DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Martes, 19 de abril de 2011 Páx. 6.889

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 5 de abril de 2011 sobre a aprobación definitiva da modificación puntual número un do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Vigo (Pontevedra) na AA-01/trama de SXE da AA-01.

O Concello de Vigo remite a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal, en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o establecido no artigo 85º.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Antecedentes.

I.1. O Concello de Vigo dispón, vixente na actualidade, dun PXOM aprobado por orde da CPTOPT do 16 de maio de 2008, e orde da CMATI do 13 de xullo de 2009.

I.2. O proxecto de modificación puntual, redactado polos arquitectos municipais Antonio Alonso Fernández e Belén González Ramírez, está identificado como V.1 con data de outubro de 2009 -a memoria- e novembro de 2009 -os planos-. O proxecto incorpora o documento de inicio, de marzo de 2009.

1.3. No expediente administrativo inclúense os seguintes documentos:

-Protocolo de actuación para execución das determinacións do PXOM de Vigo e do convenio subscrito entre o Concello de Vigo e Unión Fenosa Distribución, S.A. e General de Edificios y Solares, S.L. do 13 de novembro de 2008.

-Informe do arquitecto municipal do 3 de marzo de 2009.

-Informe-proposta de técnica de administración xeral e director da oficina de planeamento e xestión, do 4 de marzo de 2009.

-Resolución de incoación para tramitación da MP, do delegado da área de urbanismo e vivenda e o titular do órgano de apoio á Xunta de Goberno local do 5 de marzo de 2009.

-Informes -proposta do técnico de Administración Xeral, do director da Oficina de Planeamento e Xestión e da xerente de Urbanismo, do 12 marzo e 15 de outubro de 2010.

-Informes da secretaria xeral do Pleno, do 14 de abril e 27 de outubro de 2010.

-Informes do interventor xeral, do 15 de abril e 2 de novembro de 2010.

-Certificacións de acordos de aprobación pola Xunta de Goberno local do 23 de abril e 26 de novembro de 2010.

-Certificacións de ditames favorables do Consello da Xerencia de Urbanismo dos días 6 de maio e 16 de decembro de 2010.

I.3. O secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decidiu o 26 de xuño de 2009 que non era necesario someter a MP nº 1 do PXOM de Vigo ao procedemento integrado de avaliación ambiental estratéxica. O anuncio publicouse no DOG nº 155, do 10 de agosto de 2009; e a decisión no enderezo web: http:// aae.medioambiente.xunta.es/.

I.4. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas emitiu informe previo á aprobación inicial o 1 de marzo de 2010.

I.5. A modificación puntual foi aprobada inicialmente polo Concello Pleno en sesión do 31 de maio de 2010. Foi sometida a información pública durante un mes mediante publicación no DOG do 25-8-2010, e nos xornais Atlántico Diario e Faro de Vigo do 16-7-2010. O concello comunicou o acordo aos concellos limítrofes. Non se presentaron alegacións.

I.6. O Concello Pleno aprobou provisionalmente a modificación puntual nº 1 do PXOM de Vigo na sesión do 27 de decembro de 2010.

Descrición e valoración.

Analizada a documentación que integra o expediente e á vista da proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, cómpre formular as seguintes consideracións:

II.1. A modificación puntual ten por obxecto debuxar a trama asociada ao sistema xeral eléctrico (SXE) no ámbito de actuación illada en solo urbano AA-01; que non consta grafada nos planos 10 e 11 da serie 1 a escala 1/5000 e no plano 13-J e 13-K da mesma serie a escala 1/1000 e 1/2000.

II.2. Coa modificación preténdese corrixir un erro detectado na documentación do PXOM. Deste xeito poderanse executar as previsións do plan e trasladar a subestación en superficie da avda. Alcalde Portanet a unha nova situación soterrada.

Esta finalidade pode incluírse entre as sinaladas no artigo 94º.1 da LOUG e fundamentar o interese público.

Ao abeiro do establecido no artigo 89º da LOUG, e no artigo 3º do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal corresponde ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Resolución.

Visto canto antecede, de acordo co punto 7.a do artigo 85º da LOUG,

RESOLVO:

1º Outorgar aprobación definitiva á modificación puntual nº 1 do PXOM do Concello de Vigo (Pontevedra) na AA-01 / trama de SXE da AA-01.

2º De conformidade co disposto polos artigos 92º da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do Plan Xeral aprobado definitivamente.

3º Notifíquese esta orde ao concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10º e 46º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2011.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente,

Territorio e Infraestruturas