DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Martes, 19 de abril de 2011 Páx. 6.891

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 4 de abril de 2011, da Dirección Xeral de Comercio, pola que se convocan as eleccións para a renovación de vogais da Comisión Galega de Artesanía que representan os artesáns e artesás de cada provincia inscritos/as na sección terceira do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

A Lei 1/1992, do 11 de marzo, de artesanía de Galicia, establece o marco legal de actuación do sector artesanal de Galicia, e prevé no seu articulado a creación da Comisión Galega de Artesanía, integrada, entre outros membros, por catro representantes elixidos entre todos os artesáns e as artesás inscritos/as na sección terceira do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. Chegado a termo o período de representación para o cal foron nomeados, procede convocar o proceso electoral para a renovación dos ditos vogais.

A Orde do 10 de febreiro de 2011, de modificación da Orde do 1 de febreiro de 2005, pola que se regula o procedemento de elección para a renovación de vogais da Comisión Galega de Artesanía que representan os artesáns e as artesás inscritos/as na sección terceira do Rexistro Xeral de Artesanía, establece no seu artigo 3º que lle corresponde á Dirección Xeral de Comercio, en virtude das competencias atribuídas polo Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, determinar a apertura do proceso electoral, así como os lugares e os prazos en que estará exposto o censo electoral.

O Decreto 218/2001, do 7 de setembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de artesanía, no seu artigo 2º determina en catro o número de membros da Comisión Galega de Artesanía que representan os artesáns e as artesás inscritos/as na sección terceira do dito rexistro.

De acordo co artigo 3º do Decreto 218/2001, os artesáns e as artesás de cada provincia, inscritos/as na sección correspondente do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, designarán por elección democrática un vogal da comisión, e a teor do artigo 4º da referida normativa, unha vez finalizado o prazo de 4 anos, procederase á renovación dos referidos vogais.

Por todo o anterior, e en uso das competencias que esta dirección xeral ten atribuídas no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria,

DISPOÑO:

Primeiro.-Convocar as eleccións para a renovación de vogais da Comisión Galega de Artesanía que representan os artesáns e as artesás inscritos/as na sección terceira do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Segundo.-O censo electoral estará exposto, a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución e durante un prazo de dez (10) días, no taboleiro de anuncios dos servizos centrais da Consellería de Economía e Industria, na páxina web oficial da consellería (https://economiaeindustria), na súa epígrafe de normativa, e no taboleiro de anuncios das respectivas xefaturas territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra (respecto das presentacións das reclamacións e a resolución destas, seguiranse os prazos previstos na Orde do 10 de febreiro de 2011).

Terceiro.-Os electores e electoras exercerán o dereito de sufraxio pola provincia en que se encontren inscritos/as no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2011.

María Nava Castro Domínguez

Directora xeral de Comercio