DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Xoves, 07 de abril de 2011 Páx. 6.299

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 24 de marzo de 2011 sobre a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Tui (Pontevedra).

I. Antecedentes.

1. Mediante Orde de 10 de abril de 2007, a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes acordou, ao abeiro do disposto no artigo 85º.5 b) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia non outorgar a aprobación definitiva ao Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Tui, instando a introdución das modificacións necesarias para emendar as deficiencias que nela se establecían.

2. Mediante Orde do 26 de xaneiro de 2011, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas acordou, ao abeiro do disposto no artigo 85º.7 a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, outorgar a aprobación definitiva, con carácter parcial, ao Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Tui, por mor da detección de certas eivas documentais e deficiencias na clasificación e cualificación de solo; interesando do Concello de Tui a introdución das modificacións necesarias tendentes a acadar a aprobación definitiva dos ámbitos deixados en suspenso nos termos sinalados no corpo da propia Orde.

3. Con data do 7 de marzo de 2011 ten entrada no rexistro da consellería o documento refundido do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Tui adaptado á Orde do 26 de xaneiro de 2011 sobre aprobación definitiva do PXOM, aprobado polo Concello Pleno con data do 2 de marzo de 2011, tras o informe-proposta emitido pola Secretaría Municipal con data do 18 de febreiro anterior; documento composto de:

Tomo I:

1. Memoria xustificativa.

2. Estudo do medio rural-Planos de información.

3. Estudo de sustentabilidade ambiental, impacto territorial e paisaxístico.

4. Estratexia de actuación e estudo económico.

Tomo II:

5. Análise do modelo de asentamento poboacional.

Tomo III:

1. Normativa urbanística.

2. Planos de ordenación urbanística.

Tomo IV:

Catálogo de patrimonio (2 tomos).

Para os efectos do cumprimento da devandita Orde do 26 de xaneiro de 2011, e en solicitude da súa aprobación definitiva, ao abeiro do disposto no artigo 85º.7 da LOUG.

II. Análise do documento e consideracións.

Logo de analizar a documentación remitida polo Concello e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, púidose observar:

II.1. Na Orde do 26 de xaneiro de 2011, de aprobación definitiva parcial do PXOM do Concello de Tui, ás áreas ou determinacións obxecto de reparos referíanse a:

II.1.1. Eivas documentais.

-Planos de ordenación nas fichas desde o código CT/03-EET222 ao código CT/03-EET792.

-Contornos de protección nos planos das fichas que van do código CT/03-EET-1 ao CT/03 -EET220.

-Completar a ficha CT/03/ARQUEO/26.

- Anulación da ficha do PERI-16 San Bartolomé-Palláns.

II.1.2. Erros na clasificación de solo.

II.1. 2.1. Solo urbano.

Ámbitos nos que non queda acreditado que acaden as características precisas, de acordo co establecido no artigo 11º da LOUG, para seren clasificados como solo urbano, atendendo ao seu grao de urbanización ou á falla de inserción na trama:

-Ámbitos dos PERI-3, PERI-4, PERI-5, PERI-6 e PERI-14.

-Terreos exteriores á delimitación do solo urbano recollida no PXOM de Tui aprobado definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo (CPU) con data 7 de outubro de 1994, concretamente os situados:

-Nas marxes da estrada PO-340 ao oeste da autovía A-55.

-Ao sur da estrada PO-340, entre a vía férrea e a autovía A-55.

II.1. 2.2. Solo de núcleo rural.

Inclúense dentro de áreas de expansión terreos que, conforme o establecido noutros puntos do artigo 32º.2 da LOUG, deben ser clasificados como solo rústico de especial protección, nos núcleos rurais de Herdeiros, Os Muíños (Pazos de Reis), O Souto (Randufe), Anta, O Carballo, Paredes (Rebordáns) e Albelos (Guillarei).

II.1. 2.3. Solo rústico.

Obriga de clasificar como solo rústico de protección de infraestruturas os terreos polos que discorre a rede de gas natural e as súas correspondentes zonas de afección.

Obriga de establecer a categoría de solo rústico dos equipamentos e espazos libres; con especial atención ás delimitacións dos espazos naturais declarados polo Decreto 72/2004 como LIC Baixo Miño e LIC Monte Aloia.

II.1.3. Outros.

Considerando a acusada topografía que presentan os ámbitos do PEI-8 (no que non se aprobou o estudo de detalle exixido para o desenvolvemento da UE-9 do PXOM de 1994; mais aprobouse definitivamente o proxecto de compensación con data do 2 de abril de 2002) e da parcela lindeira suxeita á Ordenanza 2, entre a rúa Martínez Padín e a zona verde ZV-140 e o río Tipes, nunha zona de notoria exposición visual, estímase necesaria a redacción dun plan especial de protección nos termos previstos no artigo 69º.4) da LOUG, que dea cumprimento ás determinacións establecidas no artigo 104º b) desa mesma lei.

II.2. Visto o documento refundido de Plan Xeral de Ordenación Municipal agora remitido polo Concello de Tui, e examinado o seu propio contido e as modificacións introducidas respecto do que foi obxecto da anterior orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes con data do 26 de xaneiro pasado, pode considerarse que introduce as correccións precisas para emendar as deficiencias documentais e de clasificación e cualificación do solo sinaladas no corpo da citada orde.

De conformidade co artigo 89º da LOUG, e o artigo 3º do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de Ordenación Municipal lle corresponde ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

III. Resolución.

Con base en todo o anteriormente exposto,

RESOLVO:

Primeiro.-Outorgar a aprobación definitiva ao Plan Xeral de Ordenación Municipal de Tui (Pontevedra) de acordo co punto 7 a) do artigo 85º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, nos ámbitos deixados en suspenso na anterior orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 26 de xaneiro pasado.

Segundo.-De conformidade co disposto polos artigos 92º da Lei 9/2002 e 70º da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do plan xeral aprobado definitivamente.

Terceiro.-Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10º e 46º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2011.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas