DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Martes, 19 de abril de 2011 Páx. 6.896

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 8 de abril de 2011 pola que se convoca un curso sobre condución e manexo de vehículos autobomba para persoal dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais.

O artigo 43º da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realicen algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección das persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44º da citada lei, este persoal organizarase en grupos operativos.

Por Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que poidan producirse en Galicia, derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2011, e conforme o establecido no artigo 46º da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria dun curso sobre condución e manexo de vehículos autobomba con 4 edicións, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: condución e manexo de vehículos autobomba.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 9.

Modalidade: presencial.

Edicións: 4.

Obxectivos: con este curso preténdese conseguir que os/as condutores/as de vehículos autobomba dos servizos de prevención e defensa contra os incendios forestais adquiran coñecementos teórico-prácticos para conducir con maior seguranza os vehículos autobomba empregados na loita contra incendios.

Contido: o contido do curso de condución e manexo de vehículos autobomba divídese en dúas partes:

Teoría: 2 horas en que se abordarán os seguintes temas:

Posición de condución:

-Movementos do volante.

-Traxectorias.

-Adherencia do pneumático.

-Uso freo acelerador.

-Transferencia de masas, centro de gravidade, eixe balanceo.

Condución todoterreo:

-Características das autobombas.

-Peculiaridades no uso do acelerador/freo/embrague e caixa de cambios.

-Ángulo de ataque, ángulo de saída. Pendentes lonxitudinais.

-Ángulo de crista.

-Ángulo de inclinación transversal.

-Subida e baixada de superficies escorregadizas.

Práctica: 7 horas de prácticas de condución en simulador e en circuíto e manexo de bombas. Para a realización das prácticas cada alumno ou grupo de alumnos procedentes dun mesmo servizo deberán traer a súa autobomba, de xeito que haxa como mínimo un vehículo autobomba por cada catro alumnos.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as: o curso vai dirixido aos/ás condutores/as de vehículos autobomba dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais da Xunta de Galicia.

Prazas ofertadas: 20 prazas por cada edición.

3. Solicitudes de participación.

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es, na parte «Actividades formativas», «cursos con inscrición aberta», de acordo co disposto na base 4ª desta resolución.

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) Será necesario consignar no formulario de solicitude un número de teléfono móbil ou un enderezo de correo electrónico operativo a fin de poder realizar as notificacións necesarias.

d) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan consignados correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, que non se axusten ao formulario de solicitude ou que sexan presentadas fóra de prazo.

e) O prazo para a presentación de solicitudes será de 15 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

4. Formulario normalizado de solicitude.

a) Os formularios de solicitude a que se refire a base anterior serán obtidos e cubertos pola persoa solicitante necesariamente a través da páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública, e pódense encontrar no enderezo da internet http://agasp.xunta.es

Dentro da páxina web da Agasp debe accederse á parte «Actividades formativas», «Cursos con inscrición aberta» e premer na ligazón «Formulario». Unha vez consignados os datos, débese seleccionar «Enviar».

b) Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporanse instrucións de axuda, que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

c) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 12 e 886 20 61 37, do fax 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

5. Criterios de selección do alumnado participante.

Na selección empregaranse os criterios establecidos no artigo 20º da Orde do 4 de febreiro de 2009 pola que se aproba o Regulamento de réxime interior da Academia Galega de Seguridade Pública, sen prexuízo da reserva do 50% das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37º.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. De non existiren suficientes solicitudes de participación de mulleres, as prazas sobrantes acrecentaranse ás da quenda xeral.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos nalgún curso, poderá completarse o número de alumnos asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da Agasp, con suficiente anticipación para que teña lugar unha adecuada selección das novas persoas candidatas.

6. Publicación das relacións do persoal seleccionado.

A Academia Galega de Seguridade Pública publicará no sitio web http://agasp.xunta.es as solicitudes de participación que resultaren seleccionadas segundo os criterios de selección mencionados anteriormente.

As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con, cando menos, 48 horas de anticipación ao comezo desta. Esta renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen para as cales reúnan os requisitos exixidos de participación (artigos 18º e 21º do Regulamento de réxime interior da Agasp).

7. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: sede da Academia Galega de Seguridade Pública.

Horario: mañá e tarde.

Datas:

Primeira edición: 23 de maio.

Segunda edición: 24 de maio.

Terceira edición: 25 de maio.

Cuarta edición: 26 de maio.

Certificado de aproveitamento: ao remate da actividade entregarase un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen a proba final.

8. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG nº 30, do 12 de febreiro).

9. Financiamento da actividade.

Esta actividade é cofinanciada nun 80% polo Fondo Social Europeo dentro do Programa Operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, no eixe 3, tema prioritario 72.

10. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 8 de abril de 2011.

José Carlos García Bouzas

Director xeral da Academia Galega

de Seguridade Pública