DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Mércores, 06 de abril de 2011 Páx. 6.244

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS

RESOLUCIÓN do 10 de marzo de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para o desenvolvemento e produción de contidos interactivos en lingua galega e se convocan para o ano 2011.

Resolución de 10 de marzo de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para o desenvolvemento e produción de contidos interactivos en lingua galega e se convocan para o ano 2011.

A Axencia Galega das Industrias Culturais -Agadic-, no exercicio das súas competencias de fomento e promoción no ámbito da innovación tecnolóxica e a cultura en Galicia, é consciente do peso relevante da industria de contidos interactivos para a diversidade cultural, a innovación tecnolóxica e o desenvolvemento económico da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia, considera o sector audiovisual como estratéxico, sinalando a necesidade de que se establezan instrumentos para o fomento das actividades profesionais da sociedade da información e os contidos interactivos, como estas subvencións dirixidas ao fomento do desenvolvemento e a produción de proxectos interactivos en lingua galega.

Mediante esta resolución, a Axencia Galega das Industrias Culturais establece as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para o desenvolvemento e a produción de contidos interactivos en lingua galega, co fin de fomentar o desenvolvemento das industrias culturais e das novas tecnoloxías da información na nosa comunidade autónoma e de contribuír ao cumprimento das tarefas que a Lei do audiovisual lle atribúe ao sector na normalización da lingua galega.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Por esta resolución establécense as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais para o desenvolvemento e produción de contidos interactivos en lingua galega, que se inclúen como anexo I.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas subvencións para o ano 2011.

Artigo 2º.-Financiamento e concorrencia.

1. Para a concesión das subvencións destinarase un crédito global de 210.000 euros, orzado na aplicación 11.A1.432B.770.0, dos cales 63.000 euros corresponden á anualidade de 2011 e 147.000 euros á de 2012. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31º.2 da Lei de subvencións de Galicia, e tras declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver. A alteración da distribución establecida nesta convocatoria non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

2. A axuda que se vai conceder asume a forma de subvención a fondo perdido, e o importe das subvencións reguladas nesta resolución en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas ou patrocinios concedidos por outras administracións públicas ou entes públicos, autonómicos, nacionais ou internacionais, superen o 100% do custo da actividade subvencionada que desenvolverá o beneficiario, isto sen prexuízo das particularidades e especificidades previstas para cada tipo ou modalidade de axuda, previstas nas cláusulas que seguen.

3. Non se poderán imputar os mesmos gastos aos distintos tipos de subvención previstos nestas bases. Así mesmo, os gastos subvencionados non poderán servir como xustificación a subvencións de distintas convocatorias ou que afecten varios exercicios económicos, salvo nos casos expresamente previstos nestas bases.

4. Cando os proxectos, actuacións ou actividades obxecto de subvención fosen financiados, ademais, con fondos propios ou con outras subvencións ou recursos, deberase acreditar na xustificación que se achegue o importe, a procedencia e a aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas.

5. Do mesmo xeito, e segundo as previsións contidas no artigo 27º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 43º do Decreto 11/2009, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia, o beneficiario dunha subvención da Agadic unicamente poderá subcontratar total ou parcialmente a actividade subvencionada ata o 50% do seu importe, e en ningún caso, poderá subcontratar unha única persoa física ou xurídica por máis do 25% do importe total da subvención outorgada, nin tampouco se poderán subcontratar as actividades que, aumentando o custo do proxecto subvencionado, non acheguen valor engadido ao seu contido.

6. Así mesmo, o importe da subvención non poderá exceder, xunto coas demais axudas amparadas pola cláusula de minimis percibidas polo beneficiario no último período de tres anos fiscais, o límite de 200.000 euros.

7. A axuda de minimis non se acumulará con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables, se tal acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior establecida para as circunstancias concretas de cada caso nun regulamento de exención por categorías, ou nunha decisión adoptada pola Comisión Europea.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións, deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 3º das bases reguladoras.

Artigo 4º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse preferentemente no Rexistro da Axencia Galega das Industrias Culturais, no rexistro xeral de servizos centrais da Xunta de Galicia ou por calquera dos restantes medios previstos no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 5º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

1. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

2. Para os efectos establecidos no artigo 42º.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes aos proxectos recollidos nesta resolución será de seis meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

Artigo 6º.-Prazo de xustificación das subvencións.

1. O prazo de xustificación da realización das actividades subvencionadas será entre o 1 de maio de 2012 e o 30 de xuño de 2012.

Transcorrido o prazo de xustificación sen que se presente esta ante a Agadic, requirirase ao beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de xustificación neste prazo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste punto non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 7º.-Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Galega das Industrias Culturais, a través da súa páxina web (http:// www.agadic.info) na súa epígrafe de axudas e trámites.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase a Dirección da Agadic para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2011.

Roberto Varela Fariña

Presidente do Consello de Dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento e produción de contidos interactivos en lingua galega

Artigo 1º.-Obxecto e réxime das subvencións.

1. Poderán ser obxecto de subvencións desta convocatoria os proxectos de desenvolvemento e produción de contidos dixitais interactivos en lingua galega.

Enténdense por contidos dixitais interactivos as producións constituídas por un conxunto de informacións representadas en múltiples soportes expresivos (texto, son, imaxe estática ou en movemento) codificados dixitalmente.

Admítense proxectos para a internet, televisión dixital interactiva, consolas de videoxogos e dispositivos móbiles. Non se admitirán proxectos que non sexan en rede agás para os videoxogos, nin se admitirán obras de consulta, ferramentas e servizos de software, proxectos institucionais ou webs corporativas, traducións de produtos existentes ou contidos meramente informativos.

Mediante esta actividade búscanse novos proxectos tractores do uso da sociedade da información entre a cidadanía galega, favorecer o acceso da cidadanía á rede mediante o incremento de contidos relacionados coa lingua e cultura propia, e reforzar a industria galega de produción de contidos dixitais interactivos, innovadores e de calidade, fomentando a creatividade e a innovación das ditas empresas.

2. En ningún caso se subvencionarán proxectos que difundan contidos nocivos. Para os efectos destas bases, enténdese por contidos nocivos aqueles que fan un uso esaxerado e gratuíto da violencia física, psíquica e verbal; os que non respecten o dereito das persoas, a súa propia intimidade e imaxe; e os que inculquen expresións ou testemuñas vexatorias ou lesivas pola condición persoal dos individuos.

Tamén se considerarán contidos nocivos aqueles que presenten as mulleres como inferiores en dignidade humana en función do seu xénero e como meros obxectos sexuais, así como calquera contido que incite ou banalice a violencia de xénero.

3. Poderán ser obxecto de subvencións as seguintes modalidades de proxectos:

3.1. Proxectos de desenvolvemento de contidos interactivos.

Enténdese por desenvolvemento de proxectos de contidos interactivos o conxunto de operacións previas á produción dunha obra interactiva: a adquisición de dereitos, os traballos de investigación, o deseño da estrutura, escrita e análise do guión, a selección de membros principais do equipo, identificación das ferramentas tecnolóxicas e software específico, a preparación do orzamento estimado de produción e plan financeiro, a procura de socios e coprodutores, a planificación da produción, o plan inicial de márketing e explotación da obra, etc. O importe máximo de subvención que poderán acadar este tipo de proxectos será de 12.000 euros e, en todo caso, non poderá superar o 50% dos custos do proxecto.

3.2. Proxectos de produción de contidos interactivos.

Enténdese por proxectos de produción de contidos interactivos aqueles que teñan como soporte e medio de realización as novas tecnoloxías, segundo as características enunciadas no número 1 deste artigo. O importe máximo de subvención que poderán acadar será de 60.000 euros e, en todo caso, non poderá superar o 40% dos custos do proxecto.

3.3. Cada empresa solicitante só poderá ser beneficiaria dun máximmo de dous proxectos. De xeito voluntario, o solicitante poderá facer unha prelación para os proxectos e solicitudes presentados a esta convocatoria.

4. En todos os casos, o importe que se vai xustificar será o correspondente ao total dos custos do proxecto.

5. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, e quedará suxeito ao Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87º e 88º do tratado das axudas de minimis.

6. O importe das subvencións reguladas nesta resolución en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas ou patrocinios concedidos por outras administracións públicas ou entes públicos, autonómicos, nacionais ou internacionais, superen o 100% do custo da actividade subvencionada que desenvolverá o beneficiario, isto sen prexuízo das particularidades e especificidades previstas para cada tipo ou modalidade de axuda, previstas nas cláusulas que seguen.

7. Non se poderán imputar os mesmos gastos aos distintos tipos de subvención previstos nestas bases. Así mesmo, os gastos subvencionados non poderán servir como xustificación a subvencións de distintas convocatorias ou que afecten varios exercicios económicos, salvo nos casos expresamente previstos nestas bases.

8. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao Regulamento (CE) 1998/2006 relativo ás axudas minimis (DOUE 28-12-2006), deberase garantir que no caso de recibir o beneficiario outras axudas baixo este réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 euros nun período de de tres exercicios fiscais.

Este límite aplicarase independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido. O período determinarase tomando como referencia os dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal en curso, de acordo co establecido no artigo 2º do citado regulamento.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios destas subvencións todas as persoas físicas ou xurídicas constituídas legalmente como produtoras cinematográficas e audiovisuais e empresas de servizos en internet e medios online, comunicación interactiva en novos medios, consultoría e asesoramento TIC, conectividade e integración de sistemas e desenvolvemento de sofware, domiciliadas polo menos por un ano, previo a esta convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que formen parte do acordo que establece a Área Económica Europea, e que teñan sucursal ou oficina permanente na Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de proxectos que se realicen en réxime de coprodución, distribuirase proporcionalmente o importe da subvención en función da súa porcentaxe de participación.

2. En calquera caso, a consideración dos proxectos como incentivables estará supeditada ás necesidades de apoio que se desprendan das súas condicións económico-financeiras e do seu impacto na actividade económica da comunidade autónoma.

3. Non poderán acceder ás subvencións os solicitantes que se encontren afectados por algunha das circunstancias previstas no artigo 10º.2 e 10º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Así mesmo, quedan excluídos aqueles solicitantes que fosen beneficiarios de axudas nas convocatorias de axudas da Consellería de Cultura e Turismo ou da Agadic nos dous exercicios anteriores aos desta convocatoria e imcumprisen as bases ou as finalidades establecidas nela, sempre e cando fosen sancionados por iso. As condicións exixidas no punto 1 deste artigo deberase manter durante todo o período de execución do proxecto subvencionado. A perda dalgunha destas condicións suporá a perda da condición de beneficiario e, se é o caso, o reintegro das cantidades percibidas.

5. As entidades beneficiarias non poderán ter a consideración de empresa en crise conforme o disposto no artigo 1º apartado h) do Regulamento (CE) 1998/2006, de 15 de decembro, relativo a aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado, ás axudas minimis.

Artigo 3º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indiquen na convocatoria.

2. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación administrativa obrigatoria:

a) Acreditación suficiente da representación que exerza a persoa solicitante na empresa, mediante poder notarial debidamente inscrito no Rexistro Mercantil, se é o caso.

b) Copia compulsada ou cotexada do documento público da constitución legal da empresa e inscrición no Rexistro Mercantil na Comunidade Autónoma de Galicia, ou rexistro similar no Estado de orixe, se é o caso.

c) Copia compulsada ou cotexada da tarxeta de identificación fiscal, se é o caso.

d) Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe e subepígrafe que corresponda (produtora audiovisual ou empresa de servizos citada no artigo 3º destas bases), no exercicio actual.

e) Memoria da empresa, conforme o modelo recollido no anexo V.

f) Documentación compulsada ou cotexada e acreditativa de que o proxecto é obra orixinal e/ou de posuír os dereitos suficientes do guión, obra literaria ou calquera outro medio que requira a obtención de dereitos ou opción de compra sobre eles.

g) Declaración comprensiva de todas as axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade das administracións públicas competentes ou doutros entes públicos, así como das axudas solicitadas ou concedidas en réxime de minimis, durante os dous exercicios fiscais anteriores, e o exercicio actual, ou, de ser o caso, declaración de que non solicitou ou percibiu outros ingresos ou subvencións.

h) Certificación orixinal expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta onde se debe realizar o pagamento, na que conste: ordinal bancario, código de banco, código da sucursal e código da conta corrente.

i) Declaración de non ter a consideración de empresa en crise conforme o disposto no artigo 1º punto h) do Regulamento (CE) 1998/2006, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado, ás axudas minimis.

O/A solicitante dará o seu consentimento expreso para a comprobación telemática do DNI ante o Ministerio da Presidencia segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización dos medios electrónicos. No caso de que o solicitante non queira autorizar a Axencia Galega das Industrias Culturais para obter os datos do seu DNI, terá que achegar a copia do mesmo xunto co resto da documentación.

3. Ademais da documentación anterior, achegaranse cinco exemplares coa seguinte documentación técnica:

3.1. Nos proxectos de desenvolvemento:

a) Nome do proxecto.

b) Tipo de proxecto:

-Internet,

-Televisión dixital interactiva,

-Videoxogos,

-Dispositivos móbiles.

c) Memoria explicativa do proxecto.

d) Historial creativo, profesional e financeiro da empresa produtora.

e) Relación dos membros do equipo técnico-artístico, con cartas de interese que acrediten a súa participación no proxecto.

f) Cronograma do proceso de desenvolvemento do proxecto.

g) Orzamento desagregado do proxecto de desenvolvemento.

h) Calquera outra documentación que o solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.

3.2. Nos proxectos de produción:

a) Nome do proxecto.

b) Tipo de proxecto: internet, televisión dixital interactiva, videoxogos e dispositivos móbiles.

c) Memoria explicativa do proxecto.

d) Historial creativo, profesional e financeiro da empresa produtora.

e) Relación dos membros do equipo técnico-artístico, con cartas de interese que acrediten a súa participación no proxecto.

f) Cronograma de produción: calendario de produción, mantemento e seguimento.

g) Orzamento desagregado do proxecto de produción.

h) Calquera outra documentación que o solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.

i) Documentación técnica do proxecto:

-Sinopse.

-Aspectos gráficos e estilísticos.

-Tratamento.

-Interface.

-Controis do xogo (só para os xogos).

-Identificación dos procesos de transcoding (para móbiles).

-Personaxes (só para aqueles proxectos de animación non convencional ou xogos).

-Obxectos (só para os xogos).

-Diagrama de navegación do proxecto.

-Estrutura do proxecto.

-Fases e pantallas do proxecto.

-Linguaxe de programación e estándares utilizados.

-Licenzas utilizadas e licenzas dos produtos finais.

-Nivel de accesibilidade W3C-WAI (proxectos da internet).

j) Plan de financiamento, con expresión das contribucións doutras entidades, organismos ou institucións e documentalmente acreditado: acordos de coprodución, prevendas ou cartas de compromiso, no seu defecto, que inclúan a porcentaxe e o importe das súas participacións.

k) Calquera outra documentación gráfica ou interactiva que o solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.

A documentación técnica citada poderá ser entregada en soporte papel, CD-Rom ou en memoria USB. En calquera dos soportes que se presenten deberán figurar os mesmos ficheiros e con igual contido. Todos os ficheiros deberán incorporar un índice do seu contido. Os formatos dos ficheiros poderán ser PDF ou Excel. Se se inclúen ficheiros con fotografías ou debuxos, serán en formato JPG. Os servizos administrativos da Agadic comprobarán, antes da súa remisión á comisión, que os arquivos son lexibles.

4. A documentación técnica dos proxectos que non fosen subvencionados poderá ser retirada por petición dos solicitantes no prazo de tres meses a partir da data da resolución de adxudicación. En todo caso, transcorrido o dito prazo, esta documentación será destruída co obxecto de garantir a confidencialidade dos datos.

Artigo 4º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. De conformidade co artigo 20º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización ao director da Agadic para solicitar as certificacións de non ter débedas coa Administración pública da comunidade autónoma, así como de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social. Estes requisitos deberán acreditarse, de ser o caso, antes de efectuar a proposta de resolución, así como da tramitación dos pagamentos, ao abeiro do disposto nos artigos 20º.4 e 31º.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, respectivamente.

Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puidesen ser obtidos polo órgano xestor, poderánselle requirir ao interesado.

2. De conformidade co artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Agadic publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

3. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

Artigo 5º.-Órganos competentes.

A Dirección da Agadic será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións, correspondéndolle á Presidencia do Consello de Dirección da Agadic ditar a resolución de concesión da subvención.

Artigo 6º.-Instrución dos procedementos.

1. De conformidade co establecido no artigo 20º.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requiriráselle o interesado que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir o solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e acheguen a documentación administrativa necesaria, a documentación técnica será remitida á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na que se indicarán as causas desta.

Artigo 7º.-Comisión de valoración.

1. Para a avaliación dos proxectos presentados constituirase unha comisión de valoración que será nomeada polo presidente do Consello de dirección da Agadic, e que será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A comisión de valoración estará formada por expertos independentes nomeados polo presidente do Consello de Dirección da Agadic e será presidida polo seu director ou persoa en quen delegue. Da comisión formarán parte catro vogais, profesionais de recoñecido prestixio nas diferentes áreas e funcións dos contidos interactivos, actuando como secretario unha persoa designada polo director da Agadic, pertencente ao cadro de persoal da Agadic con voz e sen voto.

Os membros das comisións de expertos declararán por escrito non ter relación cos solicitantes ou, se é o caso, cos partícipes das persoas xurídicas solicitantes na correspondente convocatoria anual.

3. As decisións do comité de expertos especificarán a avaliación que lles corresponde en aplicación dos criterios de avaliación e asignarán as cantidades específicas para cada proxecto, ata esgotar o crédito dispoñible, e respectando as porcentaxes máximas de investimento subvencionable en función das diferentes modalidades e posibilidades de financiamento.

4. A asignación dos importes das subvencións realizarase, separadamente para cada modalidade, de forma proporcional á puntuación recibida por cada proxecto, con atención as contías máximas establecidas no artigo 1º.

Artigo 8º.-Criterios de valoración.

Na valoración realizada pola comisión de valoración teranse en conta os seguintes criterios (máximo 100 puntos):

a) A calidade, creatividade e orixinalidade do proxecto: ata 20 puntos.

b) O grao de innovación tecnolóxica e singularidade do proxecto: ata 10 puntos.

c) A contribución ao desenvolvemento de contidos dixitais relacionados coa lingua e cultura galega: ata 10 puntos.

d) O relativo á accesibilidade, á interoperabilidade, á utilización de estándares abertos e o compromiso de liberar a totalidade ou parte dos contidos mediante licenzas tipo creative commons ou copy left que garantan o acceso público a eles: ata 10 puntos.

e) A viabilidade do proxecto (cobertura acreditada do financiamento, distribución, plan de comercialización e amortización, etc): ata 15 puntos.

f) A participación de responsables de equipos técnico-artísticos ou empresas de servizos galegas e a contribución ao fomento do emprego nos sectores audiovisual e TIC en Galicia: ata 15 puntos.

g) Historial creativo e potencial da empresa para levar adiante o proxecto: ata 10 puntos.

h) Historial do equipo técnico-artístico principal: ata 10 puntos.

Artigo 9º.-Resolución e notificación.

1. A comisión de valoración formulará a proposta de resolución, que se enviará, a través do órgano instrutor, á presidencia do Consello de Direción da Agadic.

2. A Presidencia do Consello de Dirección da Agadic ditará, no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución, a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada, e expresará, cando menos, o proxecto que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía, ou, se é o caso, a causa da denegación.

3. O prazo máximo para resolver e notificarlle a resolución ao interesado será de seis meses contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59º.6 b) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web www.agadic.info.

Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

Artigo 10º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente resolución de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Presidencia do Consello de Dirección da Agadic, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación ou publicación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 11º.-Modificación da resolución.

A alteración substancial das condicións definitorias do proxecto consideradas para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, que non estivesen recollidas no plan de financiamento presentado en cumprimento do artigo 3º destas bases reguladoras poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 12º.-Aceptación e renuncia.

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos dez días hábiles desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

A renuncia á subvención poderá facerse axustándose ao modelo que se inclúe como anexo III, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que se comunicase a renuncia, a dirección da Agadic ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42º.1 o da devandita lei.

Artigo 13º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Sen prexuízo das obrigas dispostas no artigo 11º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das subvencións quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o que foron concedidos.

2. As producións subvencionadas deberán axustarse fielmente ao proxecto presentado. Calquera alteración relevante do proxecto, cambio de título, modificación substancial de contidos ou trocos nos responsables do equipo técnico deberalle ser notificada con anterioridade á Axencia Galega das Industrias Culturais, que adoptará as medidas que considere procedentes.

3. Os beneficiarios deberanlle comunicar á Axencia Galega das Industrias Culturais a data de inicio e finalización da produción subvencionada, que deberán estar comprendidas dentro do período subvencionable, así como da súa estrea, nun prazo non inferior aos quince días anteriores ou posteriores ás datas de referencia.

4. Na futura documentación do proxecto (materiais de promoción e distribución) e nos títulos de crédito da produción resultante, páxina web... farase constar que recibiu unha subvención ao desenvolvemento ou produción por parte da Axencia Galega das Industrias Culturais, seguindo a normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

5. Os beneficiarios danlle autorización expresa á Axencia Galega das Industrias Culturais para a utilización da produción subvencionada nas súas actividades de promoción e difusión.

6. Os beneficiarios deberán enviar unha ficha do proxecto debidamente cuberta para a súa publicación na páxina web da Agadic, segundo o modelo do anexo IV.

Artigo 14º.-Xustificación da subvención.

1. O beneficiario deberá presentar no Rexistro da Axencia Galega das Industrias Culturais, tendo de prazo ata a data indicada na correspondente convocatoria, a conta xustificativa da realización do proxecto subvencionado, que conterá:

1.1. Para os proxectos de desenvolvemento:

a) Unha copia do proxecto cos contidos en galego.

b) Unha demo interactiva co borrador do proxecto desenvolvido.

c) O contrato definitivo co guionista ou guionistas.

d) Xustificante, orixinal ou compulsado de inscrición do proxecto no Rexistro de Propiedade Intelectual.

e) Memoria explicativa dos contactos realizados durante a fase de desenvolvemento, situación actual e evolución do proxecto, cunha extensión mínima de cinco páxinas.

f) Un exemplar do plano de produción.

g) Un exemplar do plan de financiamento coas diferentes entradas comprometidas ou en negociación, debidamente xustificadas.

1.2. Para os proxectos de produción:

a) Dúas copias da produción resultante en galego (DVD-ROM).

b) O enderezo web do proxecto e un DVD con capturas de pantalla e o mapa web.

1.3. Tanto para desenvolvemento como para produción:

Memoria xustificativa, que conterá:

a) Memoria descriptiva das actuacións realizadas.

b) Relación numerada e ordenada por capítulos de gastos que inclúan o número de documento, identificación do acredor, o importe e a data de emisión, a suma parcial (folla por folla) e a suma do total da relación de gastos, excluído o IVE. A relación poderá ser enviada en soporte papel, soporte CD-ROM ou en memoria USB. O modelo deberá descargarse na páxina web da Agadic www.agadic.info.

c) Facturas ou documentos, orixinais ou compulsados, de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa, e documentos xustificativos do seu pagamento, orixinais ou compulsados, incorporados na mesma orde que na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior.

d) Contratos laborais, mercantís e relativos á adquisición de dereitos.

e) Xustificantes do ingreso na Facenda pública das cantidades retidas a conta do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas correspondentes aos contratos formalizados, de acordo cos porcentaxes de retención legalmente establecidos, así como, se é o caso, os xustificantes de pagamento das cotas de seguridade social correspondentes a os ditos contratos.

f) Facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa e, se é o caso, contratos, que acrediten os custos de servizos, suministracións e calquera outra prestación que non sexa de persoal contratado directamente pola empresa produtora, así como o xustificante de ter efectuado a declaración das facturas ante a Facenda pública nos casos en que así o exixa a súa normativa específica.

g) Billetes, facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, xustificativos dos gastos de viaxes e desprazamentos.

En todo caso deberá enviarse a documentación xustificativa do pagamento. Non se terán en conta os pagamentos en efectivo.

2. Declaración actualizada sobre subvencións solicitadas, percibidas ou concedidas e pendentes de percepción para o mesmo obxecto por outras administracións públicas, así como declaración das axudas concedidas en réxime de minimis durante os dous últimos exercicios, fiscais, e durante o exercicio fiscal en curso, ou ben declaración de que a información facilitada ao respecto na solicitude non sufriu variacións desde a data da súa presentación.

4. O beneficiario poderá xustificar ata un máximo do 15% do gasto executado en concepto de gastos de amortización de instalacións, equipos e maquinaria directamente relacionados coa realización do proxecto obxecto da subvención, de duración superior a un exercicio anual, de acordo coas seguintes normas:

-Amortización de material informático e audiovisual: poderá realizarse durante os tres anos sucesivos á súa adquisición. Para o cálculo do importe que se amortizará dividirase o custo do ben entre 36 meses e o resultado multiplicarase polo número de meses que dure a produción. Para que se poidan aboar os gastos, será imprescindible a posesión da correspondente factura orixinal de compra dos bens que se pretendan amortizar.

-Amortización de instalacións: enténdese por instalación o lugar onde se realiza a produción. Período de amortización: 20 anos. Non deben transcorrer máis de 20 anos desde a construción ou adquisición do elemento que se vai amortizar. Deberán acompañar a amortización a copia do título de propiedade ou escritura de compra, o certificado do responsable da entidade de que a obra non se realizou con subvención ningunha de calquera Administración. Só será amortizable a parte proporcional, en metros cadrados, utilizada na produción. Fórmula: porcentaxe utilizada do importe da compra ou do importe da obra/240 meses = custo mensual. (custo mensual) × (número de meses de produción) = importe amortización. Non se amortizarán en ningún caso instalacións construídas ou adquiridas con anterioridade a 20 anos, contados desde a resolución de concesión da subvención.

Artigo 15º.-Pagamento.

1. Tras a resolución de concesión, a Agadic aboará o 30% da contía concedida a aqueles que obtiveron a condición de beneficiarios. Para facer efectivo o pagamento, o beneficiario deberá enviar unha declaración de axudas nos termos establecidos no artigo 14º.3, e unha memoria do estado de execución do proxecto.

2. O 70% restante será aboado tras o cumprimento dos requisitos enumerados no artigo 14º destas bases.

Artigo 16º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes, nos supostos previstos no artigo 33º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17º.-Control.

1. Os solicitantes e beneficiarios quedan sometidos ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, ou polo Consello de Contas ou Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.

2. Ademais, deberanlle facilitar ao director da Axencia Galega das Industrias Culturais toda a información e documentación complementaria que esta considere precisa para a concesión ou aboamento do importe da subvención.

Artigo 18º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases, haberá que aterse ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no Regulamento (CE) 1998/2006 da comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87º e 88º do tratado das axudas de minimis, e na restante normativa que resulte de aplicación.

Antonio Fernández-Campa García-Bernardo

Secretario xeral Técnico da Consellería de Cultura e Turismo

Ver referencia pdf "06800D010P108.PDF"