DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Martes, 19 de abril de 2011 Páx. 6.895

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 13 de abril de 2011 pola que se modifica a Orde do 23 de novembro de 2010, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás entidades recoñecidas como Agrupacións de Defensa Sanitaria Gandeiras (ADSG) de Galicia e se convocan para o ano 2011.

A Orde do 23 de novembro de 2010, publicada no DOG nº 228, do 26 de novembro, ten por obxecto regular as axudas á realización de programas de planificación zoosanitaria polas entidades recoñecidas pola Consellería do Medio Rural como Agrupacións de Defensa Sanitaria Gandeiras (ADSG), e convocar estas axudas para o ano 2011, en concorrencia competitiva.

As dificultades orzamentarias derivadas da crise económica obrigan ao establecemento de medidas de axuste nos tempos de tramitación para garantir o cumprimento dos compromisos asumidos. Para tal fin cómpre a modificación da Orde do 23 de novembro de 2010.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confiren o artigo 14º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo único.

Modificar a Orde do 23 de novembro de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás entidades recoñecidas como Agrupacións de Defensa Sanitaria Gandeiras (ADSG) de Galicia e se convocan para o ano 2011, como segue:

Un.-Modifícase o punto 8.6 do artigo 8º do seguinte modo:

«8.6. No caso de que reste un remanente orzamentario pola aplicación das prioridades na asignación e límites especificados na primeira liña de preferencia 8.3. A), este repartirase proporcionalmente na segunda 8.3. B), e a continuación na terceira 8.3. C). Se unha vez cubertas as necesidades da terceira aínda houbese crédito poderán superarse as porcentaxes de financiamento dos produtos subvencionables empregados nos programas sanitarios seguindo os criterios de preferencia e repartición indicados a aquelas ADSG que non superasen o límite por UGM establecido no punto 8.2.

En todo caso, o importe da axuda non superará nunca o 50% dos investimentos subvencionables relacionados cos produtos necesarios para a execución do programa sanitario ou coa contratación de servizos técnicos e o 100% da remuneración ao persoal veterinario. Ademais, o total do importe de axuda pública non superará o 50% do gasto total do programa da ADSG».

Dous.-Modifícase o artigo 13º do seguinte modo:

«13.1. As xustificacións económicas do programa, incluídas as nóminas, deberán presentarse na oficina agraria comarcal correspondente antes do 1 de decembro de 2011, agás as nóminas de contratos laborais do mes de decembro de 2011, que se poderán presentar, xunto coas actuacións de xaneiro e febreiro de 2012 (xustificacións técnicas e económicas de todo o programa), antes do 28 de febreiro de 2012, con cargo á anualidade de 2012. Achegaranse os xustificantes do investimento total en copias compulsadas, unha relación en papel ou informatizada destes e unha memoria explicativa sobre a realización do programa auxiliado, que probe a entrega efectiva dos produtos ou a prestación efectiva dos servizos.

A relación informatizada debe incluír todos os gastos subvencionables que teña a ADSG, dos cales poida presentar xustificante de pagamento (movemento bancario) anterior ao 1 de decembro de 2011 para a anualidade 2011, e entre o 1 de decembro de 2011 e o 28 de febreiro de 2012 para a anualidade 2012, e constará dos seguintes campos: número de factura ou nómina, emisor ou beneficiario, data de emisión e data de pagamento.

Para os efectos do punto 2 do artigo 73º do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o estampillado dos xustificantes orixinais de gasto para o control da concorrencia de subvencións farase cun selo que indique «subvencionado».

Para subvencionar considérase gasto realizado o que foi efectivamente pagado.

Os gastos realizados polo beneficiario final deberán xustificarse mediante facturas orixinais ou copias compulsadas delas. Nos casos en que isto non sexa posible e que non existan facturas, os gastos xustificaranse por medio de documentos contables de valor probatorio equivalente.

Por regra xeral, presentarase a factura definitiva e o xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria etc.), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario que paga e o destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura. No caso de que o xustificante bancario sexa transferencia bancaria, deberá ser orixinal ou copia compulsada e estará selada pola entidade bancaria.

Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque), achegarase copia do efecto mercantil xunto coa documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o dito efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas imputadas no gasto, deberanse identificar no documento do pagamento as facturas obxecto do pagamento.

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento, e xuntarase unha relación de todos os documentos de pagamento e importes acreditativos do pagamento desa factura.

Naqueles gastos subvencionables presentados en que non se xustifique o seu pagamento (movemento bancario) terase que xustificar despois o dito pagamento (movemento bancario) en prazo, para que a axuda se poida pagar.

O prazo de presentación dos xustificantes de pagamento (documento bancario) rematará o 1 de decembro de 2011 para as actuacións realizadas antes desta data, e antes do 28 de febreiro de 2012, para as actuacións realizadas antes desta segunda data.

No caso de gastos non subvencionables que se presenten para xustificar o investimento total, non se precisará achegar o xustificante de pagamento, só a xustificación do gasto.

13.2. Poderá solicitarse antes do 1 de decembro de 2011 un anticipo do 52% do total da subvención autorizada, suxeito ás dispoñibilidades orzamentarias vixentes.

Os beneficiarios deste anticipo quedan exonerados da constitución das garantías establecidas no artigo 65º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

13.3. Ademais do indicado no parágrafo primeiro deste artigo, deberán presentar unha memoria do programa desenvolvido, asinada polo facultativo responsable da execución deste, que mostre a evolución do programa no período.

13.4. De acordo co artigo 30º, punto 4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, procedencia e aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas.

13.5. Conforme o disposto no artigo 18º.1 do Regulamento (CE) 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006 (DO L 358 do 16 de decembro), sobre a aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado ás axudas estatais para pequenas e medianas empresas dedicadas á produción de produtos agrícolas e polo que se modifica o Regulamento (CE) 70/2001, non poderán subvencionarse actividades levadas a cabo con anterioridade á aceptación expresa e vinculante para a autoridade competente da solicitude de axuda presentada».

Tres.-Modifícase o artigo 14º do seguinte modo:

«14.1. As axudas que deriven da aplicación da presente orde financiaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias do proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia:

-Para o ano 2011: 13.02.713E.770.1 dotada para esta finalidade con 1.315.000 euros.

-Para o ano 2012: 13.02.713E.770.1 dotada para esta finalidade con 1.200.000 euros».

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2011.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural