DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Mércores, 06 de abril de 2011 Páx. 6.142

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FACENDA

DECRETO 59/2011, do 17 de marzo, polo que se mofica o Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda.

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, nos seus artigos 25º.2 e 29º, regula as secretarías xerais técnicas como órganos de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma, modificando, así, a denominación das anteriores secretarías xerais das consellerías, co obxecto de distinguilas doutras unidades, denominadas igual, que pasan a ser órganos superiores da Administración. En aplicación destes preceptos aprobouse o Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, polo que se procede agora que cada consellería adapte a denominación da súa respectiva secretaría xeral no seu decreto de estrutura orgánica.

Na referida Lei 16/2010 figura no seu artigo 26º a consideración das secretarías xerais como órganos superiores da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, polo que resulta conveniente modificar a denominación «Secretaría Xeral da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa», con nivel orgánico de subdirección xeral, por «Secretaría da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa». Consecuentemente, débese modificar a denominación que deste posto figura en distintos preceptos do Decreto 237/2007, do 5 de decembro, polo que se crea a Xunta Consultiva de Contratación Administrativa da Comunidade Autónoma de Galicia e se regulan a súa composición e funcións.

Así mesmo, no artigo 32º do dito texto legal establécese a denominación das vicesecretarías xerais, en lugar da que figura na vixente estrutura da consellería de «Vicesecretaría Xeral Técnica», polo que procede modificar neste aspecto os correspondentes preceptos.

Coa finalidade de recoller as facultades de control establecidas no título III da devandita Lei 16/2010, do 17 de decembro, referidas ás entidades instrumentais do sector público autonómico, procede modificar as funcións de determinados servizos e subdireccións xerais da Dirección Xeral de Orzamentos recollidas no Decreto 307/2009, do 28 de maio: as do Servizo de Programas Orzamentarios do Servizo Galego de Saúde, as da Subdirección Xeral de Control Orzamentario do Gasto e do seu Servizo de Análise de Plans e Proxectos, e as da Subdirección Xeral de Custos de Persoal; así como, en consecuencia, cambiar a denominación da primeira das subdireccións xerais mencionadas por «Subdirección Xeral de Programación Financeira do Sector Público Autonómico e de Seguimento de Políticas de Gasto», e a do seu servizo por «Servizo de Seguimento de Políticas de Gasto».

En aplicación do artigo 36º da citada Lei 16/2010, tamén procede modificar as referencias ás unidades administrativas, denominación que só procede aplicar ás unidades de nivel inferior a servizo.

Por outra banda, en concordancia cos cambios estruturais e competenciais derivados da Lei pola que se crea o Consello Galego da Competencia, procede incorporar o novo organismo autónomo á relación de entidades adscritas á consellería, en substitución do anterior Tribunal Galego de Defensa da Competencia; así como modificar a denominación e funcións da actual Subdirección Xeral de Apoio Técnico Xurídico e Defensa da Competencia, cuxas competencias en materia de competencia pasan á nova Subdirección de Investigación do organismo autónomo.

De acordo co exposto, por proposta da conselleira de Facenda, cos preceptivos informes favorables e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezasete de marzo de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda.

1.-Modifícase o punto 2 do artigo 2º, que queda redactado como segue:

«2. Adscríbense á Consellería de Facenda as seguintes entidades:

-Instituto Galego de Estatística, organismo autónomo de carácter administrativo que se axustará, canto aos seus fins, estrutura e funcionamento, ao previsto na Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, e as normas que a desenvolven.

-Consello Galego da Competencia, organismo autónomo de carácter administrativo creado pola Lei 1/2010, do 23 de febreiro, reguladora do Consello Galego da Competencia.

-Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (CIXTEC), ente de dereito público creado pola disposición adicional quinta da Lei 2/1998, do 8 de abril.

-Consello Económico e Social de Galicia, ente institucional de dereito público, órgano consultivo da Xunta de Galicia en materia socioeconómica, creado pola Lei 6/1995, do 28 de xuño».

2.-Modifícase o punto 1 do artigo 5º, que queda redactado como segue:

«1. Para o exercicio das súas competencias, a Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio estrutúrase nos órganos de dirección previstos nos artigos seguintes, que realizarán as funcións que para cada un deles se sinala, sen prexuízo daqueloutras que dentro do seu ámbito se lle asignen:

-A Vicesecretaría Xeral.

-A Subdirección Xeral do Patrimonio.

-A Subdirección Xeral de Apoio Técnico-Xurídico.

-A Subdirección Xeral de Xestión Económica Patrimonial do Sector Público Empresarial.

-A Secretaría da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa».

3.-Modifícase o artigo 6º.1 da sección segunda do capítulo II do título II, que queda redactada como segue:

«Sección segunda

A Vicesecretaría Xeral

Artigo 6º.-Funcións e estrutura.

1. A Vicesecretaría Xeral, con nivel orgánico de subdirección xeral, exercerá as seguintes funcións:

-Prestar asistencia ao/á secretario/a xeral técnico/a e do Patrimonio en cantos asuntos este/a lle encomende para a coordinación dos servizos.

-Coordinar a elaboración do anteproxecto de orzamentos da consellería, propoñer as actuacións concernentes ao réxime interno dos servizos da consellería e cantas disposicións afecten o seu funcionamento».

4.-Modifícase a sección cuarta do capítulo II do título II, que queda redactada como segue:

«Sección cuarta

A Subdirección Xeral de Apoio Técnico-Xurídico

Artigo 8º.-Funcións e estrutura.

1. A Subdirección Xeral de Apoio Técnico-Xurídico exercerá as seguintes funcións:

-Dirixir e supervisar o exercicio das funcións atribuídas ao Servizo Técnico-Xurídico.

-Prestar apoio administrativo e técnico-xurídico e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón desta competencia pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio.

2. Contará co seguinte órgano de apoio, con nivel orgánico de servizo:

O Servizo Técnico-Xurídico, que exercerá as seguintes funcións:

-Informe e tramitación de todos os proxectos de disposición de carácter xeral que elaboren os distintos centros directivos da consellería, das compilacións, refundicións de normas e das publicacións e, en xeral, de todos aqueles asuntos que por razón da súa competencia lle sexan encomendados pola Subdirección Xeral de Apoio Técnico-Xurídico.

-Estudo e tramitación dos recursos e reclamacións presentados contra os actos emanados da consellería cando a súa resolución non estea atribuída a outros órganos desta, así como a preparación e o informe dos asuntos que se teñan que elevar ao Consello da Xunta de Galicia e o traslado dos seus acordos.

-A coordinación da publicación de toda clase de disposicións e actos administrativos ditados polos órganos da consellería que deban ser publicados no Diario Oficial de Galicia».

5.-Modifícase o título da sección sexta do capítulo II do título II e o artigo 10º, que quedan redactados como segue:

«Sección sexta

A Secretaría da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa

Artigo 10º.-Funcións e estrutura.

1. A Secretaría da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa, con nivel orgánico de subdirección xeral, exercerá as seguintes funcións:

-Estudar, elaborar e someter á consideración do Pleno da Xunta Consultiva e da Comisión Permanente, en ambos os casos a través da presidencia, as propostas de acordo en relación cos asuntos e expedientes da súa respectiva competencia.

-Redactar as actas das sesións e exercer as funcións propias das secretarías dos órganos colexiados previstas na normativa de procedemento administrativo.

-O control do Rexistro Xeral de Contratistas e calquera que lle atribúan as disposicións vixentes.

2. Contará co seguinte órgano de apoio, con nivel orgánico de servizo:

O Servizo de Apoio Técnico e do Rexistro Xeral de Contratistas realizará funcións de colaboración e apoio á secretaría, tanto de índole técnica como administrativa. En particular, corresponderalle o mantemento e a xestión do Rexistro Xeral de Contratistas e a ordenación e arquivo da documentación da Xunta Consultiva, así como as tarefas administrativas de trámite que se lle encomenden».

6.-Modifícase o artigo 19º.2.1.2, que queda redactado como segue:

«2.1.2. Servizo de Programas Orzamentarios do Servizo Galego de Saúde, que exercerá as seguintes funcións:

-Obtención, análise e agregación dos datos, antecedentes, informes e estatísticas necesarias para a elaboración dos proxectos do orzamento de gastos do Servizo Galego de Saúde.

-Recepción, informe e tramitación dos acordos sobre modificacións orzamentarias dos programas sanitarios.

-Elaboración e cifraxe dos programas integrados no orzamento do Servizo Galego de Saúde, con especial atención aos respectivos conceptos de transferencias e investimentos.

-Análise e proposta das modificacións dos programas de gasto integrados no Servizo Galego de Saúde e na Consellería de Sanidade.

-Seguimento e informe das políticas de gasto sanitario que desenvolva a comunidade autónoma agás o capítulo I».

7.-Modifícase o artigo 19º.2.3, que queda redactado como segue:

«2.3. A Subdirección Xeral de Programación Financeira do Sector Público Autonómico e de Seguimento de Políticas de Gasto, que terá encomendado o desenvolvemento das actuacións precisas para regrar e coordinar a programación financeira dos entes instrumentais da Administración autonómica, así como para o seguimento da execución e cumprimento dos obxectivos orzamentarios co obxecto de poder analizar a repercusión financeira, a eficacia e a eficiencia das distintas políticas de gasto. En particular desenvolverá as seguintes funcións:

-A análise e seguimento do orzamento de gastos, así como a elaboración dos informes, estudos e propostas precisas para o control da estabilidade orzamentaria.

-Análise da incidencia e a avaliación económica das diferentes políticas orzamentarias de gasto.

-Análise e seguimento da actuación financeira das entidades que integran o sector público autonómico e demais entes instrumentais dependentes da comunidade autónoma, así como a coordinación e sistematización dos orzamentos de explotación e de capital das devanditas entidades.

-Deseño, control e informe dos plans de investimento, actuacións e financiamento ou documentos análogos e complementarios dos entes instrumentais, avaliando a súa proxección no medio prazo e a incidencia na consecución dos obxectivos que figuren nos diferentes programas dos orzamentos xerais da comunidade autónoma en que incidan.

-Análise dos obxectivos, indicadores e actuacións das entidades que integren o sector público autonómico, da súa coherencia coas políticas de gasto e avaliación da súa incidencia orzamentaria mediante un sistema de seguimento de programas.

-Estudo da distribución territorial dos proxectos de investimento recollidos e/ou financiados polos orzamentos xerais da comunidade autónoma.

Para o exercicio das súas funcións, a Subdirección Xeral de Programación Financeira do Sector Público Autonómico e de Seguimento de Políticas de Gasto contará co seguinte órgano de apoio:

O Servizo de Seguimento de Políticas de Gasto, que exercerá as seguintes funcións:

-O estudo dos proxectos de investimentos en que se concretan as partidas orzamentarias de capital, das súas repercusións financeiras e do seu financiamentos, do seu efecto sobre a estabilidade orzamentaria e da súa coherencia co conxunto do investimento público autonómico.

-A análise e seguimento dos obxectivos e indicadores fixados polos centros xestores de gasto nos seus orzamentos, así como da execución das dotacións que lles foron asignadas, co obxecto de contrastar a eficacia e eficiencia das diferentes políticas de gasto e proporcionar información para a elaboración de orzamentos futuros.

-Actuacións relativas aos plans de investimento, actuacións e financiamento ou documentos equivalentes dos entes que integran o sector público autonómico, que se encomenden á subdirección.

-Apoio á subdirección xeral noutras materias da súa competencia».

8.-Modifícase o artigo 19º.2.4, que queda redactado como segue:

« 2.4. A Subdirección Xeral de Custos de Persoal exercerá as competencias legalmente atribuídas á consellería competente en materia de facenda, referente a custos derivados de medidas relativas ás retribucións do persoal ao servizo do sector público autonómico e da dotación de postos de traballo dos órganos da Administración. Para tal efecto, correspóndelle en particular:

-A análise, seguimento e cuantificación dos custos de persoal para a proposta de inclusión nos orzamentos xerais da comunidade autónoma.

-O deseño das políticas de custos de persoal e dos criterios xerais de aplicación das retribucións, dentro das competencias atribuídas á Dirección Xeral de Orzamentos.

-A elaboración, seguimento e análise da execución do capítulo I do orzamento de gastos da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades instrumentais.

-Estudo, análise e emisión de informes sobre estruturas orgánicas das consellerías e os seus organismos autónomos e sobre as modificacións das relacións de postos de traballo desde a perspectiva da súa repercusión económica.

-Estudo, análise e emisión de informes sobre os cadros de persoal e propostas de relación de postos de traballo das entidades instrumentais da comunidade autónoma, desde a perspectiva da súa repercusión económica.

-Emisión de informes preceptivos para a determinación ou modificación das condicións retributivas do persoal laboral.

-A autorización da masa salarial máxima con carácter previo ao asinamento de convenios colectivos do persoal laboral.

-Emisión de informe sobre as ofertas de emprego público.

-Todas aquelas competencias que a lexislación vixente atribúe á Consellería de Facenda en materia de retribucións de persoal.

Para o cumprimento das súas funcións, a Subdirección Xeral de Custos de Persoal contará cos seguintes órganos de apoio:

2.4.1. Servizo de Custos de Persoal, que desenvolverá as funcións atribuídas á Consellería de Facenda en materia de retribucións de persoal, en relación á Administración xeral da comunidade autónoma e aos seus organismos autónomos agás o Servizo Galego de Saúde.

2.4.2. Servizo de Custos de Persoal e Recursos Propios do Servizo Galego de Saúde, que desenvolverá as funcións anteriormente indicadas, en relación ao persoal do Servizo Galego de Saúde, así como as que correspondan á Dirección Xeral de Orzamentos en materia de xestión de recursos propios do dito organismo autónomo».

Disposicións adicionais

Primeira.-Todas as referencias contidas no texto do Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, á «Secretaría Xeral e do Patrimonio», entenderanse feitas á «Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio».

As referencias contidas nos artigos 5º.2, 12º.1, 19º.2, 20º.2, 21º.2, 22º.2 e 23º.3 do Decreto 307/2009, do 28 de maio, a «unidades administrativas» ou «unidades» deben entenderse feitas a «órganos de dirección». Igualmente, todas as referencias contidas no citado decreto a «unidades con nivel orgánico de servizo» ou «unidades administrativas con nivel orgánico de servizo» deben entenderse feitas a «órganos de apoio con nivel orgánico de servizo».

Segunda.-Todas as referencias contidas no texto do Decreto 237/2007, do 5 de decembro, polo que se crea a Xunta Consultiva de Contratación Administrativa da Comunidade Autónoma de Galicia e se regulan a súa composición e funcións, á «Secretaría Xeral da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa» entenderanse feitas á «Secretaría da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa».

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Consellería de Facenda proporá as modificacións que procedan na relación de postos de traballo, derivadas das modificacións da estrutura orgánica que se establecen neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de marzo de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda