DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Xoves, 07 de abril de 2011 Páx. 6.309

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 11 de marzo de 2011 pola que se conceden subvencións en concorrencia competitiva a proxectos de aforro e eficiencia enerxética, incluídos na convocatoria efectuada mediante Resolución do 21 de xullo de 2010 (Diario Oficial de Galicia número 143, do 28 de xullo).

Antecedentes.

1. Ao abeiro da Resolución do 21 de xullo de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a proxectos de aforro e eficiencia enerxética correspondentes ao exercicio 2010 (en diante bases reguladoras), solicitáronse subvencións entre outras nas seguintes liñas de axudas:

-Auditorías enerxéticas a industrias (AEI).

-Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en industrias (PEI).

-Estudos de viabilidade de actuacións de mobilidade urbana sustentable (VPM).

-Plans de transporte para empresas (EPT).

-Xestión de frotas de transporte por estrada (XFT).

-Auditorías enerxéticas en coxeracións (AEC).

-Estudos de viabilidade para coxeracións (EVC).

-Auditorías enerxéticas e proxectos de mellora de eficiencia enerxética no sector agrario (AGR).

2. O órgano instrutor do procedemento comprobou a totalidade de solicitudes xunto coa documentación complementaria achegada para as actuacións anteriormente descritas, e foron obxecto de requirimento de emenda todas aquelas que aparecen recollidas no anexo da Resolución do 1 de febreiro de 2011 (Diario Oficial de Galicia nº 26, do 8 de febreiro).

3. Unha vez rematado o prazo de emenda procedeuse ao estudo e avaliación dos expedientes por parte da comisión de valoración, e elaborouse unha relación coas puntuacións obtidas por cada un deles nas oito liñas de axuda sometidas a exame.

Consideracións legais.

1. Segundo o artigo 10º das bases reguladoras, o departamento de Secretaría e Servizos Xerais do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e corresponderalle ao seu director ditar a resolución de concesión ou, se for o caso, de denegación.

2. Neste procedemento só se teñen en conta aqueles feitos, alegacións ou probas aducidos polos propios interesados.

3. No artigo 14º.4 das bases reguladoras sinálase que todas as resolucións serán notificadas tal e como dispón a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e engádese a continuación: «Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59º.6 b) da indicada lei, no caso das resolucións estimatorias poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e a través do taboleiro electrónico habilitado para estes efectos na páxina web do Inega, onde se ampliará o contido individualizado da resolución. Nestas publicacións especificaranse a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada».

De acordo con todo o indicado,

RESOLVO:

Primeiro.-Conceder as subvencións para as finalidades e polos importes que se recollen no anexo desta resolución.

Segundo.-Notificar esta resolución de concesión mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Todos os beneficiarios recollidos no anexo poderán obter información detallada da súa resolución accedendo ao taboleiro electrónico de dúas formas posibles:

1ª Acceso pola páxina web do Instituto Enerxético de Galicia www.inega.es na parte dereita da portada, na opción «Taboleiro electrónico», onde, unha vez que se acceda, deberá teclearse o código electrónico que aparece na esquina inferior dereita da solicitude.

2ª Acceso a través do correo electrónico remitido a cada beneficiario, sen necesidade de teclear o código electrónico, pois enlázase directamente co taboleiro de modo que o usuario xa ten á vista os documentos que figuran no arquivo.

Terceiro.-Aquelas solicitudes que non figuren na relación de beneficiarios e que tampouco fosen obxecto de resolución denegatoria da subvención quedarán en reserva, e poderán ser atendidas no suposto de dispoñer do correspondente crédito orzamentario polos motivos expostos no parágrafo 4 do artigo 12º das bases reguladoras.

Cuarto.-En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, as persoas interesadas poderán dirixirse a esta entidade pública a través dos teléfonos 981 54 15 36/881 99 98 02/

981 54 15 37, do número de fax 981 54 15 15 ou do enderezo de correo electrónico info@inega.es

Esta resolución non esgota a vía administrativa e contra ela caberá interpoñer recurso de alzada ante o presidente do Consello de Administración do Inega, no prazo dun (1) mes a partir do día seguinte ao da notificación deste acto.

Contra a resolución ditada en alzada poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante xulgados e tribunais competentes segundo a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no seguintes prazos: dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Os interesados poderán exercer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2011.

Eliseo Diéguez García

Director do Instituto Enerxético de Galicia

Ver referencia pdf "06900D013P021.PDF"