DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Mércores, 06 de abril de 2011 Páx. 6.145

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FACENDA

DECRETO 60/2011, do 17 de marzo, polo que se desenvolve a estrutura organizativa do Consello Galego da Competencia.

A aprobación da Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia polas Cortes Xerais supuxo non só a creación da Comisión Nacional de la Competencia, como órgano único da Administración xeral do Estado para promoción e defensa da competencia en España, senón que tamén modernizou a regulación española de libre competencia, recoñecéndolle ao citado organismo novas atribucións para garantir o bo funcionamento dos procesos do mercado.

Ao mesmo tempo, recoñece de xeito expreso as competencias executivas atribuídas ás comunidades autónomas na promoción e defensa da competencia, ás que se atribúen, así mesmo, novas e importantes funcións no marco da defensa da libre competencia.

O novo marco normativo aconsellaba a actualización do sistema galego de defensa e promoción da competencia. Por esta razón, a Lei 1/2011, do 28 de febreiro, crea un órgano único, o Consello Galego da Competencia, co obxecto de asignar as novas funcións recoñecidas ás comunidades autónomas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, para preservar, garantir e promover a existencia dunha competencia efectiva nos mercados, no ámbito da nosa comunidade autónoma, na perspectiva de conseguir a máxima eficiencia económica e a protección e aumento do benestar dos consumidores/as.

A Lei reguladora do Consello Galego da Competencia, na súa disposición derradeira primeira, autoriza expresamente o Consello da Xunta de Galicia a desenvolver regulamentariamente a lei, por proposta do conselleiro ou conselleira competente en materia de facenda. Este decreto desenvolve a estrutura organizativa do novo organismo galego, para facelo máis eficiente na aplicación executiva no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia da Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia.

Polo tanto, por proposta da conselleira de Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezasete de marzo de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Órganos do Consello Galego da Competencia.

1. De acordo co establecido no artigo 18º da Lei 1/2011, do 28 de febreiro, reguladora do Consello Galego da Competencia, son órganos do Consello Galego da Competencia:

a) O presidente ou presidenta do consello, que realiza tarefas de dirección, coordinación e representación deste, e preside o Pleno do Consello.

b) O Pleno do Consello, órgano máximo de resolución e decisión formado polo presidente ou presidenta e dous vogais.

c) A Subdirección de Investigación, encargada da instrución de expedientes e da preparación de informes relativos ás condutas prohibidas pola Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia e ao control de concentracións a que se refire o artigo 4º da citada lei.

2. A Secretaría Xeral do Consello Galego da Competencia, con rango de subdirección xeral, desenvolverá as funcións que establece o artigo 26º.2 da Lei 1/2011, do 28 de febreiro.

Artigo 2º.-Da presidencia e as súas funcións.

1. O presidente ou presidenta do Consello Galego da Competencia, que o será tamén do Pleno do Consello Galego da Competencia, exercerá as funcións de dirección e representación desta, de acordo co previsto no artigo 21º da Lei. Así mesmo é o órgano competente para:

a) Propor ao Pleno do Consello Galego da Competencia o nomeamento e cesamento do secretario do Pleno.

b) Aprobar os gastos e ordenar os pagamentos da institución e efectuar a rendición de contas do organismo.

c) Instar a secretaría xeral a realización de informes, estudos e traballos de investigación.

d) Propor ao Pleno do Consello Galego da Competencia os plans anuais ou plurianuais de actuación nos que se definan os obxectivos e prioridades do Consello Galego da Competencia.

e) Presentar ao Pleno do Consello Galego da Competencia para a súa aprobación o anteproxecto de orzamentos do organismo.

f) Ser órgano de contratación do organismo.

g) Asinar, no ámbito das súas competencias, convenios con entidades públicas e privadas, logo de autorización do Pleno do Consello Galego da Competencia.

h) Propor aos órganos competentes, logo de acordo do Pleno, as modificacións da estrutura orgánica e da relación de postos de traballo do Consello Galego da Competencia.

i) Exercer todas aquelas funcións non atribuídas expresamente a outros órganos do Consello Galego da Competencia.

2. O presidente ou presidenta do Consello Galego da Competencia poderá delegar as súas competencias ou a sinatura, de acordo co previsto nos artigos 6º e 11º da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 3º.-Réxime de funcionamento do Pleno.

O Pleno designará, para cada asunto do que deba coñecer, un relator ou relatora, que poderá ser un dos vogais ou o presidente ou presidenta, que efectuará as propostas que correspondan para adoptar a decisión colexiadamente. Cando a complexidade do asunto así o aconselle, a condición de relator ou relatora pode ser desempeñada por máis dun membro do Pleno.

Artigo 4º.-Réxime retributivo dos/das vogais.

1. De acordo co previsto no artigo 22º da Lei 1/2011, do 28 de febreiro, o cargo de vogal do Consello Galego da Competencia non exixe dedicación absoluta e, polo tanto, os/as vogais non percibirán retribucións periódicas de clase ningunha polo desenvolvemento da súa función.

2. Os/as vogais percibirán compensacións económicas por cada acto xurídico ditado, pola súa asistencia ás sesións do Pleno e pola elaboración dos traballos que lles encomende o/a presidente/a. Estas compensacións axustaranse ás previsións orzamentarias do organismo para cada exercicio e diferenciaranse, no caso de que actúen en condición de relatores/as, en función da complexidade do asunto, de acordo cos criterios que se establecen no punto seguinte.

3. As compensacións económicas a percibir polos/as vogais serán:

a) Por asistencia ao Pleno será de 200 euros.

b) Por resolucións de procedementos con proposta de sanción ou proposta de terminación convencional; recomendacións dirixidas ás administracións públicas, informes ou estudos encargados polo Pleno, todo isto no ámbito do previsto na lei, o/a vogal que actúe como relator/a percibirá unha compensación económica de 800 euros.

c) No caso de resolucións doutro tipo, a compensación económica asignada ao relator ou relatora será de 400 euros.

d) En ningún caso as retribucións brutas anuais de cada un dos vogais poderá superar os 10.000 euros.

Artigo 5º.-Da Secretaría do Pleno.

1. O Pleno nomeará, por proposta do presidente/a do Consello Galego da Competencia, un secretario, que realizará as funcións previstas no artigo 18 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. En particular, auxiliará o presidente e os vogais na preparación das sesións do Pleno, ás que asistirá con voz pero sen voto, e velará pola legalidade dos actos e acordos que se sometan a este, coidando da observancia dos prazos e trámites dos procedementos.

O secretario ou secretaria do Pleno será un funcionario ou funcionaria do corpo superior da Administración da Xunta de Galicia, con titulación de licenciado/a en dereito, que poderá ser o secretario ou secretaria xeral do organismo. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade, o secretario ou secretaria do Pleno será substituído temporalmente por quen designe o presidente.

Artigo 6º.-Da Subdirección de Investigación e as súas funcións.

1. A Subdirección de Investigación é o órgano encargado da instrución dos expedientes previstos na Lei 1/2011, do 28 de febreiro, reguladora do Consello Galego da Competencia, podendo exercer todas as competencias que la Lei 15/2007, do 3 de xullo, atribúe ao órgano encargado da investigación e as que lle son expresamente recoñecidas no artigo 25º da Lei 1/2011, do 28 de febreiro.

2. O subdirector/a de Investigación poderá delegar as súas competencias ou a sinatura, de acordo co previsto nos artigos 6º e 11º da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Disposición derrogatoria

Única.-Derrógase o Decreto 20/2005, do 3 de febreiro, de desenvolvemento da Lei 6/2004, do 12 de xullo, reguladora dos órganos de defensa da competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Consellería de Facenda ditará as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de marzo de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda