DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Xoves, 07 de abril de 2011 Páx. 6.307

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 8 de marzo de 2011 pola que se modifican as ordes do 30 de decembro de 2010, polas que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración, respectivamente, coas entidades locais, así como cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, e se procede á convocatoria para o ano 2011.

No Diario Oficial de Galicia nº 10, do 17 de xaneiro de 2011, publicáronse a Orde do 30 de decembro de 2010 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais, e se procede á convocatoria para o ano 2011 (procedemento TR351A), e a Orde do 30 de decembro de 2010 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración, cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, e se procede á convocatoria para o ano 2011 (procedementos TR352A e TR352B, respectivamente).

No articulado de ambas as dúas ordes establécese a obriga de dispor de conta bancaria específica que se destinará exclusivamente para a xestión das axudas reguladas nas ordes, así como dispoñer dun código de conta de cotización específico, único e exclusivo para todos os traballadores contratados con cargo ás ditas ordes.

Ante diversas dificultades de carácter técnico que poderían obstaculizar o cumprimento destes requirimentos, postas de manifesto polos potenciais beneficiarios destas axudas e que poderían afectar a resolución dos respectivos procedementos é polo que, para establecer a seguridade xurídica de todas as entidades solicitantes e co fin de facilitar e axilizar a tramitación dos correspondentes procedementos administrativos, procede modificar as citadas ordes no sentido de eliminar as obrigas de dispor dunha conta bancaria e dun código de conta de cotización específicos, entendendo que é máis que suficiente, para os efectos de manter o control sobre as axudas concedidas, co mantemento da obriga de identificación en conta contable separada de todos os ingresos e gastos referidos a operacións da afectación da subvención á finalidade da súa concesión.

Con base en todo o anterior, e no uso das facultades que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Orde do 30 de decembro de 2010 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais, e se procede á convocatoria para o ano 2011.

1. Modifícase a letra b) do número 1 do artigo 7º.- Xustificación e pagamento, que queda redactado como segue:

«b) Orixinais ou copias compulsadas ou cotexadas dos partes de alta na Seguridade Social».

2. Modifícase a letra f) do número 1 do artigo 9º.- Obrigas dos/as beneficiarios/as. Revogación, que queda redactado como segue:

«f) Á identificación en conta contable separada de todos os ingresos e gastos referidos a operacións da afectación da subvención á finalidade da súa concesión».

O anterior enténdese sen prexuízo da obriga de xustificación das subvencións percibidas nos termos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e nesta norma.

3. Elimínase a letra g) do número 1 do artigo 9º.- Obrigas dos/as beneficiarios/as. Revogación.

4. Modifícase o número 3 do artigo 14º.- Contratación dos traballadores e traballadoras, que queda redactado como segue:

«As entidades darán de alta na Seguridade Social as persoas contratadas no código de conta de cotización que corresponda».

Artigo 2º.-Orde do 30 de decembro de 2010 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración, cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, e se procede á convocatoria para o ano 2011.

1. Modifícase a letra g) do número 1 do artigo 8º.- Obrigas das entidades beneficiarias. Revogación, que queda redactado como segue:

«g) Á identificación en conta contable separada de todos os ingresos e gastos referidos a operacións da afectación da subvención á finalidade da súa concesión».

O anterior enténdese sen prexuízo da obriga de xustificación das subvencións percibidas nos termos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e nesta norma.

2. Elimínase a letra h) do número 1 do artigo 8º.- Obrigas das entidades beneficiarias. Revogación.

3. Modifícase o número 3 do artigo 15º.-Contratación dos traballadores e traballadoras, que queda redactado como segue:

«As entidades darán de alta na Seguridade Social as persoas contratadas no código de conta de cotización que correponda».

4. Modifícase o número 3 do artigo 20º.- Contratación, que queda redactado como segue:

«As entidades darán de alta na Seguridade Social os axentes de emprego e unidades de apoio contratados no código de conta de cotización que corresponda».

Artigo 3º.-Esta modificación non afecta o prazo establecido nas referidas ordes para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira

Única.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2011.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar