo que vai desde a convocatoria das eleccións ata a constitución das corporacións e elección do alcalde.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

-Análise das novidades introducidas na materia polas leis orgánicas 2/2011 e 3/2011, do 28 de xaneiro. Difusión das novidades na doutrina da Xunta Electoral Central desde o ano 2007. Fases do proceso electoral.

-A administración electoral: composición, funcións e constitución. A actividade municipal durante o proceso electoral: obrigas legais e colaboración administrativa. Funcións do secretario como delegado da Xunta Electoral de Zona.

-O goberno local en funcións: actos de administración ordinaria. Actuacións previas á constitución da nova corporación. Constitución do concello e elección de alcalde.

-Autoorganización da corporación: órganos necesarios e órganos complementarios. Acordos de goberno, administración e delegación. Aspectos xurídicos e económicos.

-Estatuto dos membros da corporación e grupos políticos: especial referencia aos concelleiros non adscritos. Modificacións sobrevidas da corporación.

-Problemas prácticos na renovación das entidades locais galegas.

3. Destinatarios.

Empregados públicos das entidades locais galegas e demais persoal afectado polo procedemento electoral e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

Estas xornadas desenvolveranse na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) os días 4 e 5 de maio de 2011.

Duración: 10 horas lectivas, en horario de mañá e tarde o día 4 e en horario de tarde o día 5.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Solicitudes.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración Pública (Polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, CP 15707 Santiago de Compostela), segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e serán presentadas no rexistro xeral da EGAP, ou ben de calquera das formas previstas no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Serán admitidas inscricións por medio de fax enviado ao número 981 54 63 30 ou por correo electrónico dirixido ao enderezo novas.egap@xunta.es

-Inscricións fóra de prazo: só serán admitidas, de quedar prazas libres, coa condición de que cumpran os requisitos xerais antes indicados.

-As persoas solicitantes poderán obter a confirmación da súa admisión se chaman por teléfono, das 8.30 ás 14.30 horas, aos seguintes números: 981 54 62 41-881 99 70 14.

7. Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o día 2 de maio de 2011.

8. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento destas xornadas, así como a facultade de cancelalas se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

9. Certificado de asistencia.

Entregarase un certificado de asistencia, ao final das xornadas, a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente, e sempre que a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán de forma expresa o contido, a data e o lugar de realización das xornadas.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2011.

Pablo Figueroa Dorrego

Director da Escola Galega

de Administración Pública

Ver referencia pdf "07800D005P067.PDF"