DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Xoves, 07 de abril de 2011 Páx. 6.301

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 25 de marzo de 2011 de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento de Begonte, para a delimitación do núcleo rural complexo de Fonfría.

O Concello de Begonte remite o proxecto de modificación puntual referido, solicitando a súa aprobación definitiva, conforme o establecido polo artigo 85º.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

O proxecto, integrado por memoria, reportaxe fotográfica e planos identificados xaneiro 2010, están redactados pola consultora Otea, arquitecto Manuel E. López Vázquez, ten por finalidade a delimitación dun núcleo rural complexo e ampárase na disposición transitoria 1ª, letra e, da LOUG.

I. Antecedentes.

O Concello de Begonte dispón vixentes dunhas normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente o 3 de abril de 1997.

Con data do 19-4-2010, a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo desta CMATI emite informe previo á aprobación inicial, sinalando a obriga de recadar os informes preceptivos exixidos pola lexislación de estradas e de ambiente.

Respecto da tramitación administrativa, consta:

1. Acordo de aprobación inicial da modificación polo Concello Pleno en sesión do 9-7-2010.

2. Trámite de información pública con anuncios no DOG do 2-9-2010 e nos xornais El Progreso e La Voz de Galicia do 31-7-2010. Non se presentaron alegacións.

3. Decisión da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, do 16-3-2010, na que se declara a non necesidade de someter a modificación a evaluación ambiental estratéxica.

4. Informe favorable da Consellería de Cultura e Turismo do 1 de setembro de 2010.

5. Informe favorable da Dirección Xeral de Infraestruturas do 21-5-2010 (estrada LU-541).

6. Informe favorable da Deputación Provincial do 15-7-2010 (estrada LU-P-1702).

7. Informe da arquitecta municipal sobre a calidade técnica do documento, con data do 8-7-2010.

8. Informe da secretaria municipal do 5-7-2010 relativo á viabilidade xurídica e tramitación.

9. Acordo de aprobación provisional polo Concello Pleno na súa sesión do 4 de febreiro de 2011.

Segundo o indicado, o expediente cumpre, respecto da documentación e tramitación administrativa, requiridos polo artigo 85º da LOUG.

II. Análise e consideracións.

Analizada a documentación remitida polo Concello de Begonte mediante oficio do 17-2-2010, e á vista da proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, cómpre formular as seguintes observacións:

1. O núcleo de Fonfría aparece recoñecido no Nomenclátor das entidades de poboación da provincia de Lugo (Decreto 6/2000), así como no Nomenclátor de entidades do INE.

2. As vixentes subsidiarias de planeamento de Begonte formuláronse ao abeiro da Lei 11/1985, de adaptación da do solo a Galicia, e conteñen a delimitación de todo os núcleos rurais importantes, mais non recollen o núcleo de Fonfría.

3. Tendo en conta a modificación lexislativa operada pola Lei 2/2010, do 25 de marzo, de medidas urxentes de modificación da Lei 9/2002, no artigo 13º, a modificación delimita o lugar de Fonfría como núcleo rural complexo cunha circunscrición de solo de núcleo rural histórico tradicional de 5.200 m2 e outra de solo de núcleo rural común de 2.100 m2.

4. Cúmprense os requisitos de consolidación edificatoria mínima exixible do 50% por aplicación do artigo 23º das normas provinciais.

5. A documentación do proxecto é congruente coa súa finalidade, limitada ao establecemento dunha determinación regrada, delimitación da circunscrición dun núcleo rural, resultando equivalente á exixida para a delimitación de núcleos rurais en concellos sen planeamento (disposición adicional 2ª.2 da Lei 9/2002).

De conformidade co artigo 89º da LOUG, e o artigo 3º do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal lle corresponde ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

III. Resolución.

Con base en todo o anteriormente exposto,

RESOLVO:

Primeiro.-Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento de Begonte, para a delimitación do núcleo rural complexo de Fonfría de acordo co punto 7.a) do artigo 85º, en relación co 93º.4, da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Segundo.-De conformidade co disposto polos artigos 92º da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do Plan xeral aprobado definitivamente.

Terceiro.-Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10º e 46º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2011.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas