DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Martes, 12 de abril de 2011 Páx. 6.518

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 15 de marzo de 2011 pola que se aproba o procedemento de comunicación electrónica do contido dos contratos de traballo e as súas copias básicas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Preámbulo.

De acordo co artigo 29º.1 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, polo que se aproba o Estatuto de autonomía da Comunidade Autónoma de Galicia, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, competencias e servizos que neste ámbito e a nivel de execución posúe o Estado con respecto ás relacións laborais, sen prexuízo da alta inspección deste.

O Real decreto 1424/2002, do 27 de decembro (BOE nº 43, do 19 de febreiro de 2003), polo que se regula a comunicación do contido dos contratos de traballo e das súas copias básicas aos servizos públicos de emprego, e o uso de medios telemáticos en relación con aquela, modificado polo Real decreto 1715/2004, do 23 de xullo (BOE nº 189, do 6 de agosto), establece cal ten que ser o contido destas comunicacións, como ten que ser o uso dos medios telemáticos, como se teñen que formalizar as autorizacións para utilizar a aplicación, cales son os efectos que ten a súa utilización e de que información pode dispoñer o usuario da aplicación.

A disposición derradeira primeira deste real decreto prevé que o Ministerio de Traballo e Inmigración, no ámbito da Administración xeral do Estado, ten que aprobar os programas, as aplicacións, os deseños e as estruturas de datos e impresión que se teñan que utilizar nas comunicacións da contratación por vía telemática e ten que difundir publicamente as características.

Así mesmo, a disposición derradeira segunda prevé que o procedemento de comunicación do contido dos contratos mediante o uso de medios telemáticos, establecido no real decreto e nas normas que o desenvolvan, se poida aplicar ás comunidades autónomas que asumisen o traspaso da xestión no ámbito do traballo, o emprego e a formación, mentres non aproben os seus propios programas, aplicacións, deseños e estruturas de datos e impresión para utilizar nestas comunicacións.

A Orde TAS/770/2003, do 14 de marzo, pola que se desenvolve o Real decreto 1424/2002, do 27 de decembro, polo que se regula a comunicación do contido dos contratos de traballo e das súas copias básicas aos servizos públicos de emprego, e o uso de medios telemáticos en relación con aquela (BOE nº 82, do 5 de abril de 2003), regulou a aplicación telemática do Servizo Público de Emprego Estatal, denominada Comunicación da contratación laboral a través da internet mediante a cal as empresas poden cumprir por vía telemática a obriga que teñen de notificar as comunicacións dos contratos de traballo que formalicen, as súas prórrogas e a copia básica.

Verificada amplamente a efectividade desta aplicación semella axeitado que esta estea dispoñible en galego e sexa accesible a través do Servizo Público de Emprego de Galicia.

Por outra parte, a consecución dunha Administración pública máis moderna e eficaz constitúe unha prioridade e un compromiso da Xunta de Galicia polo que resulta necesario avanzar no uso das novas tecnoloxías, especialmente no que se refire ao funcionamento dos servizos públicos de emprego na Comunidade Autónoma de Galicia.

Por este motivo, en uso das facultades que me outorga o artigo 34º.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

ORDENO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto adaptar ás peculiaridades da Comunidade Autónoma de Galicia o procedemento de notificación telemática da comunicación do contido dos contratos de traballo e as súas copias básicas que prevé o Real decreto 1424/2002, polo que se regula a comunicación do contido dos contratos de traballo e das súas copias básicas aos servizos públicos de emprego, e o uso de medios telemáticos en relación coa comunicación, modificado polo Real decreto 1715/2004, do 23 de xullo.

Artigo 2º.-Comunicación telemática dos contratos de traballo e as súas copias básicas.

A obriga de comunicar ao Servizo Público de Emprego de Galicia o contido dos contratos de traballo que se formalicen, das prórrogas e as súas copias básicas, tense que efectuar obrigatoriamente mediante a conexión telemática establecida no portal do Servizo Público de Emprego de Galicia, http://emprego.xunta.es, mediante a aplicación web denominada Comunicación da contratación laboral.

Artigo 3º.-Usuarias do servizo.

As usuarias do servizo son as empresas, as administracións públicas e o resto de entidades públicas e privadas sobre as que recae a obriga de presentar a notificación da comunicación dos contratos de traballo e as súas copias básicas ante o Servizo Público de Emprego de Galicia. Estas utilizarán o servizo mediante as persoas físicas para as que pidan a autorización que se menciona no artigo 4º desta orde.

As empresas e colexiados/as profesionais que vaian utilizar esta aplicación deberán solicitar aos servizos públicos de emprego unha autorización de uso desta, mediante a formalización telemática do formulario de solicitude de autorización que figura como anexo II da Orde TAS/770/2003, do 14 de marzo, e da confirmación pola mesma vía do devandito formulario.

Artigo 4º.-Identificación e autenticación da persoa solicitante.

As persoas físicas designadas polas empresas, as administracións públicas e o resto de entidades públicas e privadas teñen que obter a autorización de uso da aplicación mediante a funcionalidade Solicitude de autorización da propia aplicación, tal como se describe na aplicación.

As persoas físicas designadas co fin de facer a presentación telemática da notificación da comunicación dos contratos de traballo e as súas copias básicas, ou ben de xestións asociadas ao procedemento como consultas sobre o seu contido e a obtención de copias, téñense que identificar e autenticar cando accedan á aplicación do xeito que se indica na propia aplicación.

Artigo 5º.-Documentos suxeitos a notificación e datos que se deben transmitir.

Os documentos que se teñen que notificar son os previstos no artigo 1º do Real decreto 1424/2002, do 27 de decembro:

1. Os empresarios están obrigados a comunicar aos servizos públicos de emprego, no prazo dos dez días hábiles seguintes á súa concertación, o contido dos contratos de traballo que subscriban ou as prórrogas destes, débanse ou non formalizar por escrito.

2. Os empresarios deberán enviar ou remitir aos servizos públicos de emprego a copia básica dos contratos de traballo, previamente entregada á representación legal dos traballadores, se a houber.

Esta notificación farase mediante a transmisión dos datos que se indican no anexo I da Orde TAS/770/2003, do 14 de marzo.

Artigo 6º.-Cómputo de prazos.

A comunicación dos contratos de traballo e as súas copias básicas polos medios telemáticos pódese levar a cabo durante as vinte e catro horas do día e tense que facer con suxeición aos prazos que en cada momento estean establecidos legalmente.

Para os efectos de cómputo de prazos, a recepción nun día inhábil enténdese levada a cabo o primeiro día hábil seguinte.

Artigo 7º.-Efectos da presentación de escritos, solicitudes e documentos.

A aplicación permitirá a impresión de todos os documentos e certificará a validez dos datos mediante a impresión dunha pegada electrónica de seguridade, co fin de que teña efectos ante terceiros/as. A entidade usuaria da aplicación está facultada para certificar con selo e sinatura esta impresión.

Artigo 8º.-Sistema de consulta e seguimento da tramitación.

Unha vez presentada a comunicación, a persoa interesada pode consultar o seu expediente administrativo na mesma aplicación informática.

Disposición adicional

Única.-As comunicacións previstas no artigo 2º desta orde terán os mesmos efectos xurídicos que as levadas a cabo polo resto de medios admitidos en dereito previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor a partir do mes seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia para as empresas de máis de 50 traballadores, a partir dos tres meses para as empresas de máis de 10 traballadores e a partir dos seis meses entrará en vigor para todas as empresas, agás as de menos de 5 traballadores, que poderán utilizar o procedemento descrito nela de xeito voluntario.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2011.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar