DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Luns, 11 de abril de 2011 Páx. 6.445

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 16 de marzo de 2011 pola que se regula a extinción das ensinanzas de bacharelato en varios centros integrados de formación profesional.

O Decreto 266/2007, do 28 de decembro, polo que se regulan os centros integrados de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, ten por obxecto a regulación destes centros no marco do artigo 11º.4 da Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, e no disposto no Real decreto 1558/2005, do 23 de decembro, polo que se regulan os requisitos básicos dos centros integrados de formación profesional.

O devandito decreto, no seu artigo 2º, establece que terán a consideración de centros integrados de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia aqueles que ofrezan e impartan formación profesional inicial ou regrada e formación para o emprego. A súa oferta formativa estará dirixida a colectivos destinatarios dos dous subsistemas indistintamente e estará referida ao Catálogo nacional de cualificacións profesionais. Mentres non se desenvolva o referido Catálogo nacional de cualificacións profesionais, a oferta formativa dos centros integrados de formación profesional terá como base os ciclos formativos e os certificados de profesionalidade vixentes, sen prexuízo de poderen ofrecer, con carácter experimental, outras actividades relacionadas coas cualificacións de marcado carácter estratéxico para a economía galega.

Tamén no punto 1 a) do artigo 6º do Decreto 266/2007 se establece que será función básica dos centros integrados de formación profesional impartir a oferta formativa da familia ou da área profesional que teñan autorizada de formación profesional inicial, formación para o emprego e doutras ofertas formativas, referida ao Catálogo nacional das cualificacións profesionais e que conduza a títulos de formación profesional e certificados de profesionalidade que dean resposta ás demandas das persoas e do contorno produtivo.

Xa que logo, analizada a oferta formativa dos centros integrados de formación profesional do sistema educativo de Galicia, cómpre a extinción das ensinanzas de bacharelato dos centros integrados CIFP A Farixa, de Ourense, e CIFP Valentín Paz Andrade, de Vigo.

Na súa virtude, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos

DISPOÑO:

Primeiro.-Nos centros integrados de formación profesional CIFP A Farixa, de Ourense, e CIFP Valentín Paz Andrade, de Vigo, deixarán de impartirse as ensinanzas de bacharelato a partir do próximo curso académico 2011-2012.

Segundo.-Os/As funcionarios e funcionarias docentes dos corpos de catedráticos/as e de profesores/as de ensino secundario das especialidades comprendidas entre os códigos 001 e 061, con destino definitivo nalgún centro relacionado no punto primeiro, quedarán en situación de profesorado desprazado por falta de horario.

Terceiro.-Esta orde entrará en vigor o 1 de setembro de 2011.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2011.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria