DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Luns, 11 de abril de 2011 Páx. 6.445

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 28 de marzo de 2011 sobre aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Cenlle (Ourense).

O Concello de Cenlle remite o documento do Plan Xeral de Ordenación Municipal en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o artigo 85º.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

I.1. Mediante Orde do 23 de abril de 2010 pasado, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas acordou, de conformidade co artigo 85º.5.a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, non outorgar a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Cenlle, instando o concello a realizar as modificacións necesarias para emendar as deficiencias sinaladas no corpo da propia orde; e a remitir novamente á CMATI o documento corrixido para o efecto, para a súa aprobación definitiva.

I.2. Redactado o documento corrixido solicitado, foi sometido ao informe dos servizos técnicos e xurídicos municipais, constando a súa emisión con data do 25 de novembro de 2010.

I.3. O Pleno do Concello de Cenlle en sesión do 30-11-2010, aprobou provisionalmente as modificacións introducidas no Plan Xeral de Ordenación Municipal.

I.4. O concello remite a esta consellería exemplar coas modificacións introducidas no PXOM, para resolver sobre a súa aprobación definitiva, tendo entrada no rexistro con data do 14-2-2011.

II. Análise e consideracións.

Analizada a documentación remitida polo concello, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, púidose comprobar que o Plan Xeral de Ordenación Municipal modificado do Concello de Cenlle, aprobado provisionalmente polo Concello Pleno en sesión do 30-11-2010, que agora se somete á aprobación definitiva, dá cumprimento en xeral ás observacións formuladas na anterior orde desta CMATI con data do 26 de abril de 2010.

Cumprindo, en todo caso, deixar constancia expresa de que se procederá a sinalar sobre:

-Planos nº 5 e 7 de Clasificación e Clases de Solo. Estrutura Xeral do Territorio.

-Planos nº 1 (Núcleo de Barbantes); e nº 9 (Núcleo de Laias) de Ordenación. Delimitación de Núcleo Rural.

As liñas límite de edificación correspondentes, respecto da afección de:

a) Estrada N-120, na área de expansión do núcleo rural de Barbantes (distancia de 25 m medida desde a aresta exterior de explanación, agás que se xustifique a redución da referida distancia conforme o establecido no artigo 25º.2 da Lei 25/1988, de estradas).

b) Liña férrea, nas áreas de expansión dos núcleos rurais de Barbantes e Laias (distancia de 50 m medida desde a aresta exterior da plataforma, agás que se xustifique a redución da referida distancia conforme o establecido no artigo 16º da Lei 39/2003, do sector ferroviario).

Ao abeiro do establecido no artigo 89º da LOUG, e no artigo 3º do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal lle corresponde ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

III. Resolución.

Visto o que antecede,

RESOLVO:

1º Outorgar a aprobación definitiva ao Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Cenlle, de acordo co punto 7.a) do artigo 85º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, nos termos sinalados no punto II desta orde.

2º De conformidade co disposto polos artigos 92º da Lei 9/2002 e 70º da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do plan xeral aprobado definitivamente.

3º Notifíquese esta orde ao concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10º e 46º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2011.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas