DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Venres, 08 de abril de 2011 Páx. 6.352

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS

RESOLUCIÓN do 28 de febreiro de 2011 pola que se establecen as normas de funcionamento das programacións incluídas na Rede Galega de Teatros e Auditorios.

A Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) establece na súa disposición transitoria primeira que a Agadic sucederá o Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais no exercicio das funcións que desenvolve e quedará subrogada na totalidade dos bens, dereitos e obrigas afectos ou constitutivos en virtude das mencionadas funcións. Para estes efectos, establece igualmente no seu artigo quinto que é función da Agadic promover a distribución e comercialización dos produtos culturais dentro e fóra do noso país, fomentando a captación de públicos e facilitando o acceso da cultura galega a novos mercados internacionais.

A Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) constituíuse a finais do ano 1996 como principal instrumento do Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais -IGAEM- para promover a distribución das producións escénicas e musicais galegas, actuando como mercado preferente para o teatro, a danza e a música e dotándoos dunha estabilidade na súa programación habitual. A Rede Galega de Teatros e Auditorios réxese polo disposto na Resolución do 21 de novembro de 2006, en relación coa estrutura, a organización e o funcionamento da Rede de Espazos Escénicos, e pola Resolución do 29 de febreiro de 2008, no referente ás normas de funcionamento das programacións que se desenvolven nesta rede de espazos.

Nas reunións anuais do comité técnico celebradas os días 6 de outubro de 2010 e o 20 de xaneiro de 2011 e nas avaliacións intermedias realizadas polo departamento de programación da Agadic detectouse a necesidade de incorporar diferentes medidas para a mellora do funcionamento das programacións da RGTA, relacionadas fundamentalmente cos seguintes elementos:

(1) Necesidade de aplicar de xeito inmediato a Resolución do 21 de novembro de 2006 de organización e funcionamento da RGTA (DOG nº 231, do 30 de novembro), en relación cos requisitos de infraestrutura que teñen que dispoñer os espazos escénicos para pertenceren á RGTA.

(2) A conveniencia de continuar co proceso de integración das programacións das diferentes disciplinas artísticas.

(3) A necesidade de aplicar novas fórmulas de cofinanciamento baseadas en criterios de número de habitantes por localidade:

1. Ata 12.000 habitantes.

2. De 12.001 a 40.000 habitantes.

3. Máis de 40.000 habitantes.

(2) A demanda, por parte das entidades titulares de teatros e auditorios, dunha maior flexibilidade na contratación de espectáculos.

Por todo isto, consonte os seus obxectivos inmediatos, o consello de dirección da Agadic aprobou, na súa xuntanza do 4 de febreiro de 2011, esta resolución, pola cal se aproban as normas de funcionamento das programacións da Rede Galega de Teatros e Auditorios; e, na súa virtude, e de acordo coas atribucións conferidas pola Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, acórdase a publicación da seguinte resolución, que se someterá ao seguinte articulado:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta resolución ten por obxecto, dentro das funcións que lle veñen atribuídas a Agadic pola súa normativa de creación, aprobada pola Lei 4/2008, do 23 de maio, fomentar a difusión das artes escénicas a través dunha programación estable e coordinada nos teatros e auditorios mediante un programa de colaboración coas entidades titulares dos espazos escénicos integrados na Rede Galega de Teatros e Auditorios, establecéndose mediante esta resolución a normativa de funcionamento que rexerá para as súas programacións.

Esta normativa resulta de aplicación directa a todas aquelas entidades públicas, así como a outras persoas xurídicas titulares de teatros e auditorios que estean inscritos na RGTA.

Artigo 2º.-Períodos de programación.

As programacións da Rede Galega de Teatros e Auditorios estruturaranse en dous períodos de programación, que comprenderán os meses de xaneiro a xuño, o primeiro, e de xullo a decembro, o segundo.

Artigo 3º.-Programacións ofertadas na RGTA.

En cada un dos períodos de programación da Agadic poderá ofertar todas ou ben algunha das programacións seguintes:

Programación de adultos (PA) que inclúe artes escénicas, música e maxia para adultos.

Programación infantil (PI) que inclúe artes escénicas, música e maxia para público infantil.

Os teatros e auditorios na actualidade integrantes da RGTA poderán participar nas diferentes programacións e períodos de programación consonte as súas preferencias, se ben deberán estar suxeitas ao cumprimento dos compromisos de programación recollidos nos artigos 4º.1 e 5º.1 da resolución do IGAEM do 21 de novembro de 2006, pola que se regula a estrutura, a organización e o funcionamento da RGTA (DOG nº 231, do 30 de novembro).

O compromiso de programación para os espazos pertencentes á RGTA:

Espazos A (entidades de + de 40.000 habitantes) 14 funcións. Debendo estar presentes na programación anual catro das disciplinas ofertadas (teatro, circo, danza, música e maxia). Podendo realizar unha función fóra do espazo escénico adscrito á RGTA.

Espazos B (entidades entre 12.001 e 40.000 habitantes) 11 funcións. Podendo realizar unha función fóra do espazo escénico adscrito á RGTA e debendo estar presentes na programación anual tres das disciplinas ofertadas (teatro, circo, danza, música e maxia).

Espazos C (entidades ata 12.000 habitantes) 8 funcións. Podendo realizar unha función fóra do espazo escénico adscrito á RGTA e debendo estar presentes na programación anual tres das disciplinas ofertadas (teatro, circo, danza, música e maxia).

Artigo 4º.-Contratación.

Os espazos escénicos das entidades integrantes da RGTA, de conformidade co disposto nos artigos anteriores, deberán cumprir cos requisitos que se establecen a seguir:

1º As entidades titulares de teatros, auditorios e demais espazos escénicos deberán realizar as súas propostas de programación sobre a base dos catálogos de espectáculos habilitados pola Agadic para cada programación e deben ter liquidadas e satisfeitas, en todo caso, as obrigas contraídas coas compañías programadas durante o mesmo semestre do ano inmediatamente anterior. As propostas de programación detallarán as datas e horarios de exhibición dos espectáculos. Non se admitirán funcións en horario escolar, agás no caso de segundas e terceiras funcións.

2º As propostas de programación presentadas deberán comprometerse a programar o seguinte número mínimo de espectáculos:

Ver referencia pdf "07000D002P008.PDF"

3º No caso de teatros e auditorios de titularidade pública, o 75% da programación deberá corresponder a espectáculos de empresas galegas. No caso de teatros e auditorios de titularidade privada, o 100% da programación deberá corresponder a espectáculos de empresas galegas.

4º Os espazos non poderán incluír ningunha actividade da Rede noutro tipo de programacións (premios, cursos, concursos, encontros, festivais, festas patronais, etc.) sen o consentimento explícito e por escrito da Agadic, co fin de non desprazar o obxectivo de acrecentar e fomentar programacións estables nos concellos e entidades xestoras de espazos escénicos, ou de atrasar ou menoscabar o traballo dos actuantes do circuíto, ou de crear confusión entre as institucións integrantes da Rede e aqueloutras institucións ou entidades que participen na/s actividade/s mencionada/s anteriormente.

5º A aceptación das propostas de programación estará suxeita ao cumprimento dos seguintes límites mínimos de contratación por cada un dos espectáculos propostos:

Ver referencia pdf "07000D002P008.PDF"

Cando un espectáculo non acade o límite mínimo de contratación, deberá ser substituído por calquera outro, por proposta da entidade titular do teatro ou auditorio.

Os espectáculos de danza e música quedarán exentos do cumprimento dos límites mínimos de contratación.

Excepcionalmente, cando os niveis de contratación dificulten de forma xeneralizada o cumprimento dos criterios mínimos establecidos, a dirección da Agadic poderá acordar a súa redución.

Artigo 5º.-Condicións económicas.

1. A Agadic cofinanciará as programacións propostas polas entidades titulares de teatros e auditorios de conformidade coas súas dispoñibilidades orzamentarias. Cando non sexa posible atender todas as propostas na súa totalidade, utilizaranse como criterios de selección os datos de asistencia de públicos correspondentes ao exercicio inmediatamente anterior.

2. O cofinanciamento das programacións dos teatros e auditorios de titularidade privada será do 20% do caché de cada espectáculo no suposto de funcións únicas, e do 35% do caché de cada espectáculo no suposto de realización de máis dunha función consecutiva ou de funcións de danza.

3. No caso das programacións dos teatros e auditorios de titularidade pública, o cofinanciamento realizarase de acordo coas seguintes porcentaxes:

Ver referencia pdf "07000D002P008.PDF"

As entidades titulares dos teatros e auditorios da Rede Galega de Teatros e Auditorios poderán establecer descontos de ata un 50% como máximo do prezo da entrada para estudantes, persoas da terceira idade e menores de 12 anos e outros colectivos propostos polos espazos e coa autorización da Agadic. Igualmente, poderán establecer promocións de ata o 25% dos prezos por asistencia a un mínimo de 3 funcións por semestre. As restantes promocións que se pretendan aplicar deberán ser remitidas previamente á Agadic e aprobadas por esta.

As entidades titulares dos teatros e auditorios da RGTA poderán emitir invitacións gratuítas de ata un máximo do 10% da capacidade do teatro ou auditorio, agás nas estreas.

Artigo 6º.-Outras obrigas.

As entidades públicas e demais persoas xurídicas titulares dos espazos escénicos que na data de publicación desta resolución formasen parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios estarán igualmente obrigadas a:

1º Poñer á disposición das compañías as infraestruturas necesarias para o desenvolvemento efectivo de cada actividade contratada, consonte o establecido nos artigos 4º e 5º da Resolución do 21 de novembro de 2006 pola que se regula a estrutura, a organización e o funcionamento da Rede.

2º A organización puntual de cada función, así como os gastos de difusión local e o pagamento dos dereitos de autor, corresponderán á entidade titular do teatro, auditorio ou espazo escénico. Na publicidade que se realice a entidade deberá incluír o logotipo da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

3º A entidade titular do teatro ou auditorio facilitará a folla de billeteira á compañía titular do espectáculo ao remate deste, e remitirá a información sobre públicos e facturación en formato electrónico, conforme o procedemento establecido pola Agadic, nun prazo non superior aos cinco días hábiles inmediatamente posteriores á celebración da actuación.

Artigo 7º.-Causas de exclusión como membro da RGTA.

As entidades integrantes da RGTA deixarán de pertencer á Rede e consideraranse excluídas para todos os efectos, logo de resolución motivada da dirección da Agadic, nos seguintes casos:

-Incumprimento das obrigas estipuladas nesta resolución.

-Inobservancia dos requisitos mínimos que deberán cumprir en todo caso os espazos escénicos integrados na RGTA.

-Incumprimento das condicións relativas aos instrumentos xurídicos que regulan as programacións, en particular no referente ás alteracións unilaterais do calendario de actuacións, dos espazos escénicos en que se desenvolve o espectáculo, do aboamento efectivo das cantidades consignadas no cadro de programación, do establecido en relación cos prezos mínimos ou das obrigas de entrega das certificacións da realización das funcións e da remisión electrónica da información sobre públicos e de facturación das compañías programadas.

Nestes casos serán causas de resolución inmediata, con independencia das indemnizacións por danos e perdas que correspondan á súa exclusión, mediante resolución motivada da dirección da Agadic, logo de informe emitido polo comité técnico.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Agadic -persoalmente ou por mediación dos órganos consultivos da RGTA- terá a facultade de exercer as funcións de control, impulso, coordinación e seguimento das actividades que se programen e desenvolvan de conformidade co previsto nesta resolución, así como da xestión dos asuntos de interese común para a RGTA.

Para realizar estas funcións poderanse artellar cantos medios estean á disposición tanto da dirección deste organismo como dos departamentos correspondentes, a fin de comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta resolución e na restante normativa vixente que resulte de aplicación.

Segunda.-As condicións de infraestrutura técnica necesarias de cada espazo para estar na RGTA son as que aparecen especificadas na Resolución do 21 de novembro de 2006 de organización e funcionamento da RGTA (DOG nº 231, do 30 de novembro):

Os espazos A deberán cumprir todas as condicións referidas á Rede A.

Os espazos B e C deberán cumprir todas as condicións referidas á Rede B.

Terceira.-Facúltase o director da Agadic para ditar as resolucións que sexan necesarias para a execución desta resolución e da normativa de desenvolvemento que derive.

Cuarta.-Esta resolución é definitiva na vía administrativa, e contra ela cabe interpoñer recurso de reposición ante o órgano que a ditou, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte á data da súa publicación do DOG, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Quinta.-Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2011.

Roberto Varela Fariña

Presidente do Consello de Dirección

da Axencia Galega das Industrias Culturais