DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Martes, 19 de abril de 2011 Páx. 6.859

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 7 de abril de 2011, da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións aos proxectos de cooperación empresarial para o fomento da empresa dixital no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2011 e 2012, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria (procedemento administrativo PR519A).

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, de conformidade co Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, exerce as competencias de liderado das iniciativas en materia da sociedade da información, así como as de fomento da innovación no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación.

Neste marco, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica está a impulsar unha serie de medidas dinamizadoras da sociedade da información, entre as que está esta convocatoria de axudas.

Nesta convocatoria prevense axudas para a adquisición e implantación de novos produtos e servizos das tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC) para o fomento da empresa dixital en Galicia. O modelo de axudas articúlase mediante a colaboración entre dúas realidades empresariais: o que ten a necesidade e o que coñece como afrontar coa tecnoloxía esa necesidade. Así, encontrarémonos por unha banda as empresas galegas de calquera sector que promoven e lideran o proxecto demandando eses novos produtos e servizos TIC, e por outra banda as empresas que especificamente teñen a capacidade de prestar eses produtos e servizos TIC.

A convocatoria prevé que a promoción e liderado do proxecto sexa asumido por empresas ou por asociacións empresariais.

No referente ás actuacións desta convocatoria é preceptivo indicar que parcialmente estarán cofinanciadas nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Plan operativo Feder Galicia 2007-2013, eixe 1 «Desenvolvemento da economía do coñecemento (I+D+i, sociedade da Información e TIC)», tema prioritario 11 «Tecnoloxías da información e comunicación», actuación 1.11.3, e tema prioritario 14 «Servizos e aplicacións para as pemes (comercio electrónico, ensino e formación, establecementos de redes, etc.)», actuación 1.14.2. Polo tanto, a súa tramitación queda condicionada ao cumprimento da normativa da Unión Europea nesta materia.

En consecuencia, e en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo I desta resolución, polas cales se rexerá a concesión das subvencións da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica aos proxectos de cooperación empresarial para o fomento da empresa dixital no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2011 e 2012. Tamén se aproban os anexos II, III e IV en que se inclúen as definicións, as descricións aplicables e os formularios normalizados de solicitude e de declaracións preceptivas, que son aplicables nesta convocatoria.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas subvencións para os anos 2011 e 2012 (procedemento administrativo PR519A).

Artigo 2º.-Solicitudes e comunicacións electrónicas.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada aos modelos normalizados que se inclúen como anexos III e IV desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 5º das bases reguladoras.

2. De acordo co disposto no artigo 24º.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes (en diante Decreto de Administración electrónica), os formularios da solicitude de axuda deberaos obter, cubrir, validar e presentar necesariamente o solicitante a través da aplicación informática a que se accede seleccionando o procedemento PR519A, dentro do enlace de «Axudas» desta secretaría xeral, sita no enderezo da internet http//imit.xunta.es. Tamén se pode acceder desde o enderezo http://www.xunta.es/presentacion-electronica-da-xunta-de-galicia, facendo uso do enlace dispoñible co procedemento PR519A. Estes modelos validados pola aplicación informática usaranse para a presentación electrónica, que se describe no artigo seguinte.

Poderanse cubrir e obter os formularios a través da aplicación informática ata as 14.00 horas do día anterior á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polos solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Os anexos III e IV desta convocatoria publícanse no Diario Oficial de Galicia (DOG) exclusivamente para efectos informativos, é necesario empregar a aplicación informática indicada para a obtención dos formularios e a presentación da solicitude.

3. De acordo co disposto no artigo 24º.2 do devandito Decreto de Administración electrónica, tamén se utilizarán medios electrónicos para as seguintes comunicacións:

-Emenda de documentación.

-Alegacións no trámite de audiencia.

-Solicitude de modificación.

- Xustificación da subvención.

O beneficiario deberá solicitar a dita modificación, acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos reflectidos no punto anterior, así como novo exemplar actualizado e asinado do anexo IV de declaracións expresas do solicitante no Rexistro Electrónico da Xunta co emprego do DNI electrónico ou certificado electrónico de persoa física da FNMT. A documentación presentarase a través do Servizo de Achegas de Documentación dispoñible na web da Secretaría Xeral (http://imit.xunta.es) ou accedendo directamente á seguinte URL:

http://www.xunta.es/apps/axudas/login.do?cod_ cons=PR&cod_proc=999A

4. O non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigo 54º a 56º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes presentaranse en formato electrónico, ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, mediante sinatura electrónica do representante legal da entidade solicitante, e téñense que cumprir os requisitos de presentación electrónica que se definen e achegan no anexo II, de acordo co establecido no artigo 24º.2 do Decreto de Administración electrónica.

Artigo 4º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a 6 meses.

Dado o carácter de concorrencia competitiva da convocatoria, os requirimentos de emenda de erros nas solicitudes, así como as notificacións das resolucións correspondentes, realizaranse preferentemente mediante publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Información aos interesados.

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código PR519A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica a través das seguintes canles:

a) Páxina web oficial da secretaría xeral (http://imit.xunta.es), na súa epígrafe de «Axudas».

b) O teléfono 881 99 50 58 da devandita secretaría xeral.

c) O enderezo electrónico: sxmit.axudas@xunta.es

d) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outros procedementos, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde fóra de Galicia o 902 12 00 12).

2. Adicionalmente ao xa indicado neste artigo e no artigo anterior, unha vez presentadas as solicitudes, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica habilitará «canles personalizadas» (véxase anexo II) de información cos interesados, con independencia dos medios preceptivos de notificación recollidos nos artigos 8º e 13º das bases reguladoras.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase o titular da Subdirección Xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información para que dite as instrucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2011.

Mª Mar Pereira Álvarez

Secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións aos proxectos de cooperación empresarial para o fomento da empresa dixital, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2011 e 2012

Artigo 1º.-Obxecto e réxime das subvencións.

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto os proxectos de cooperación empresarial para o fomento da empresa dixital, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2011 e 2012. Os proxectos abordaranse desde a cooperación entre empresas e deberán contar cun promotor que lidere o proxecto demandando novos produtos e servizos das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) e, polo menos, cun socio tecnolóxico con capacidade para prestar eses produtos e servizos TIC. A tarefa de promoción e liderado do proxecto pode ser asumida por empresas ou por asociacións empresariais.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e conta co cofinanciamento ao 80% do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Plan operativo Feder Galicia 2007-2013, polo que este réxime de subvencións quedará suxeito aos regulamentos (CE) 1080/2006 (DOUE do 31 de xullo), 1083/2006 (DOUE do 31 de xullo) e 1828/2006 (DOUE do 15 de febreiro de 2007), relativos ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

3. Así mesmo, sométense ao réxime de minimis, establecido no Regulamento (CE) 1998/2006 relativo ás axudas de minimis (DOUE do 28 de decembro).

Artigo 2º.-Actuacións subvencionables e non subvencionables.

1. Consideracións xerais sobre as actuacións.

Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), considéranse gastos subvencionables aqueles que de maneira indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Os gastos subvencionables e non subvencionables recollidos nesta resolución defínense de acordo co establecido na Orde EHA/524/2008, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Cohesión (BOE 53, do 1 de marzo).

Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o 1 de xaneiro de 2011 e a data límite de xustificación establecida no artigo 19º destas bases reguladoras. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados, operativos e verificables na data límite de xustificación do proxecto.

En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado. Así mesmo, a comisión de valoración poderá considerar como non subvencionables, ou limitar a súa porcentaxe en relación ao investimento subvencionable total do proxecto, á vista das solicitudes presentadas, aqueles conceptos que se consideren menos críticos para o normal desenvolvemento da actuación obxecto de axuda ou elementos que se consideren reiterativos doutros acometidos e subvencionados en exercicios anteriores.

Os provedores dos bens ou servizos están suxeitos ás condicións legais sobre a subcontratación de actividades subvencionadas citadas no artigo 18º destas bases reguladoras, e en ningún caso poderán ser provedores vinculados (véxase anexo II) coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores. De concorrer a dita circunstancia os investimentos non resultarán subvencionables.

O órgano xestor terá acceso á totalidade das tarefas realizadas para os efectos de comprobación das actuacións subvencionables, tanto durante a súa execución como con posterioridade á súa xustificación.

Os proxectos que se presenten para seren financiados abordaranse desde a cooperación entre empresas e deberán contar necesariamente con solicitudes en cada unha das liñas A) e B) descritas neste artigo.

En primeiro lugar, cada proxecto contará cun único promotor que lidere o proxecto, que presentará solicitude á liña A) Demanda empresarial en solucións TIC. O promotor e líder seleccionará o socio tecnolóxico co cal quere acudir á convocatoria, identificará os datos do socio tecnolóxico na súa solicitude, e instarao a que presente a correspondente solicitude pola liña B) Resposta tecnolóxica en solucións TIC. O promotor poderá contar con un ou con varios socios tecnolóxicos que poden cubrir distintas áreas especializadas do proxecto. Cada solicitante que exerza de promotor só poderá presentar unha solicitude á liña A) e, no caso de que presente máis dunha solicitude, só se admitirá a trámite a solicitude que tivese entrada en último lugar ante a Administración.

En segundo lugar, cada proxecto contará con, polo menos, un socio tecnolóxico que presentará solicitude á liña B) Resposta tecnolóxica en solucións TIC. O socio tecnolóxico deberá incluír na súa solicitude información básica sobre o proxecto en cooperación que lle facilitará necesariamente o promotor do proxecto. As empresas que exerzan de socio tecnolóxico poderán presentar distintas solicitudes en cooperación con distintos líderes, pero para investimentos absolutamente distintos nos recursos e nas tecnoloxías a empregar, así como nos resultados a obter. A comisión de valoración excluirá da convocatoria aquelas solicitudes dun socio tecnolóxico en que non quede perfectamente identificada a súa total diferenciación con outras, e tramitarase exclusivamente aquela solicitude que tivese entrada en último lugar ante a Administración.

O peso da cooperación de cada participante deberá acadar un mínimo do 20% do importe total das actuacións subvencionables do proxecto. Os proxectos teñen que ser viables en todas as partes suxeitas á cooperación, polo que os proxectos subvencionados terán que acadar os resultados esperados no seu conxunto e a falla de execución ou execución deficiente dalgunha das partes motivará a perda do dereito á axuda por parte de todos os participantes.

As solucións deberán estar baseadas na experiencia e necesidades do líder do proxecto e deben acadar nel un resultado concreto e exitoso, pero tamén deberán permitir que os socios tecnolóxicos poidan aplicar o coñecemento acadado e as tarefas desenvolvidas a outros interesados do mesmo ou de distintos sectores económicos.

O órgano xestor terá acceso á totalidade das tarefas realizadas para os efectos de comprobación das actuacións subvencionables, tanto durante a súa execución como con posterioridade á súa xustificación.

2. Descrición das actuacións subvencionables.

Liña A) Demanda empresarial en solucións TIC.

Destinada para que as empresas e as asociacións empresariais que desenvolven a súa actividade empresarial en calquera sector económico, agás os non beneficiarios recollidos no artigo 4º, poidan identificar tarefas, problemas e situacións concretas da súa actividade empresarial que necesitan novos produtos e servizos das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC). Os solicitantes desta liña son os coñecedores das necesidades específicas do seu sector económico e exercen de líderes dos proxectos de cooperación.

Non se considerarán investimentos de reposición ou simple actualización de procesos ou solucións xa existentes investimentos non dedicados aos fins do proxecto, nin uso ou parametrización de aplicacións informáticas xa realizadas por terceiros, como por exemplo: sistemas de xestión empresarial (ERP), sistemas de xestión do coñecemento (CRM), software de xestión documental, facturación, persoal, bases de datos, etc.

Nesta liña de actuacións será obxecto de especial consideración, sempre segundo os criterios de valoración recollidos nestas bases reguladoras, a descrición que faga o solicitante sobre a situación ou problemática existente na súa actividade, a identificación de boas prácticas no sector ou en sectores conexos que poidan servir de referencia para a adopción da decisión, a necesidade de busca dunha solución que non existe de facto no mercado, e as vantaxes que reportaría acadar os resultados do proxecto, así como a descrición das metodoloxías ou métricas que se empregarán no proxecto, e as ferramentas de control e seguimento do proxecto que se lle faciliten ao órgano xestor das axudas. Como axuda para achegar esta información o solicitante poderá usar o modelo de memoria técnica (véxase anexo II).

No caso de que o promotor exixa algún tipo de confidencialidade parcial aos socios tecnolóxicos, no referente á información que se manexará no proxecto ou nos resultados que se deberán acadar, deberá identificar univocamente na solicitude o alcance da dita confidencialidade.

Poderanse considerar solicitudes nos seguintes tipos de actuación:

A1) Demanda en solucións TIC polas empresas.

Solucións TIC que cubran necesidades específicas da empresa, aplicables ao seu funcionamento interno ou ás súas relacións con terceiros, como poden ser: xestión da cadea de produción, xestión do servizo ou produto, rastrexabilidade, documentación electrónica, aprovisionamento, loxística, comercio electrónico ou teletraballo, entre outras.

A2) Demanda en solucións TIC polas asociacións empresariais.

Solucións TIC que cubran necesidades específicas dunha asociación empresarial nos servizos que prestan aos seus asociados, como poden ser: validación de documentos, intermediación coas administracións ou outros colectivos, centrais de compras, plataformas de distribución, servizos de laboratorio ou análise, etc. Tamén terán cabida aquelas solucións sectoriais ou transversais que a asociación poida facilitar para o seu uso directo polos asociados que sexan pemes, micropemes ou autónomos e non teñan a capacidade de acometer por si mesmos a solución TIC.

*Gastos subvencionables:

-Equipamentos da rede de datos interna: electrónica activa (conmutadores, encamiñadores (routers), barreiras de seguridade), servidores da rede e dispositivos fixos de almacenamento da información, armarios bastidores e sistemas de alimentación ininterrompida (SAI) necesarios para a execución do proxecto.

Elementos hardware para probas, validación de prototipos ou da compatibilidade de produtos ou servizos.

-Licenzas de software específico e imprescindibles para a implantación ou seguimento do proxecto.

-Custo de persoal técnico propio con relación laboral (réxime xeral da Seguridade Social) e con dedicación ao proxecto para a definición, control, seguimento e verificación da súa implantación. Considerarase a parte proporcional dedicada ao proxecto da nómina, gastos sociais ou pagas extras efectivamente pagadas dentro dos prazos establecidos.

-Servizos e colaboracións externas para a definición, control, seguimento e verificación da implantación do proxecto, que deberán acadar uns resultados concretos, medibles e documentados. En ningún caso estes gastos poderán supor a mera subcontratación de persoal, nin poderán ser prestados polo socio tecnolóxico.

-Servizos e colaboracións externas de implantación e probas das solucións tecnolóxicas propostas en cooperación, a formación ao persoal sobre elas, así como a xeración de documentación entregable ao solicitante. Estes gastos non poderán supor a mera subcontratación de persoal, pero deberán identificar o persoal externo, horas e custos previstos e marxe de beneficio industrial que aplicará o provedor, e poderán ser prestados polo socio tecnolóxico.

*Gastos non subvencionables:

-Páxinas web e licenzas de software de uso xeral.

-Maquinaria produtiva, aínda que estea vinculada á posterior aplicación do proxecto de cooperación.

-Custos de persoal directivo, xerencial ou administrativo, así como os de persoal que non estea vinculado coa empresa mediante relación laboral (agás as excepcións sinaladas para o persoal técnico nas microempresas), ou aquel en que a categoría laboral ou posto de traballo que desempeñe na empresa non se corresponda co labor técnica indicado na solicitude.

-Equipamentos informáticos de usuario, terminais de usuario e outras ferramentas hardware (impresoras, copiadoras, etc.).

-Elementos funxibles ou removibles (discos, cintas, etc.) ou gastos xerais.

-Servizos de mantemento ou garantía adicional sobre os equipamentos adquiridos.

-Conceptos tales como cotas de conexión, mantemento ou hospedaxe.

-Calquera gasto que, pola súa natureza, poida considerarse subvencionable, pero non sexa posible identificar o alcance concreto do gasto ou en que figuren incluídos e sen cuantificar outros gastos non subvencionables.

-Calquera gasto do cal non se achegue documentación económica completa conforme o establecido no artigo 5º destas bases reguladoras.

Liña B) Resposta tecnolóxica en solucións TIC.

Destinada para que as empresas que desenvolven a súa actividade económica especificamente no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións, isto é, as empresas TIC, poidan desenvolver novos produtos ou servizos TIC que dean solución a tarefas, problemas e situacións concretas da actividade empresarial da entidade líder do proxecto de cooperación.

A actividade do socio tecnolóxico nesta liña referirase ás tarefas necesarias para acadar o núcleo da solución TIC proposta, de xeito que sen estas tarefas a solución non existiría no mercado nin podería achegarse como solución para o líder empresarial. Considéranse as seguintes tarefas: a prospección e análise das tecnoloxías e coñecementos que se van empregar, comparación con outras realidades existentes no mercado, os desenvolvementos específicos que se acometen, a integración doutras solucións tecnolóxicas e a documentación xerada como consecuencia de todas as tarefas.

Especificamente non son subvencionables nesta liña as tarefas que se realizarán na entidade líder do proxecto referentes á implantación final e probas das solucións tecnolóxicas propostas en cooperación, a formación do persoal sobre elas, así como a xeración de documentación entregable ao promotor do proxecto.

Non se considerarán solucións que supoñan a mera parametrización de aplicacións software a adquisición de produtos existentes no mercado e instalación deles nas dependencias do líder do proxecto, ou produtos xa desenvolvidos e comercializados con anterioridade polo socio tecnolóxico. Tampouco poderán considerarse novas versións ou actualizacións de produtos xa implantados no líder, agás que poida acreditarse que supoñen unha modificación substancial das tecnoloxías empregadas e dos resultados que se deberán obter.

Nesta liña de actuacións será obxecto de especial consideración, sempre segundo os criterios de valoración recollidos nestas bases reguladoras, a descrición que faga o solicitante sobre a súa experiencia, a situación do mercado, as razóns de escolla das tecnoloxías que se empregarán, o dimensionamento realista dos mediosque se usarán, a identificación de clientes reais e potenciais, o prezo estimado de venda ou implantación do seu novo produto ou servizo, así como a descrición das metodoloxías ou métricas que empregarán no desenvolvemento, e as ferramentas de control e seguimento do proxecto que se lle faciliten ao órgano xestor das axudas. Como axuda para achegar esta información, o solicitante poderá usar o modelo de memoria técnica (véxase anexo II).

Poderanse considerar solicitudes nos seguintes tipos de actuación:

B1) Resposta tecnolóxica en solucións TIC, para empresas.

Solicitudes presentadas para a resposta tecnolóxica en cooperación con líderes dos proxectos que presenten pola súa vez solicitude á liña A1 deste mesmo artigo.

B2) Resposta tecnolóxica en solucións TIC, para asociacións empresariais.

Solicitudes presentadas para a resposta tecnolóxica en cooperación con líderes dos proxectos que presenten pola súa vez solicitude á liña A2 deste mesmo artigo. Particularmente, neste tipo de actuación B2, e tal como se recolle no artigo 4º destas bases, a empresa tecnolóxica solicitante deberá ter a condición de peme.

*Gastos subvencionables:

-Equipamentos da rede de datos interna: electrónica activa (conmutadores, encamiñadores (routers), barreiras de seguridade), servidores da rede e dispositivos fixos de almacenamento da información, armarios bastidores e sistemas de alimentación ininterrompida (SAI) necesarios para a execución do proxecto.

-Elementos hardware para probas, validación de prototipos ou da compatibilidade de produtos ou servizos.

-Equipamentos informáticos de usuario necesarios para a execución do proxecto.

-Licenzas de software específico para o desenvolvemento.

-Custo de persoal técnico propio con relación laboral (réxime xeral da Seguridade Social) e con dedicación ao proxecto. Considerarase a parte proporcional dedicada ao proxecto da nómina, gastos sociais ou pagas extras efectivamente pagadas dentro dos prazos establecidos.

-No caso de microempresas, tamén se considerarán os custos do persoal técnico que, sendo propio da empresa solicitante, deba figurar no réxime especial de traballadores autónomos debido á normativa aplicable aos representantes legais das empresas e aos socios traballadores. Considerarase a parte proporcional dedicada ao proxecto da nómina pagada, cun límite por traballador autónomo no gasto subvencionable mensual por este concepto do dobre do salario mínimo interprofesional.

-Servizos e colaboracións externas dedicadas ao proxecto co límite máximo do 20% do investimento subvencionable, que deberán acadar un resultado concreto, medible e documentado, sen supor a mera subcontratación de persoal.

*Gastos non subvencionables:

-Páxinas web e licenzas de software de uso xeral.

-Custos de persoal directivo, xerencial ou administrativo, así como os de persoal que non estea vinculado coa empresa mediante relación laboral (agás as excepcións sinaladas para o persoal técnico nas microempresas), ou aquel en que a categoría laboral ou posto de traballo que desempeñe na empresa non se corresponda co labor técnico indicada na solicitude.

-Outras ferramentas hardware.

-Elementos funxibles ou removibles (discos, cintas, etc.) ou gastos xerais.

-Servizos de mantemento ou garantía adicional sobre os equipamentos adquiridos.

-Conceptos tales como cotas de conexión, mantemento ou hospedaxe.

-Gastos de formación.

-Calquera gasto que, pola súa natureza, poida considerarse subvencionable, pero non sexa posible identificar o alcance concreto do gasto ou en que figuren incluídos e sen cuantificar outros gastos non subvencionables.

-Calquera gasto do cal non se achegue documentación económica completa conforme o establecido no artigo 5º destas bases reguladoras.

Artigo 3º.-Financiamento e concorrencia.

1. Para a concesión das axudas, propias das actuacións que se convocan e que terán a modalidade de subvención, destinaranse os créditos correspondentes ás seguintes aplicacións orzamentarias:

Ver referencia pdf "07700D001P007.PDF"

As contías de ambas as aplicacións mencionadas están cofinanciadas nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Plan operativo Feder Galicia 2007-2013, eixe 1 «Desenvolvemento da economía do coñecemento (I+D+i, sociedade da información e TIC)», tema prioritario 11 «Tecnoloxías da información e comunicación», actuación 1.11.3 e tema prioritario 14 Servizos e aplicacións para as pemes (comercio electrónico, ensino e formación, establecementos de redes, etc.)», actuación 1.14.2.

Estes importes consignaranse aos diferentes tipos de actuacións subvencionables recollidos no artigo anterior das presentes bases reguladoras, de acordo coa seguinte desagregación:

Ver referencia pdf "07700D001P007.PDF"

No caso de que non exista suficiente número de solicitudes viables, á vista da documentación dispoñible ou como resultado da valoración obtida, coas cales se esgote o crédito consignado para algún dos tipos de actuación aquí recollidos, o crédito sobrante poderá dedicarse a algunha ou algunhas das restantes actuacións.

Este importe entenderase máximo sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte de aplicación dos criterios do artigo 10º destas bases reguladoras.

Poderanse atender solicitudes en que a comisión de valoración identifique uns investimentos subvencionables de polo menos 30.000 €, tendo que identificarse en cada proxecto en cooperación cando menos uns investimentos subvencionables conxuntos de 70.000 €.

Neste réxime de axudas é de aplicación a clasificación das pemes (véxase anexo II) segundo a normativa da Unión Europea, para os efectos de calcular as porcentaxes máximas de axuda.

2. Con carácter xeral, as axudas poderán acadar ata o 50% dos investimentos subvencionables recollidos nunha solicitude. Esta porcentaxe poderá elevarse cos seguintes incrementos:

-Ata un 10% adicional, para as solicitudes presentadas por medianas empresas.

-Ata un 25% adicional, para as solicitudes presentadas por pequenas empresas e microempresas.

-Ata un 30% adicional, para as solicitudes presentadas por asociacións empresariais.

3. Dadas as características do obxecto desta resolución, as axudas que se convocan poderán solicitarse para proxectos e actuacións plurianuais, de acordo co indicado no artigo 11º da convocatoria, cando polo menos o 40% do proxecto ou actuación se realice no ano 2011 e se solicite axuda para tal exercicio.

4. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao Regulamento (CE) 1998/2006 relativo ás axudas de minimis (DOUE do 28 de decembro), deberase garantir que, no caso de recibir o beneficiario outras axudas baixo este réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 € nun período de tres exercicios fiscais. Polo que respecta ás axudas ás empresas que operan no sector do transporte por estrada, este límite fíxase en 100.000 €. Estes límites aplicaranse independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido.

O período determinarase tomando como referencia os dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal en curso, de acordo co establecido no artigo 2º do citado regulamento.

Para garantir o cumprimento do punto anterior, será requisito indispensable para a concesión, e posteriormente para o aboamento da axuda, que o representante legal de cada empresa participante achegue unha declaración relativa ás axudas acollidas ao réxime de minimis que recibisen durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en que se aprobou a axuda.

5. As axudas previstas nesta resolución non serán compatibles con calquera outras das reguladas por esta secretaría xeral, mais serán compatibles, para os mesmos gastos subvencionables, con outras axudas concedidas por entidades públicas ou privadas sempre que a acumulación de axudas non supere a totalidade do custo elixible da operación e se respecten as condicións establecidas en cada réxime de axudas na normativa nacional e comunitaria aplicable.

6. Os gastos cofinanciados por un fondo non poderán acollerse a outras axudas procedentes do mesmo fondo ou doutros fondos ou instrumentos financeiros comunitarios

Artigo 4º.-Beneficiarios e non beneficiarios.

1. Con carácter xeral, os proxectos que se presenten para seren financiados nesta convocatoria abordaranse desde a cooperación entre empresas e deberán contar necesariamente con solicitudes en cada unha das liñas A) Demanda empresarial en solucións TIC e B) Resposta tecnolóxica en solucións TIC descritas no artigo 2º das bases.

Poderán ser beneficiarias das subvencións solicitadas ás liñas A1), B1) e B2), sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases reguladoras, as empresas privadas, con personalidade xurídica validamente constituídas no momento de presentación das solicitudes, que realicen actividades con ánimo de lucro, así como os empresarios individuais, que teñan a súa sede social ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e que reúnan os requisitos establecidos en cada un dos tipos de actuación subvencionables definidos no artigo 2º destas bases reguladoras.

Adicionalmente ao parágrafo anterior, con carácter particular para a actuación B2) Resposta tecnolóxica en solucións TIC para asociacións empresariais, recollida no artigo 2º, os solicitantes deberán ter a condición de peme, sendo de aplicación a clasificación das pemes (véxase anexo II), segundo a normativa da Unión Europea.

Poderán ser beneficiarios das subvencións solicitadas á liña A2), sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases reguladoras, as asociacións empresariais e os colexios profesionais con personalidade xurídica validamente constituídos no momento de presentación das solicitudes, que realicen actividades sen ánimo de lucro, que teñan a súa sede social e o seu ámbito territorial dentro da Comunidade Autónoma de Galicia e que reúnan os requisitos establecidos en cada un dos tipos de actuación subvencionables definidos no artigo 2º destas bases reguladoras.

Os beneficiarios deberán reunir os requisitos que fundamentan a concesión así como os demais que se prevexan nesta resolución e na normativa aplicable.

Non poderán ser beneficiarias as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade que careza de personalidade xurídica propia, aínda que realice actividade empresarial.

Non poderán obter a condición de beneficiarios aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado, con independencia das comprobacións que preceptivamente deba efectuar o órgano xestor.

2. Este réxime de axudas non poderá aplicarse a empresas activas nos sectores da pesca e da agricultura; a axudas á exportación nin a axudas que favorezan os produtos nacionais fronte aos produtos importados; a empresas activas na produción agrícola primaria; a empresas especializadas na transformación e comercialización de produtos agrícolas se o importe da axuda se establece en función do prezo ou da cantidade de produtos dese tipo comprados polos produtores primarios ou comercializados polas empresas afectadas, ou se a concesión da axuda se supedita á obriga de cedela total ou parcialmente a produtores primarios.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarias as entidades que entren dentro da categoría de empresas en crise. Para estes efectos, convén ter en conta a definición de empresa en crise, que para as grandes empresas figura no punto 2.1. das directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (DOUE C 244/2, do 1 de outubro de 2004), e que para as pemes aparece no artigo 1º.7. do Regulamento xeral de exención (Regulamento CE 800/2008).

Artigo 5º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención presentaranse nos lugares e prazo que se indican no artigo 3º da resolución de convocatoria.

2. As solicitudes estarán compostas polos formularios normalizados e o resto da documentación definida neste artigo. Nalgúns casos a documentación poderaa identificar o solicitante como información accesible (véxase anexo II) de xeito que a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica poderá acceder á dita documentación sen que sexa presentada polo solicitante. É altamente recomendable identificar como accesible toda a documentación posible, polos erros que se evitan ao solicitante, así como pola eficacia e eficiencia que pode acadarse na xestión administrativa. Tamén interesa á hora de presentar as solicitudes ter en consideración o artigo 10º destas bases reguladoras no referente ao criterio de valoración f) Capacidade técnica acreditada na presentación. Considerando o anterior, as solicitudes deberán estar compostas pola seguinte documentación:

2.1. Formularios normalizados de solicitude obtidos a través da aplicación informática sinalada no artigo 2º da convocatoria, e que só terán validez se están debidamente asinados polo/s representante/s legal/is da entidade correspondente:

2.1.a. Anexo III (modelo normalizado da solicitude, 7 follas).

2.1.b. Anexo IV (modelo de declaracións expresas, 1 folla).

Os socios tecnolóxicos deberán necesariamente identificar os datos do promotor do proxecto e identificar o código de vinculación e título do proxecto de cooperación.

2.2. Documentación xurídico-administrativa da empresa solicitante. Identificarase como información accesible (véxase anexo II) ou, en caso contrario, presentarase a seguinte documentación:

2.2.a. NIF da entidade solicitante en vigor.

2.2.b. Documento acreditativo de que a persoa que asina a solicitude representa a entidade solicitante, agás no caso de empresarios individuais.

No caso das empresas, poderá xustificarse achegando un certificado expedido polo Rexistro Mercantil ou outros rexistros públicos necesario para ter personalidade xurídica (Rexistro de Cooperativas, etc.) en que se identifiquen os representantes ou apoderados da entidade solicitante, así como o alcance da dita representación e vixencia. De non achegarse o dito certificado deberá achegarse a escritura de outorgamento do poder ou, de ser o caso, do nomeamento do representante, que deberá estar en vigor na data de presentación da solicitude e presentarse íntegra, e deberá figurar expresamente a súa inscrición no rexistro que legalmente lle puider corresponder.

No caso de asociacións empresariais e colexios profesionais achegarán estatutos debidamente inscritos no rexistro correspondente, e deberá quedar acreditada, de ser o caso, a súa condición de entidade sen ánimo de lucro de carácter empresarial, e tamén achegarán certificado do secretario da entidade, co visto e prace do seu presidente, en que se faga constar a data de nomeamento do representante da entidade, así como o nome, apelidos e o número do documento de identidade e que a dita representación está en vigor.

2.2.c. DNI das persoas que asinan a solicitude, sen prexuízo do dereito a non presentar este documento segundo o Decreto 255/2008 (DOG 221, do 13 de novembro) no caso de que o interesado o identifique como información accesible (véxase anexo II). Os estranxeiros residentes presentarán o NIE.

2.2.d. No caso de solicitar pagamentos anticipados, certificación expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta onde se debe realizar o pagamento en que conste a razón social e o NIF da empresa, así como o ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente. Este certificado achegarase agás que se identifique unha conta bancaria dada de alta no sistema informático de pagamentos da Xunta de Galicia.

2.3. Documentación técnica relativa ao proxecto, consistente en:

Memoria técnica (véxase anexo II) explicativa, en que se detallarán todos os aspectos inherentes ao desenvolvemento do proxecto e que serán obxecto de valoración competitiva. Para facilitar a súa elaboración, así como a súa valoración, recoméndase seguir o índice de contidos que se achega no anexo indicado. A dita memoria terá unha extensión máxima de 40 páxinas.

Esta memoria técnica presentarase con carácter voluntario para mellorar a explicación do proxecto. No caso de que o solicitante non achegue dentro do prazo de presentación de solicitudes unha memoria técnica explicativa entenderase que solicita expresamente a valoración do seu proxecto coa información dispoñible nos formularios normalizados e na documentación económica que se describen neste artigo.

2.4. Documentación económica identificativa das contías dos investimentos.

Segundo o artigo 29º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de que o importe do investimento (sen IVE) supere a contía de 12.000 euros, o solicitante deberá obter e achegar copia de, como mínimo, 3 ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contracción de compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben. Considerando o anterior, deberá achegarse a documentación disposta nos parágrafos seguintes:

2.4.a. En todo caso, copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas detalladas dos investimentos sobre os cales se solicita a axuda, obtidos dos provedores seleccionados polo solicitante, con independencia da contía dos investimentos. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas polo solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto.

2.4.b. Se o orzamento ou oferta superase a contía de 12.000 €, deberase achegar ademais unha copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas que non foron seleccionadas polo solicitante para a realización do proxecto (2 como mínimo por investimento).

2.4.c. Así mesmo, se o orzamento ou oferta superase a contía de 12.000 €, deberá achegarse unha memoria económica xustificativa da elección dos provedores, se concorre calquera destas circunstancias:

Cando a elección do provedor non recaia na oferta económica máis vantaxosa, das 3 que como mínimo obtivo o solicitante.

Cando polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, e non se puidese acreditar o previsto no punto 2.4.b. anterior. Este feito terá que ser alegado e acreditado expresamente polo solicitante achegando dentro desta memoria económica un certificado expedido polo provedor en que se recolla que é o único provedor existente no Estado. O órgano xestor poderá non aceptar tal circunstancia se considera que non está debidamente motivada ou non queda debidamente acreditada a súa xustificación. Con carácter particular o órgano xestor aceptará esta circunstancia no caso de que a implantación, probas, formación ou a documentación da solución tecnolóxica sexan realizadas ao líder do proxecto polo socio tecnolóxico que desenvolve a solución, sempre que se identifique inequivocamente o persoal dedicado, horas e custos previstos e marxe de beneficio industrial que se deberá aplicar.

? Cando o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención, feito que se acreditará nesta memoria xustificativa mediante factura co seu correspondente pagamento.

Non existe a obriga de presentar esta memoria xustificativa cando a elección do provedor recaia na oferta económica máis vantaxosa das 3 que, como mínimo, obtivo o solicitante.

2.4.d. De ser o caso, en actuacións con gastos de persoal subvencionable, descrición detallada dos datos e custos do persoal asignado ao proxecto, incluíndo:

-Nome e apelidos do traballador (agás que aínda non estea contratado).

-Copia simple dunha nómina do traballador (agás que aínda non estea contratado).

-Categoría laboral e posto de traballo que desempeña na empresa, de acordo co seu contrato e nómina.

-Titulación técnica.

-Función para desenvolver no proxecto.

-Tempo e porcentaxe de dedicación ao proxecto.

-Salario bruto mensual.

-Custo total imputado ao proxecto.

As ofertas presentadas, os provedores escollidos e os datos dos recursos humanos supoñen unha documentación vinculante para o desenvolvemento do proxecto no caso de ser beneficiario da axuda. Non se considerarán subvencionables, parcial ou totalmente, aqueles investimentos dos cales non se presente documentación económica completa conforme o aquí recollido.

2.5. Certificados acreditativos de estar ao día das obrigas coas administracións públicas.

Como caso xeral, estes certificados poden identificarse como información accesible (véxase anexo II) e non teñen que ser achegados. Excepcionalmente, no caso de que o solicitante denegue expresamente a autorización para acceder á dita información, deberá achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación, que deberá estar en vigor:

2.5.a. Certificado acreditativo de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

2.5.b. Certificado acreditativo de estar ao día nas súas obrigas coa Tesourería Xeral da Seguridade Social.

2.5.c. Certificado acreditativo de estar ao día nas súas obrigas e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

Artigo 6º.-Consentimentos e autorizacións.

1. Coñecemento da convocatoria. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do contido da convocatoria e das bases reguladoras, así como a asunción da veracidade dos datos nela recollidos e a responsabilidade sobre a inclusión dos ditos datos, mesmo a responsabilidade que se asume por posibles erros realizados a título de simple neglixencia.

Pola súa importancia debe reiterarse que os proxectos subvencionados terán que acadar os resultados esperados no seu conxunto e a falla de execución ou a execución deficiente dalgunha das partes que cooperan motivará a perda do dereito á axuda por parte de todos os participantes.

2. Publicidade de axudas e sancións e demostración dos resultados. De conformidade co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consente expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

Tamén, de conformidade co artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta secretaría xeral publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas no artigo 15º.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Igualmente, as propostas que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6º e 7º.2.d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro.

Así mesmo, o beneficiario ten a obriga de demostración dos resultados a outros interesados, durante un período de 2 anos desde a concesión, co alcance recollido na epígrafe de Obrigas de publicidade e demostración do anexo II.

3. Acceso a datos. Para os efectos da documentación definida nesta resolución como información accesible, de conformidade co artigo 20º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deben emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a consellaría competente en materia de facenda da Xunta de Galicia. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente a dita autorización.

Igualmente, de conformidade co mesmo artigo 20º.3 da Lei 9/2007, se o solicitante identifica certa documentación como información accesible, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a esa documentación.

4. Responsabilidade sobre os datos de contacto. Cando o interesado identifique nos formularios de solicitude, de xeito voluntario, un enderezo electrónico e/ou un teléfono móbil para a recepción de avisos referentes a esa solicitude concreta, enténdese que consente a recepción de información complementaria sobre o seu expediente polas canles personalizadas que estableza a secretaría xeral para tal fin, sempre que os datos facilitados polo solicitante sexan correctos.

5. Adicionalmente ao xa indicado neste artigo, no anexo IV que forma parte dos formularios normalizados inclúense declaracións expresas sobre os datos do solicitante e as condicións que consente ou autoriza.

Artigo 7º.-Órganos competentes.

A Subdirección Xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información pertencente á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e corresponderalle ao titular da secretaría xeral ditar a resolución que corresponda.

Artigo 8º.-Instrución dos procedementos.

1. De conformidade co establecido no artigo 71º da Lei 30/1992, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, de acordo co indicado no artigo 2º.3 desta resolución. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará da documentación identificada polo solicitante como información accesible (véxase anexo II) se logo das xestións efectuadas polo órgano xestor se obtivese un resultado negativo da dita información, ou non fose válida, ou con erros ou inexistente nos termos identificados inicialmente polo solicitante. Nestes casos o solicitante deberá responder ao requirimento achegando a dita documentación.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59º.6.b), 60º e 61º da Lei 30/1992, os requirimentos citados de emenda realizaranse preferentemente mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. A dita publicación tamén se realizará no taboleiro electrónico de anuncios da páxina web da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, e poderase facer indicación de que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado taboleiro. Excepcionalmente, se a instrución do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web, pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 59º da Lei 30/1992.

3. Adicionalmente aos requisitos legais de notificación por publicación no DOG, taboleiro electrónico ou notificación postal, o órgano instrutor disporá de xeito complementario de canles personalizadas de información (véxase anexo II) para facilitar que os interesados estean informados en todo momento dos distintos actos que se lles comuniquen durante a tramitación.

4. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

6. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 9º.-Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación da/s subvención/s aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) Presidente: o titular da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica ou persoa que o substitúa.

b) Dous vogais: os titulares da Subdirección Xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información e do Servizo de Xestión da Sociedade da Información ou persoas que os substitúan.

c) Secretario: un funcionario da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

3. Os suplentes serán designados polo presidente da comisión de valoración.

4. A comisión poderá estar asistida por expertos externos que estarán suxeitos ao mesmo réxime de confidencialidade e ás mesmas causas de abstención que os traballadores públicos.

5. Así mesmo, a comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica para os efectos de colaborar na revisión e valoración dos documentos achegados xunto coa solicitude. Tanto os membros da comisión como os membros da subcomisión técnica poderán percibir axudas de custo por asistencias e axudas para gastos de locomoción por concorrer ás sesións conforme o Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

6. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible nos diferentes tipos de actuacións subvencionables recollidos nestas bases reguladoras. A comisión tamén poderá determinar unha puntuación por debaixo da cal considera inadecuada a concesión da subvención.

7. O resto das solicitudes quedará en reserva para seren atendidas ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento do crédito orzamentario destinado a esta subvención; neste último caso deberase utilizar dentro dos límites que dispón tanto o artigo 31º.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia como o artigo 30º.2 do Regulamento que desenvolve a dita lei aprobado polo Decreto 11/2009. Para estes efectos poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

8. Sen prexuízo do recollido nos números anteriores, á vista da documentación dispoñible ou como resultado da valoración obtida en función dos criterios a) ao f) do artigo seguinte, a comisión de valoración poderá considerar como non viable técnica, económica ou financeiramente unha solicitude ou un proxecto presentado, ben parcialmente ou ben na súa totalidade. Nese caso, eses investimentos non serían subvencionables.

9. A comisión de valoración, con carácter xeral para todos os proxectos presentados, poderá establecer límites máximos de investimento subvencionable naqueles conceptos en que xustificadamente se considere necesario, segundo criterios de máxima eficiencia na asignación de recursos.

Artigo 10º.-Requisitos de admisión e criterios de valoración.

Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables, e, ademais das obrigas derivadas da tramitación administrativa das solicitudes, constitúen requisitos de admisión das solicitudes para proceder á súa valoración os seguintes:

-Adecuación do proxecto de cooperación e das solicitudes aos obxectivos da convocatoria.

-Requisitos de personalidade xurídica e actividade económica dos solicitantes para seren beneficiarios.

-Contía total dos investimentos subvencionables superior aos importes mínimos fixados, en todas as solicitudes que constitúen un proxecto.

Só serán admitidos os proxectos que reúnan todos os requisitos anteriores, e procederase á súa valoración competitiva conxunta. A valoración dun proxecto de cooperación estará composta pola suma ponderada das valoracións de todas as solicitudes presentadas nese proxecto e a ponderación será directamente proporcional aos investimentos de cada solicitante fronte ao investimento total do proxecto. Os criterios de valoración que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención e dentro de cada tipo de actuación subvencionable serán os seguintes:

a) Concepción do proxecto (0 a 25 puntos).

1. Obxecto e ámbito de aplicación.

2. Concreción e claridade da información facilitada.

3. Situación de partida no solicitante e no mercado. Xustificación da necesidade do proxecto.

4. Definición e funcionalidade. Xustificación da escolla das tecnoloxías que se deberán empregar (en especial para solicitudes na liña B).

5. Descrición e arquitectura de sistemas, modelo de datos, etc. (en especial para solicitudes na liña B).

6. Planificación. Nas actuacións plurianuais, valorarase especialmente a concreción e identificación dos elementos entregables en cada anualidade.

7. Interface multilingüe, no caso de desenvolvementos.

8. Melloras para acadar e expectativas na explotación de resultados.

b) Adecuación dos investimentos e capacidade económica (0 a 20 puntos).

1. Identificación de partidas, desagregamento dos orzamentos, adecuación aos prezos de mercado e ao volume das tarefas que se van acometer.

2. Calidade de ofertas e provedores:

-Desagregación e alcance das ofertas.

-Documentación empregada para a oferta ou adxunta a ela.

-Independencia e diferenciación das ofertas.

-Visibilidade web dos provedores en función dos elementos presentados.

-Constancia de que o provedor expide na actualidade factura electrónica e que serán expedidas para estes gastos.

3. Capacidade dos recursos humanos previstos:

-Programación de tarefas asignadas.

-Categorías profesionais.

-Dimensionamento dos recursos.

4. Viabilidade do proxecto fronte ao volume da empresa:

-Ratio de investimento fronte á facturación declarada.

-Ratio de persoal dedicado fronte ao persoal total do solicitante.

c) Calidade na execución e no control (0 a 20 puntos).

1. Metodoloxías ou métricas que seguir no proxecto.

2. Definición da documentación que se xerará durante o proxecto (análise, actas, versións, probas, manuais, etc) e reflexo nos resultados finais.

3. Aplicacións informáticas implantadas no solicitante que serven para a execución e control continuo do proxecto (lanzamento inicial, tarefas, recursos empregados, xestión documental, control de versión, imputación de custos, contabilidade analítica, etc.).

4. Facilidades de control continuo para que o órgano xestor acceda por internet ás aplicacións informáticas citadas durante a execución e o peche do proxecto, e adecuación das ditas aplicacións ás particularidades do proxecto.

5. Colaboración con centros tecnolóxicos e universidades.

d) Proxectos estratéxicos, innovadores e de referencia (0 a 15 puntos).

1. Estratéxico: que poida ser considerado de importancia especial para o desenvolvemento do sector en Galicia e con incidencia social ou empresarial alta.

2. Innovador: que crea unha novidade no mercado ou que introduce perfeccionamento ou mellora sobre aplicacións ou produtos existentes.

3. De referencia: que poida ser considerado como modelo de interese ou exemplo para seguir.

e) Visibilidade pública da capacidade técnica do solicitante (0 a 15 puntos).

1. Web do solicitante (máximo 5 puntos).

Só se valorará se dispón dun dominio propio, con cumprimento da LSSI e, de ser o caso, a LOPD, e figurade xeito claro a razón social, NIF, domicilio e inscrición do solicitante no Rexistro Mercantil ou aquel que corresponda.

-Accesibilidade ao contido na web e selos de accesibilidade (ata 2 puntos).

-Multiidioma (ata 2 puntos).

-Acceso a áreas privadas con claves ou certificados electrónicos (ata 2 puntos).

-Política de calidade e visibilidade de certificacións da empresa (ata 1 punto).

2. Calidade ou solvencia recoñecida (máximo 5 puntos).

-Certificación da empresa en normas da familia ISO 9000 (ata 2 puntos).

-Certificación da empresa en normas UNE 166001, UNE 166002, UNE-ISO/IEC 20000, UNE-ISO / IEC 27001, CMMI ou ISO-15504 (SPICE), que sexan de aplicación ao proxecto (ata 4 puntos).

-Inscrición da empresa nun rexistro público de licitadores ou contratistas (ata 2 puntos).

-Inscrición da empresa no rexistro de IEBT da Consellería de Traballo (ata 1 punto).

3. Facturación electrónica (máximo 5 puntos).

Presentación ou acceso a un exemplar real de factura electrónica (véxase anexo II) expedida polo solicitante:

-Baixo formato Facturae (5 puntos).

-Baixo outros formatos de factura electrónica (2 puntos).

f) Capacidade técnica acreditada na presentación (0 a 5 puntos).

1. Solicitude integramente presentada ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, sen que sexa necesaria a súa rectificación nin petición de documentación complementaria (5 puntos).

Para os efectos de aplicación deste criterio, non se considerará rectificación se o solicitante se tivese acollido á posibilidade de identificar inicialmente a documentación como información accesible (véxase anexo II) se logo das xestións efectuadas polo órgano xestor se obtivese un resultado negativo da dita información, ou non fose válida, ou con erros ou inexistente nos termos identificados inicialmente polo solicitante.

A valoración máxima dos criterios anteriores pode acadar os 100 puntos. Adicionalmente, considerarase o impulso do código libre e software de fontes abertas, así como o emprego da lingua galega na execución das actividades, mediante os criterios seguintes, que serán aplicados en porcentaxe sobre a valoración acadada nos puntos anteriores. Estes criterios adicionais son:

g) Impulso ao código libre e ao software de fontes abertas (FLOSS) (0 a 15 % adicional).

1. Nivel de uso de ferramentas FLOSS para a execución do proxecto.

2. Desenvolvemento e xeración de resultados en FLOSS así como en estándares abertos, con identificación inequívoca dos resultados e as licenzas a que quedarán suxeitos os ditos resultados.

3. Identificación da publicación de resultados (informes, manuais, códigos, aplicacións, etc) na web do solicitante ou repositorios públicos de FLOSS.

h) Emprego da lingua galega na realización das actividades (0 a 15% adicional).

Compromiso, con carácter voluntario e recollido no anexo IV, de utilización da lingua galega na realización das actividades sobre as cales se solicita a axuda, considerándose polo menos este compromiso nos seguintes elementos:

-Na memoria técnica da solicitude.

-Nas referencias en materia de publicidade que faga o beneficiario sobre o financiamento con fondos públicos da actividade subvencionada e que teñan difusión dentro da Comunidade Autónoma.

-Nunha memoria pública do proxecto realizado, que baixo licenza Creative Commons deberá estar dispoñible na web do beneficiario (véxanse obrigas de publicidade e demostración, anexo II)

Artigo 11º.-Ámbito temporal e actuacións plurianuais.

Poderán acollerse esta convocatoria as actuacións que se describen no artigo 2º das bases reguladoras sempre que se realicen no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2011 e a data de xustificación dos investimentos establecida no artigo 19º destas bases reguladoras.

Excepcionalmente poderanse conceder subvencións plurianuais para proxectos que superen o exercicio de 2011. Para iso estableceranse os correspondentes compromisos de gasto dentro dos límites establecidos pola lexislación vixente, de conformidade co prazo de execución do investimento, aténdose ao disposto, para os efectos oportunos, no artigo 58º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Para as actuacións plurianuais entenderase que os investimentos realizados desde a data límite de xustificación do exercicio corrente ata o final de ano corresponderán á anualidade seguinte e, polo tanto, poderanse presentar como investimentos da dita anualidade.

Artigo 12º.-Audiencia.

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes, de acordo co establecido no artigo 2º.3 desta resolución.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o número anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 13º.-Resolución e notificación.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a comisión de valoración formulará a proposta de resolución, que se elevará ao titular da secretaría xeral.

2. O titular da secretaría xeral, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, o obxecto e importe do proxecto subvencionado, a porcentaxe de axuda concedida e a contía desta, ou, de ser caso, a causa de denegación. No caso de que teña carácter plurianual, indicaranse as cantidades outorgadas con cargo aos orzamentos de exercicios posteriores. Esta resolución poderá establecer condicións técnicas e económicas de obrigada observancia para a realización do proxecto.

En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar o custo da actividade que desenvolverá o beneficiario, ou, de ser o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de nove meses contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro. Con carácter xeral non se enviarán notificacións postais e, de conformidade co establecido no artigo 59º.6.b da indicada lei, substituirase a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. Coa publicación no DOG poderán remitirse os beneficiarios a que consulten información detallada da resolución nun taboleiro da citada web.

Non obstante, se a instrución do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59º da Lei 30/1992.

Artigo 14º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas polo titular da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o titular da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 15º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Cando por circunstancias técnicas sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos ou os prazos recollidos no proxecto inicial, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, e deberán cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade desta resolución.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros/as.

c) Que os novos elementos e as circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda ou subvención.

3. O beneficiario deberá solicitar a dita modificación mediante instancia dirixida ao titular da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, de acordo co indicado no artigo 2º.3 desta resolución, acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos reflectidos no punto anterior, así como novo exemplar actualizado e asinado do anexo IV de declaracións expresas do solicitante, dispoñendo para cada anualidade do prazo para esta solicitude indicado na táboa seguinte.

Ver referencia pdf "07700D001P007.PDF"

De non facelo, implicará a perda da subvención afectada pola modificación e, no caso de que esta implique unha variación substancial do proxecto inicial, a perda total da subvención concedida.

4. As modificacións que se refiran exclusivamente ao cambio de provedores na adquisición de bens físicos inventariables poderán solicitarse ata a mesma data de xustificación recollida no artigo 19º, e deberase achegar xunto coa solicitude de modificación un novo exemplar actualizado e asinado do anexo IV.

5. A conformidade expresa da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica ás mencionadas modificacións requirirá informe favorable da Subdirección Xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información, e só será outorgada cando non se altere significativamente o proxecto inicial e se cumpran os requisitos antes indicados.

6. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo titular da secretaría xeral logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 12º destas bases reguladoras.

Artigo 16º.-Aceptación e renuncia.

Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos quince días naturais desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91º da Lei 30/1992. No caso de que se comunicase a renuncia, o titular da Secretaría Xeral ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42º.1 da Lei 30/1992.

Artigo 17º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención.

b) Acreditar, ante a entidade concedente, a realización da actividade ou a adopción do comportamento que fundamente a axuda. así como dos requisitos ou condicións que determinen a concesión da axuda, no prazo sinalado na convocatoria ou excepcionalmente no que se sinale na resolución cando esta sexa consecuencia da estimación dun recurso potestativo de reposición.

c) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que se está ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte co artigo 20º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase o solicitante ou beneficiario para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de fiscalización e control que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa axuda concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e, se é o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

e) Comunicarlle á entidade concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Por estar esta convocatoria suxeita ao réxime de minimis, deberá comunicar calquera axuda obtida polo beneficiario baixo este réxime no presente ano fiscal e nos dous anteriores. Estas comunicacións deberán efectuarse tan axiña como se coñezan e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de control e comprobación da pista de auditoría sobre os gastos.

g) Manter os investimentos subvencionados coa axuda outorgada e a aplicación dos fondos recibidos, durante un período de cinco anos desde a súa concesión. Esta condición non impedirá a substitución de instalacións ou equipamentos que queden obsoletos, dentro dese prazo de cinco anos, debido á rápida evolución da tecnoloxía, sempre e cando a actividade económica se manteña en Galicia durante este período mínimo.

h) Conservar a documentación relacionada coa axuda outorgada e a aplicación de fondos recibidos por un periodo de tres anos a partir do peche do Programa operativo, tal como se define no artigo 89º, número 3, do Regulamento 1083/2006, do Consello.

i) Proceder ao reintegro, total ou parcial, dos fondos percibidos, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, nos supostos previstos no artigo 33º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

l) Dar a adecuada demostración e publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, por existir cofinanciaciamento da Unión Europea-Feder e a Xunta de Galicia. Seguiranse as indicacións recollidas nas obrigas de publicidade e demostración (véxase anexo II).

Artigo 18º.-Subcontratación polos beneficiarios das actividades subvencionadas.

A subcontratación de actividades realizarase de acordo co establecido no artigo 27º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e poderase acadar o custo total da actividade proposta.

En todo caso respectarase a prohibición de subcontratación cos provedores de bens ou servizos en que recaia algunha das condición establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10º e no artigo 27º da Lei 9/2007, así como no artigo 43º do Decreto 11/2009, que desenvolve a Lei 9/2007. Faise especial indicación de que os provedores non poderán estar vinculados (véxase anexo II) coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores.

Cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20 por cento do importe da subvención e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o contrato se subscriba por escrito.

b) Que a súa subscrición a autorice previamente a entidade concedente da subvención na forma en que se determine nas bases reguladoras.

Non poderá fraccionarse un contrato co obxecto de diminuír a súa contía e eludir o cumprimento dos requisitos esixidos no parágrafo anterior.

Artigo 19º.-Xustificación da subvención.

1. Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar un exemplar con toda a documentación xustificativa, e terá de prazo para presentala ata o 15 de novembro de 2011 no caso da xustificación correspondente aos investimentos da primeira anualidade e ata o 30 de xuño de 2012 para os investimentos correspondentes á segunda anualidade. O órgano instrutor poderá facilitar aos beneficiarios modelos de documentación para o cumprimento do aquí indicado. Deberá presentar, ante o Rexistro Electrónico, a seguinte documentación:

a) Solicitude de libramento da subvención.

b) Conta xustificativa, entendéndose como tal un documento asinado polo representante legal do beneficiario, en que se asume a realización do proxecto subvencionado, cunha relación das facturas, gastos e pagamentos contabilizados con cargo ao proxecto subvencionado, así como o seu sometemento á normativa aplicable en materia de subvencións públicas e demais condicións impostas na resolución de concesión. Porase a disposición dos beneficiarios o modelo deste documento para a súa formalización.

c) Memoria en que se describa a realización dos investimentos e os datos e incidencias máis significativos producidos na súa realización.

d) Xustificante dos investimentos: facturas dos provedores en relación cos gastos subvencionables, emitidas dentro do período comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite de xustificación do proxecto. No caso de custo de persoal, copias das nóminas así como dos TC2.

e) Xustificación dos pagamentos: transferencia bancaria, certificación bancaria orixinal ou extracto de pagamento comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite da xustificación do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo, agás os gastos realizados en medios de transporte público, aloxamento ou manutención, ao seren gastos de pequena contía pagados xeralmente en efectivo e de conformidade co Decreto 11/2009 (DOG nº 20, do 29 de xaneiro). Tampouco será valido ningún pagamento mediante arrendamento financeiro: leasing, renting, etc. No caso de custo de persoal xustificaranse os pagamentos á Seguridade Social e as transferencias das nóminas, mediante documentos bancarios acreditativos.

Non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

f) Entrega ordenada ou acceso a toda a documentación xerada polo proxecto. Tamén deberán achegarse os manuais xerados con motivo do desenvolvemento, así como os documentos que acrediten o emprego dalgunha metodoloxía de desenvolvemento (actas de reunións, informes de auditoría, etc.). No caso de investimentos en desenvolvemento de software deberase achegar acceso á demostración on-line do desenvolvemento na súa versión en produción, ou mesmo no caso de desenvolvementos en código aberto a identificación da licenza ou acceso ao sitio público onde está dispoñible o desenvolvemento. Nos investimentos plurianuais, entregarase a documentación relativa á parte do proxecto realizada, que implicará a demostración on line dos desenvolvementos asociados a esa parte do proxecto.

g) No caso de aplicacións informáticas accesibles a través da internet, deberase achegar documentación detallada (enderezo, usuario, claves de acceso, etc.) que permita unha valoración e, de ser o caso, revisión a través da internet do traballo realizado.

h) Declaración de axudas obtidas e solicitadas para o mesmo investimento en calquera outra administración, organismo ou ente público ou privado. No caso de ser beneficiario dalgunha axuda ou subvención para a mesma actuación, deberá achegarse a documentación necesaria para a súa valoración para os efectos da súa concorrencia coa axuda outorgada. Adicionalmente, tamén deberá comunicar calquera axuda obtida polo beneficiario baixo o réxime de minimis no presente ano fiscal e nos dous anteriores.

i) Certificación expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta onde se debe realizar o pagamento en que conste a razón social e o NIF da empresa así como o ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente. Este certificado achegarase agás que xa se teña achegado na solicitude de axuda ou que xa teña identificada unha conta bancaria dada de alta no sistema informático de pagamentos da Xunta de Galicia, polo que non sería necesario xuntar de novo a certificación.

l) Documentación que acredite a publicidade do cofinanciamento con fondos Feder, segundo o sinalado nestas bases reguladoras no referente ás obrigas dos beneficiarios.

m) Excepcionalmente, no caso de que o solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio os certificados de que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, deberá achegar estas certificacións.

n) Calquera outro documento que se requira durante a tramitación do expediente para a verificación do proxecto.

o) O beneficiario de calquera subvención plurianual en que o importe total da anualidade supere os 18.000 euros, deberá achegar ademais o xustificante acreditativo do depósito na Caixa Xeral de Depósitos de constitución de garantías, nos termos definidos no artigo 21º destas bases reguladoras, agás que teña solicitado pagamento anticipado, segundo o disposto no artigo 20º destas bases reguladoras.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o beneficiario presentase a documentación solicitada poderase entender que renuncia á subvención. Neste caso, o titular da secretaría xeral ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42º.1 da Lei 30/1992.

Artigo 20º.-Pagamento.

1. En función da distribución temporal dos investimentos considéranse dous tipos de proxectos:

a) Proxectos dunha única anualidade:

i. Recibida a documentación xustificativa da subvención, a secretaría xeral procederá ao pagamento do importe xustificado, sen prexuízo do indicado nos puntos 2, 3 e 4 deste artigo.

b) Proxectos plurianuais:

i. Recibida a documentación xustificativa da primeira anualidade da subvención, a secretaría xeral procederá ao pagamento do importe xustificado correspondente aos investimentos da primeira anualidade, sen prexuízo do indicado nos puntos 2, 3 e 4 deste artigo. O pagamento desta primeira anualidade terá a consideración de pagamento á conta, de acordo co disposto no artigo 62º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

ii. Recibida a documentación xustificativa da segunda e última anualidade da subvención na secretaría xeral, procederase ao pagamento do importe xustificado correspondente aos investimentos da segunda anualidade, sen prexuízo do indicado nos puntos 2, 3 e 4 deste artigo.

2. De acordo co previsto no artigo 19º das bases, antes de procederse ao seu pagamento, poderá realizarse as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada e das condicións establecidas para a súa concesión.

3. Procederá a minoración da subvención concedida cando o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto, e sempre que esta minoración non supoña unha realización deficiente do proxecto. No caso de que a xustificación sexa insuficiente e dea lugar a unha minoración da subvención, se é o caso, requirirase a entidade beneficiaria para que proceda á devolución dos fondos non utilizados. A falta de devolución nos prazos requiridos dará lugar á incoación do expediente de reintegro nos termos establecidos no artigo 38º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e mais no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

4. Os pagamentos realizaranse por separado a cada un dos participantes no proxecto en cooperación, sempre que se teña acreditada a execución e xustificación satisfactoria do conxunto do proxecto.

Artigo 21º.-Concesión de anticipos e constitución de garantías.

1. Con carácter xeral, poderán realizarse anticipos para a primeira anualidade, que serán concedidos mediante resolución motivada nas condicións establecidas no artigo 31º.6 da Lei 9/2007, nos artigos 62º.2 e 63º do Decreto 11/2009 e nas bases reguladoras da convocatoria. O aboamento do anticipo farase efectivo da seguinte forma:

Poderán concederse anticipos de ata o 40% do importe da subvención total concedida e condicionaranse ao cumprimento dos requisitos recollidos para tal fin para os beneficiarios nos artigos 17º e 19º das bases reguladoras da convocatoria e na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. A concesión do anticipo farase por resolución motivada desta secretaría xeral, que será notificada para que nun prazo de 15 días a partir desta notificación, se é o caso, presenten o xustificante acreditativo da constitución da garantía mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario da entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca e que ten que ser depositado na Caixa Xeral de Depósitos da Xunta de Galicia, segundo se establece nos artigo 67º e 69º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; todo isto sen prexuízo das demais condicións específicas que se recollen nesta resolución e as que, de ser o caso, se inclúan na resolución.

3. O importe conxunto dos pagamentos á conta e dos pagamentos anticipados que, se é o caso, se concedesen non poderá ser superior ao 80% da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

4. Nos termos establecidos no citado Decreto 11/2009, cando o beneficiario estea obrigado á constitución de garantía, esta deberá cubrir o 110% do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas e polo prazo que medie entre a data de presentación do xustificante acreditativo da constitución de garantía e, como mínimo, aquel en que se cumpran dous meses desde o final do prazo de xustificación. A garantía será liberada unha vez xustificada e comprobada a realización do investimento ou a actividade obxecto de axuda, segundo se establece no artigo 67º do mencionado Decreto 11/2009.

5. Quedan exonerados da constitución da garantía os beneficiarios das subvencións concedidas das cales os pagamentos non superen os 18.000 €, de acordo co artigo 65º.4.i) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

Os proxectos subvencionados terán que acadar os resultados esperados no seu conxunto, polo que a falla de execución ou a execución deficiente dalgunha das partes que cooperan motivará a perda do dereito á axuda por parte de todos os participantes, con independencia de que teñan acreditado parcial ou totalmente os gastos subvencionables que lles correspondan.

2. Ao abeiro do disposto no artigo 14º.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de gradacións dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se deberá minorar serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os que se concedeu a axuda, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación, dará lugar á perda ao dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda, da realización do investimento subvencionable ou da obrigación de xustificación e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II do reintegro de subvencións da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da dita Lei 9/2007.

5. Así mesmo, procederá o reintegro do exceso percibido, así como o xuro de demora correspondente nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade subvencionada.

6. Unha vez acordado o reintegro polo órgano competente e transcorrido o prazo previsto para o ingreso en período voluntario, o reintegro tramitarase de acordo co disposto na normativa reguladora da recadación en vía executiva. Cando corresponda, o órgano competente solicitará a incautación das garantías no marco do dito procedemento, atendendo en todo caso ao disposto no artigo 70º do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 23º.-Control.

1. A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 24º.-Publicidade.

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 €, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, e poderase substituír esta pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

Artigo 25º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, que desenvolve a Lei 9/2007. Así mesmo, observarase o disposto na normativa básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición adicional

A Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, na súa condición de medio propio instrumental e de servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, poderá intervir na xestión da presente convocatoria mediante a realización, de ser o caso, das seguintes tarefas previstas na encomenda realizada, con data do 28 de febreiro de 2011, pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica á dita fundación para a xestión de determinadas actuacións relacionadas coa promoción e desenvolvemento da sociedade da información en Galicia:

-Información e orientación aos cidadáns no relativo ás convocatorias de axudas.

-Facerse cargo da documentación dos solicitantes.

-Análise da documentación presentada polos solicitantes, sistematización, depuración e ordenamento. Dixitalización da documentación.

-Elaboración da relación de solicitudes correctas e incorrectas (documentación incompleta, solicitudes fóra de prazo, etc.).

-Elaboración dunha proposta previa de valoración das solicitudes.

-Proposta de informe técnico das solicitudes, para os efectos do seu estudo por parte do órgano competente previsto nas bases reguladoras das axudas.

-Análise e proposta de actuación en relación coas modificacións nos proxectos presentadas polos beneficiarios.

-Xestión das notificacións aos solicitantes da proposta de resolución.

-Recepción, estudo e sistematización da documentación remitida polos beneficiarios na fase de xustificación dos investimentos.

-Asesoramento técnico nas reclamacións e recursos presentados polos solicitantes.

-Elaboración de informes e estatísticas sobre os datos derivados da execución das convocatorias.

-Elaboración dunha base de datos de solicitantes e beneficiarios de cada unha das convocatorias.

ANEXO II

Definicións e descricións aplicables, por orde alfabética:

-Canles personalizadas.

-Código libre e software de fontes abertas (FLOSS).

-Criterios de accesibilidade.

-Clasificación das pemes.

-Factura electrónica.

-Información accesible.

-Memoria técnica.

-Obrigas de publicidade e demostración.

-Presentación electrónica.

-Provedores vinculados.

Canles personalizadas.

Adicionalmente aos medios de información xeral para todos os interesados, e con independencia dos medios preceptivos de notificación administrativa, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica poderá pór á disposición dos solicitantes, a partir de que xa teñan presentada a súa solicitude, as seguintes canles personalizadas de actualización da información:

-Envío de correos electrónicos informativos ao enderezo electrónico que para tal fin, e de xeito voluntario, identifique a empresa na súa solicitude.

-Envío de mensaxes curtas de texto (SMS) informativas ao teléfono móbil que para tal fin, e de xeito voluntario, identifique a empresa na súa solicitude.

-O taboleiro electrónico da convocatoria. Este taboleiro electrónico é a canle que permite o acceso restrinxido a través da internet á documentación individual xerada para cada solicitude. Para acceder ao contido do taboleiro electrónico cada empresa deberá empregar un contrasinal que se xera automaticamente con cada solicitude ao cubrir os formularios, e que vén identificado nos formularios de solicitude coa lenda: «Código electrónico». O taboleiro electrónico estará dispoñible na mesma páxina de internet a que se accede aos formularios normalizados da solicitude, agás que por publicación no DOG se remita a outro acceso a través da internet.

-Servizo de actualización de novidades RSS dispoñible sobre os contidos publicados no taboleiro electrónico. O servizo RSS permite aos interesados obter aviso de xeito automático da actualización de contidos nunha web determinada (neste caso, o taboleiro electrónico da convocatoria), sen necesidade de ter que acceder á dita web a diario para verificar se esta foi actualizada.

-Blog de tramitación da convocatoria na mesma páxina da internet, que permita tratar asuntos que susciten interese ou repetidas consultas de xeito que cumpra informar a múltiples interesados. Os blogs permiten ordenar a información por asuntos e engadir comentarios que poden ser lidos por todos os interesados.

-Calquera outra canle que, cos medios técnicos dispoñibles durante a vixencia da convocatoria, poida implantar a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica en beneficio dos interesados.

Código libre e software de fontes abertas (FLOSS).

Entenderase como FLOSS aquelas aplicacións informáticas co código fonte que se ofreza baixo os termos dunha licenza GPL ou compatible (véxase en http://www.fsf.org), ou ben calquera licenza das establecidas pola Open Source Initiative véxase en http://www.opensource.org). Como exemplo, entre as licenzas deste tipo máis difundidas pódense sinalar a GPL (licenza pública xeral GNU), LGPL (licenza pública xeral menor GNU), MPL (licenza pública Mozilla), BSD (licenza pública BSD) ou a EUPL (licenza pública europea).

Criterios de accesibilidade.

De conformidade co disposto no artigo 4º da Lei 56/2007, do 28 de decembro, de medidas de impulso da sociedade da información, as administracións públicas exixirán que as páxinas da internet cuxo deseño ou mantemento financien total ou parcialmente apliquen, como mínimo, os criterios de accesibilidade ao contido xeralmente recoñecidos.

Para os efectos desta convocatoria de axudas identifícanse como criterios xeralmente recoñecidos as directrices de accesibilidade definidas polo grupo de traballo permanente Web Accessibility Initiative (WAI) do Consorcio para a World Wide Web (W3C), no seu nivel AA.

Clasificación das pemes.

Para a clasificación das empresas segundo o seu tamaño, actuarase de acordo co anexo I do Regulamento (CE) 800/2008 (DOUE do 9 de agosto) sobre definición de microempresas, pequenas e medianas empresas, de acordo cos seguintes criterios:

-Microempresas .-As que teñen menos de 10 traballadores e un límite de 2 millóns de euros para o volume de negocio e o balance xeral.

-Pequenas empresas .-As que teñen entre 10 e 49 traballadores e un límite de 10 millóns de euros para o volume de negocio e o balance xeral.

-Medianas empresas.-As que teñen entre 50 e 249 traballadores. O límite do volume de negocio é de 50 millóns de euros e o do balance xeral de 43 millóns de euros.

O cómputo dos efectivos de persoal e os límites en caso de empresas asociadas ou vinculadas accionarialmente con terceiras deberá efectuarse como dispón o artigo 6º, números 2 e 3, do anexo da citada Recomendación da Comisión.

Factura electrónica.

Entenderase por factura electrónica o documento electrónico que cumpre cos requisitos legal e regulamentariamente exixibles ás facturas e que, ademais, garante a autenticidade da súa orixe e a integridade do seu contido, o que impide o repudio da factura polo seu emisor, segundo o disposto no artigo 1º da Lei 56/2007, do 28 de decembro, de medidas de impulso da sociedade da información.

Entenderase por formato Facturae aquel formato de factura electrónica descrito mediante un esquema XSD (XML Schema Definition), establecido na Orde PRE/2971/2007, do 5 de outubro, sobre a expedición de facturas por medios electrónicos cando o destinatario delas sexa a Administración xeral do Estado (BOE do 15 de outubro). O citado esquema completo encóntrase dispoñible e actualizado na páxina web www.facturae.es

Entenderase por outros formatos de factura electrónica aqueles que identifique o interesado (como poden ser UBL, GS1-XML, etc.), sempre que cumpran coa normativa aplicable.

Os expedidores das facturas electrónicas terán que dispor dos accesos en liña para a comprobación polo órgano xestor.

Información accesible.

O órgano xestor deste procedemento administrativo, facilítalles aos cidadáns o exercicio dos seus dereitos de non presentar documentación que conste na Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica ou poida ser obtida polo órgano xestor mediante consulta con outras administracións públicas, segundo se recolle nos artigos 5º.2.2 e 5º.2.5 das bases reguladoras e coas particularidades que se identifican a seguir.

Para exercer o dereito a non presentar algúns destes documentos debe ser declarada polo solicitante como información accesible, identificando nos formularios normalizados este feito e achegando neles os datos correctos que lle permitan ao órgano xestor acceder á dita información. Os documentos que poden identificarse como accesibles son os seguintes:

-NIF.

-Documento acreditativo do poder de representación.

-Certificados de inexistencia de débedas coa AEAT, a TXSS e a Facenda da comunidade autónoma.

a) Caso xeral, para todos os documentos:

Poderá considerarse «información accesible» cando o solicitante declare que a dita documentación está en poder da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, sempre que se manteña vixente, e se identifique nos formularios normalizados de solicitude o ano de presentación e o código de procedemento administrativo para o cal foi presentada, e non pasasen máis de 5 anos desde a dita presentación. Este dereito pode exercerse de acordo co disposto no artigo 35º.f) da Lei 30/1992 e no artigo 20º.3 da Lei 9/2007.

Tamén poderá facerse uso da información dispoñible no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia, dependente da Consellería de Facenda, no caso das empresas inscritas no dito rexistro.

b) Casos particulares co NIF, DNI e NIE:

Poderá considerarse «información accesible» cando o solicitante autorice nos formularios normalizados de solicitude que o órgano xestor poida obter da Axencia Estatal da Administración Tributaria os datos identificativos necesarios (identificador do NIF-NIE-DNI, apelidos e nome ou razón social e domicilio fiscal), en lugar de achegar os ditos documentos, comprobando que os datos declarados polo solicitante son exactos. Este dereito pode exercerse de acordo co disposto no artigo 6º.2.b e no artigo 9º da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

No caso específico do DNI e o NIE, o solicitante tamén poderá prestar o consentimento para que o órgano xestor acceda ao sistema de verificación de datos de identidade (SVDI) do Ministerio de Administracións Públicas, de conformidade co Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos (DOG nº 221, do 13 de novembro).

c) Caso particular de poderes de representación inscritos nun Rexistro Mercantil:

Poderá considerarse «información accesible» cando o solicitante identifique nos formularios normalizados que o documento xa está inscrito nun Rexistro Mercantil, en lugar de achegar o dito documento, accedendo o órgano instrutor á citada información mercantil, sen custo ningún para o solicitante, e comprobando que os datos declarados polo solicitante son exactos e que están en vigor. Será condición necesaria neste caso que os representantes teñan plenos poderes de administración da entidade mercantil tales como a administración única, administración solidaria ou mancomunada, ou mesmo o cargo de conselleiro delegado. Nos formularios de solicitude deberá escollerse entre os indicados o tipo de apoderamento, Rexistro Mercantil provincial da inscrición e o número da inscrición (1ª no caso da escritura de constitución, 2ª, 3ª, etc.).

Para outros apoderados de entidades mercantís distintos dos anteriores, aínda que dispoñan de poderes xerais ou especiais inscritos nun Rexistro Mercantil, non poderá acreditarse a súa representación por esta vía dadas as características técnicas da consulta ao Rexistro Mercantil, tendo que achegar a documentación segundo o indicado no artigo 5º.2.2 das bases.

Advírtese que con este procedemento as empresas non teñen que achegar á Xunta de Galicia múltiples escrituras que recollen distintos feitos rexistrais ao longo da vida da sociedade, tales como constitución, modificación de obxecto social, cambio de nome ou denominación social, renovación de cargos, etc., xa que a información facilitada polo Rexistro Mercantil está actualizada incluíndo todos os datos vixentes.

Advírtese que o acceso público á información do Rexistro Mercantil non está suxeita a autorización polo interesado, mais a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica só accederá á dita información cando o interesado expresamente identifique que non presenta determinada documentación por xa estar inscrita nun Rexistro Mercantil, sen menoscabo da posibilidade que ten o órgano xestor para comprobar outras circunstancias que poidan concorrer no expediente como a existencia de declaración concursal ou outras circunstancias inscritibles que imposibiliten a concesión dunha axuda pública.

Este dereito pode exercerse de acordo co disposto no artigo 6º.2.b e no artigo 9º da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

d) Caso particular de certificados de inexistencia de débedas:

Esta documentación ten nun principio a consideración de información accesible, xa que a presentación da solicitude da axuda implica a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda.

Non obstante, o solicitante pode denegar expresamente esta autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio os ditos certificados, facéndoo constar nos formularios normalizados de solicitude, tendo entón o solicitante a obriga de obter e presentar a documentación correspondente.

Este dereito pode exercerse de acordo co disposto no artigo 20º.3 da Lei 9/2007.

Para todos os casos en que se identifique «información accesible», no suposto de erros nos datos achegados polo propio solicitante, imposibilidade material de obter a documentación ou se a información non fose válida, ou con erros ou inexistente, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Memoria técnica.

A presentación desta memoria é voluntaria, e recollen as bases reguladoras que, no caso de non presentarse xunto coa solicitude, se entenderá que se solicita a valoración do proxecto coa información dispoñible nos formularios normalizados e na documentación económica.

Recoméndase non achegar información superflua ou xeral que non achegue elementos de valoración. A memoria recolle elementos particulares de cada solicitante que serán valorados dentro do conxunto do proxecto en cooperación. Recoméndase que todos os solicitantes dentro dun proxecto non presenten a mesma memoria literal, aínda que poden existir partes da memoria coincidentes con outros socios cooperantes. Saliéntase que a concreción e claridade da memoria técnica do proxecto está incluída dentro dos criterios de valoración das solicitudes. A extensión máxima desta memoria será de 40 páxinas.

Para facilitar a súa elaboración, así como a súa valoración, recoméndase seguir como modelo o seguinte índice:

1. Breve descrición da empresa solicitante.

1.1. Obxecto social e actividade da empresa.

1.2. Descrición da estrutura organizativa da empresa.

1.3. Breve historial da empresa.

2. Concepción do proxecto.

2.1. Obxecto e ámbito de aplicación.

2.2. Situación do solicitante en relación cos seus competidores. Descrición sobre a situación de produtos similares ou próximos no mercado. Xustificación da necesidade do proxecto.

2.3. Definición e funcionalidade. Tecnoloxías que se utilizarán e xustificación da escolla (en especial para solicitantes da liña B).

2.4. Descrición e arquitectura de sistemas, modelo de datos, etc. (en especial para solicitantes da liña B).

2.5. Planificación. Calendario de execución do proxecto indicando, de ser o caso, as diferentes fases ou etapas de que consta, desagregando para cada unha delas:

-Inicio e terminación prevista, tempo que se vai empregar.

-Descrición da etapa, precisando o que se pretende acadar en cada unha delas. Este punto valorarase especialmente nas actuacións plurianuais.

2.6. Descrición do interface cos usuarios e deseño multilingüe.

2.7. Comparativa entre situación actual e prevista.

-Melloras e beneficios derivados do proxecto e retorno dos investimentos.

-Prezo de venda estimado do novo produto ou servizo, de ser o caso.

-Clientes reais e potenciais, así como o tempo necesario para a explotación dos resultados e plano de negocio.

-No caso de que se trate dunha nova versión dun produto ou servizo xa existente, achegarase unha descrición completa das funcionalidades da versión actual do produto ou servizo e das novas que se pretenden acadar.

Adicionalmente os solicitantes da liña A) debería indicar o seguinte:

2.8. Experiencia ou coñecemento anteriores dos promotores cos socios tecnolóxicos seleccionados e razóns da elección para o proxecto.

2.9. De ser o caso, se o promotor exixe algún tipo de confidencialidade parcial aos socios tecnolóxicos, no referente á información que se manexará no proxecto ou nos resultados que se deberán acadar, deberá identificar univocamente o alcance da dita confidencialidade.

3. Descrición dos medios e capacidades que se empregarán.

3.1. Identificación de partidas de gastos e desagregación. Medios propios dispoñibles. Dimensionamento dos investimentos fronte aos resultados que se deberán acadar.

3.2. Provedores.

-Documentación facilitada aos provedores o xerada por estes e adxunta ás ofertas.

-Diferenciación das ofertas, calidade da web dos provedores e visibilidade dos elementos ofertados.

-Constancia de que o provedor emite na actualidade e-factura e que serán emitidas para estes gastos.

3.3. Recursos humanos:

-Experiencia en proxectos similares nos dous últimos anos e na tecnoloxía que se vai empregar.

-Programación de tarefas asignadas.

-Categorías profesionais.

-Dimensionamento dos recursos.

3.4. Dimensión do proxecto fronte ao volume da empresa: gastos e persoal dedicado ao proxecto fronte á facturación anual e persoal total do solicitante.

4. Normalización na execución e no control.

4.1. Metodoloxías ou métricas para seguir no proxecto.

4.2. Descrición detallada da documentación que se vai xerar durante o proxecto (análise, actas, versións, probas, manuais, etc.) e resultados finais.

4.3. Aplicacións informáticas implantadas no solicitante que serven para a execución e control continuo do proxecto (lanzamento inicial, tarefas, recursos empregados, xestión documental, control de versión, imputación de custos, contabilidade analítica, etc).

4.4. Facilidades para que o órgano xestor acceda por internet ás aplicacións informáticas citadas durante a execución e peche do proxecto.

5. Visibilidade pública do solicitante.

5.1. Web do solicitante con dominio propio, información legal (LSSI) e política de privacidad (LOPD).

Identificación de accesibilidade ao contido, construción multiidioma, áreas privadas, política de calidade e visibilidade na web de certificacións.

5.2. Calidade ou solvencia recoñecidas.

Identificación das certificacións en vigor en normas da familia ISO 9000, UNE 166001, UNE 166002, UNE-ISO/IEC 20000, UNE-ISO/IEC 27001, CMMI ou ISO-15504 (SPICE), achegando copia das certificacións correspondentes.

Inscricións en rexistros públicos de licitadores, contratistas ou no rexistro de IEBT da Consellería de Traballo e Benestar.

5.3. Uso da factura electrónica.

Se a empresa emprega e-factura, incluirase un exemplar emitido no ano 2010 ou no 2011.

6. Emprego e resultados de código libre e de software de fontes abertas (FLOSS).

6.1. Identificación e relevancia no uso de ferramentas FLOSS para a execución do proxecto.

6.2. Desenvolvemento e xeración de resultados en FLOSS así como en estándares abertos, con identificación inequívoca dos resultados e as licencias a que quedarán suxeitos os ditos resultados.

6.3. Identificación da publicación de resultados (informes, manuais, códigos, aplicacións, etc) na web do solicitante ou repositorios públicos de FLOSS.

7. Outra información (para definir voluntariamente polo solicitante).

Obrigas de publicidade e demostración.

En cumprimento do artigo 15º.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e das medidas de información e publicidade reguladas na sección 1 do capítulo II do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello (DOUE do 27 de decembro, L371), coas modificacións introducidas polo Regulamento (CE) 846/2009 da Comisión do 1 de setembro de 2009 (DOUE do 23 de setembro, L250), as entidades beneficiarias de axudas deberán facer constar, na súa publicidade ou na información que xeren en relación ao proxecto subvencionado, o cofinanciamento dos seus activos con fondos europeos Feder, así como pola Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica. Para isto empregarán a lenda Proxecto cofinanciado, acompañado do correspondente escudo normalizado da Xunta de Galicia e o emblema normalizado da Unión Europea coa lenda Unión Europea. Fondo Europeo de

Desenvolvemento Rexional.

A Consellería de Facenda dispón na súa web unha guía de publicidade que poderá ser usada polos beneficiarios (http://www.conselleriadefacenda.es/web/portal/area-de-planificacion-e-fondos), ben que, a secretaría xeral facilitará información sobre estas obrigas e o xeito de cumprilas a todos os beneficiarios, debendo ter en conta que:

-Cando a subvención concedida supere os 100.000 € o beneficiario deberá colocar unha placa explicativa permanente ou un adhesivo explicativo. De acordo co disposto nos artigos 8º e 9º do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, e o disposto no artigo 1º.1 a) do Regulamento (CE) 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro de 2009, na dita placa debe figurar a seguinte información:

a) Tipo e nome da operación.

b) Emblema da Unión Europea.

c) A referencia ao Fondo en cuestión: Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

-Cando o proxecto se materialice expresamente nun sitio da internet deberán realizarse en lugar visible as citadas referencias na súa páxina de inicio. Así mesmo, establecerase un enlace cara á páxina web da Comisión Europea relativa ao Fondo.

-Cando se materialice nunha aplicación informática deberán facerse as citadas referencias na zona de inicio ou menú principal da aplicación informática, así como na epígrafe de información da aplicación (axuda, acerca de ou similares).

-Cando o proxecto der lugar a documentación (manuais, cadernos, folletos, notas informativas, CD-rom, etc.), deberán constar na contraportada das ditas publicacións as citadas referencias.

-O beneficiario deberá situar na súa páxina web principal unha epígrafe expresa que identificará como Fondos públicos, na cal recollerá, durante un mínimo de 2 anos desde a data de concesión, a información de publicidade consistente na data da resolución de concesión, data de publicación no DOG, norma reguladora, órgano concedente, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención, coa indicación adicional do cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Adicionalmente, deberá incluír xunto coa documentación anterior un documento que recolla unha memoria explicativa do proxecto financiado, documento que deberá ser un arquivo PDF posto á disposición do público mediante unha das múltiples licenzas Creative Commons, que se poden consultar na web http://es.creativecommons.org/licencia/. A resolución de concesión eximirá desta obriga cando concorran no expediente as circunstancias previstas de salvagarda do honor e intimidade das persoas físicas segundo o previsto no

artigo 15º.2 d) da Lei 9/2007.

Así mesmo, o beneficiario ten a obriga de demostración dos resultados a outros interesados. Esta obriga materializarase coa organización e participación do beneficiario ata en 3 sesións de demostración e difusión das actuacións subvencionadas nos 2 anos seguintes á concesión da axuda, que se fará por requirimento da Xunta de Galicia e onde esta poderá convidar os interesados que considere oportuno. Realizaranse preferentemente nun centro demostrador de carácter público ou, de ser necesario, no centro de traballo do solicitante onde se desenvolveron os traballos.

Presentación electrónica.

Para a presentación electrónica de solicitudes e demais documentación, considerarase o seguinte:

1. Será necesario que o presentador da solicitude sexa a persoa física solicitante ou que posúa a representación legal da empresa ou entidade solicitante, e como tal figure identificado nos formularios normalizados de solicitude.

2. O presentador deberá posuír algún dos seguintes certificados:

-DNI electrónico, conforme co disposto no Real decreto 1586/2009, do 16 de outubro, polo que se modifica o Real decreto 1553/2005, do 23 de decembro, polo que se regula a expedición do documento nacional de identidade e os seus certificados de sinatura electrónica.

-Certificado electrónico en vigor baixo a norma X.509 V3 expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda, conforme co disposto no Decreto 164/2005, do 16 de xuño.

-Calquera outro certificado dixital aceptado polo Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

Advírtese que os certificados deben ter exclusivamente atributos de persoa física, polo que se acredita a vontade da dita persoa física, e non serán válidos aqueles certificados electrónicos que ademais están vinculados a persoas xurídicas, xa que a vontade da persoa xurídica está limitada nestes certificados a un determinado alcance (por exemplo: exclusivamente para fins tributarios ante a AEAT, gastos menores dunha contía, etc).

3. Neste tipo de presentación, de conformidade co artigo 35º.2 da Lei 11/2007, os interesados poderán achegar ao expediente copias dixitalizadas dos documentos que se lles requiren, responsabilizándose e garantindo o representante legal da entidade solicitante a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. A Administración pública poderá solicitar do correspondente arquivo ou rexistro o cotexo do contido das copias dixitalizadas achegadas. Ante a imposibilidade deste cotexo e con carácter excepcional, poderá requirirlle ao particular a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

Neste tipo de presentación o solicitante tamén pode identificar determinada documentación como información accesible polo órgano xestor, polo que non tería a obriga de presentala. En todo caso, o solicitante deberá achegar en formato electrónico a documentación técnica e económica a que se fai referencia no artigo 5º das bases reguladoras.

Para presentar xunto cos formularios normalizados calquera destes documentos en formato electrónico o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais obtendo arquivos en formato PDF, cuns requisitos mínimos de resolución a 300 dpi e, polo menos, en branco e negro. A aplicación informática definida na convocatoria, para facilitar a obtención dos formularios normalizados, permitirá no momento da presentación telemática anexar aos citados formularios estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis dese tamaño, deberá xerarse con menor tamaño ou partirse en varios arquivos PDF para seren anexados separadamente. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

Unha vez asinados co certificado electrónico do presentador os formularios normalizados e todos os documentos que acompañen a solicitude, procederase á transferencia telemática da dita documentación ao Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 164/2005, do 16 de xuño. Unha vez completado o proceso de transferencia telemática, efectuarase a anotación correspondente no rexistro de entrada e, nese momento, empregando as características da aplicación telemática, expedirase un recibo en que quedará constancia do feito da presentación segundo o recollido no dito Decreto 164/2005, e que poderá ser impreso e gardado polo interesado. A obtención do dito recibo (no cal entre outros datos aparecerán a data, a hora e o minuto da presentación e o número de entrada no Rexistro Electrónico) é o que lle garante ao solicitante que a presentación tivo lugar sen erros, e serve para acreditar ante terceiros este feito.

De conformidade co disposto no artigo 10º da Lei 11/2007, o servizo de presentación electrónica ante o Rexistro Electrónico respectará os principios de accesibilidade e usabilidade de acordo coas normas establecidas ao respecto, estándares abertos e, de ser o caso, aqueloutros que sexan de uso xeneralizado polos cidadáns. Estes principios non impiden que algún estándar particular non estea dispoñible. Así mesmo, de conformidade coa disposición transitoria única da Lei 11/2007, os rexistros telemáticos existentes no momento de entrada en vigor da dita lei, como é o caso do creado polo Decreto 164/2005, serán considerados rexistros electrónicos e regularanse polo disposto na citada lei.

4. A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da documentación por parte dunha soa persoa física. En caso de documentación que debese ser asinada por máis dunha persoa (por exemplo solicitudes con 2 asinantes, representación mancomunada, etc), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a dita documentación ante a Xunta de Galicia. Recoméndase que se xere este documento en formato electrónico coas sinaturas de todos (por exemplo, asinando un PDF coas utilidades de sinatura electrónica Valide ou ecoFirma), ou no seu defecto realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

Provedores vinculados.

Ao seren de aplicación diversos textos legais sobre a prohibición de provedores vinculados, achegamos os seguintes textos con carácter informativo, sen que substitúan os textos oficiais de aplicación.

-A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG do 25 de xuño de 2005), no seu artigo 27º dedicado á subcontratación das actividades subvencionadas polos beneficiarios, dispón no número 7 o seguinte:

«7. En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións do artigo 10º desta lei.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto de contratación.

c) Intermediarios ou asesores en que os pagamentos se definan como unha porcentaxe de custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades vinculadas co beneficiario, salvo que concorran as seguintes circunstancias:

1.ª) Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

2.ª) Que se obteña a autorización previa do órgano concedente nos termos que se fixen nas bases reguladoras.

e) Persoas ou entidades solicitantes de axuda ou subvención na mesma convocatoria e programa que non obtivesen subvención por non reuniren os requisitos ou non alcanzar a valoración suficiente.

-O Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 20, do 29 de xaneiro de 2009), que no seu artigo 43º dedicado á subcontratación das actividades subvencionadas dispón:

«2. Para os efectos do disposto no artigo 27º.7 d) da Lei de subvencións de Galicia, considerarase que existe vinculación con aquelas persoas físicas ou xurídicas ou agrupacións sen personalidade en que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Persoas físicas unidas por relación conxugal ou persoas ligadas con análoga relación de afectividade, parentesco de consanguinidade ata o cuarto grao ou de afinidade ata o segundo.

b) As persoas físicas e xurídicas que teñan unha relación laboral retribuída mediante pagamentos periódicos.

c) Ser membros asociados do beneficiario a que se refire o punto 2 e membros ou partícipes das entidades sen personalidade xurídica a que se refire o punto 3º do artigo 8º da Lei de subvencións de Galicia.

d) Unha sociedade e os seus socios maioritarios ou os seus conselleiros ou administradores, así como os cónxuxes ou persoas ligadas con análoga relación de afectividade e familiares ata o cuarto grao de consanguinidade ou de afinidade ata o segundo.

e) As sociedades que, de acordo co artigo 4º da Lei 24/1988, do 28 de xullo, reguladora do mercado de valores, reúnan as circunstancias requiridas para formar parte do mesmo grupo.

f) As persoas xurídicas ou agrupacións sen personalidade e os seus representantes legais, patróns ou quen exerza a súa administración, así como os cónxuxes ou persoas ligadas con análoga relación de afectividade e familiares ata o cuarto grao de consanguinidade ou de afinidade ata o segundo.

g) As persoas xurídicas ou agrupacións sen personalidade e as persoas físicas, xurídicas ou agrupacións sen personalidade que conforme as normas legais, estatutarias ou os acordos contractuais teñan dereito a participar en máis dun cincuenta por cento no beneficio das primeiras».

-No caso de sociedades, o citado artigo 4º da Lei 24/1988, do 28 de xullo, reguladora do mercado de valores, dispón: «Para os efectos desta lei, observarase definición de grupo de sociedades establecida no artigo 42º do Código de comercio», e a redacción deste citado artigo 42º reflicte o seguinte:

«Existe un grupo cando unha sociedade exerza ou poida exercer, directa ou indirectamente, o control doutra ou doutras. En particular, presumirase que existe control cando unha sociedade, que se cualificará como dominante, se encontre en relación con outra sociedade, que se cualificará como dependente, nalgunha das seguintes situacións:

-Posúa a maioría dos dereitos de voto.

-Teña a facultade de nomear ou destituír a maioría dos membros do órgano de administración.

-Poida dispor, en virtude de acordos celebrados con terceiros, da maioría dos dereitos de voto.

-Teña designado cos seus votos a maioría dos membros do órgano de administración.

Ver referencia pdf "07700D001P007.PDF"