DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Xoves, 31 de marzo de 2011 Páx. 5.707

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 28 de marzo de 2011 pola que se convocan as subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas ás comunidades de propietarios para a reparación, rehabilitación e adaptación de edificios de vivendas de protección oficial de promoción pública.

Co fin de impulsar a rehabilitación e mellora das vivendas de promoción pública promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante IGVS) ou transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Real decreto 1926/1985, do 11 de setembro, e do Real decreto 1461/1989, do 1 de decembro, de transferencias en materia de patrimonio arquitectónico, control da calidade da edificación e vivenda, é necesario incentivar as actuacións de reparacións nos edificios de vivendas de promoción pública por medio do establecemento de subvencións ás comunidades de propietarios.

O artigo 3º da Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do IGVS, establece que lle corresponde a este organismo autónomo a realización da política de solo e vivenda da Xunta de Galicia co fin de garantir os dereitos constitucionais a unha vivenda digna e adecuada.

A orde da Consellería de Vivenda e Solo, do 19 de setembro de 2008, establece as bases reguladoras das axudas do IGVS ás comunidades de propietarios, en réxime de concorrencia competitiva, para a reparación, rehabilitación e adaptación de edificios de vivendas de protección oficial de promoción pública.

O artigo 3º b).3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, fixou a vixente estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, suprimindo a Consellería de Vivenda e Solo e adscribindo o organismo autónomo IGVS á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

O Decreto 316/2009, do 4 de xuño, que establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, atribúe a esta consellería as competencias en materia de vivenda.

En consecuencia, de conformidade co establecido no artigo 7º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en exercicio das facultades atribuidas polo Decreto 317/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica do IGVS,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e bases reguladoras.

1. Esta resolución ten por obxecto a convocatoria pública para o ano 2011, en réxime de concorrencia competitiva, da concesión de subvencións do IGVS para a reparación, rehabilitación e adaptación dos edificios de protección oficial de promoción pública promovidos polo IGVS e dos transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1926/1985, do 11 de setembro, e polo Real decreto 1461/1989, do 1 de decembro, de transferencias en materia de patrimonio arquitectónico, control da calidade da edificación e vivenda.

2. As bases e o procedemento para a concesión establéceos a Orde do 19 de setembro de 2008, da Consellería de Vivenda e Solo, para a concesión de axudas ás comunidades de propietarios, en réxime de concorrrencia competitiva, para a reparación e adaptación de edificios de vivendas de protección oficial de promoción pública (DOG nº 188, do 29 de setembro de 2008), modificada pola Orde do 21 de setembro de 2009 (DOG nº 199, do 9 de outubro de 2009).

Artigo 2º.-Créditos orzamentarios.

Para a concesión das axudas, que terán a modalidade de subvención, destinarase un crédito global de 2.000.000 € e financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 07.90.451A.781.00 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, destinándose para tal fin 150.000 € no ano 2011, 850.000 € no ano 2012, 600.000 € no ano 2013 e 400.000 € no 2014, todo iso sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte de aplicación dos criterios do artigo 15º da orde reguladora, de conformidade co disposto no artigo 13º.1 das bases reguladoras e 31º.2 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. De conformidade co disposto no artigo 5º da orde reguladora, poderán ser beneficiarias das subvencións as comunidades de propietarios de edificios de vivendas de promoción pública do IGVS ou transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude dos reais decretos de transferencias en materia de vivenda, que cumpran as seguintes condicións:

a) Que o edificio teña unha antigüidade superior a 10 anos.

b) Que as comunidades beneficiarias non obtivesen, nos dez anos inmediatamente anteriores ao da convocatoria, outra axuda concedida polo IGVS para a realización de obras polo mesmo concepto.

c) Que os edificios que vaian ser rehabilitados, reparados ou adaptados para obter a adecuación funcional dispoñan xa da adecuación estrutural. No caso de non dispoñer de adecuación estrutural, deberán acreditar a realización simultánea das obras que garantan que o edificio reúna as condicións necesarias de seguranza construtiva.

2. As comunidades de propietarios solicitantes non poderán estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10º.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que se acreditará por medio de declaración do responsable do representante legal da comunidade de propietarios, tal como se recolle no anexo II da orde reguladora.

3. Estes requisitos deberanse cumprir na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo da orde reguladora do 19 de setembro de 2008, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 11º das bases reguladoras contidas na dita orde.

2. Os formularios de solicitude de axuda poderán obterse a través do DOG, da páxina web do IGVS ou nas dependencias de dito Instituto.

Artigo 5º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse preferentemente, xunto coa documentación, nos rexistros dependentes do IGVS, ou por calquera outro medio previsto no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en adiante LRXPAC).

No caso de envío por correo, farase de acordo co regulamentariamente previsto no artigo 31º do Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se aproba o regulamento sobre a prestación dos servizos postais, en desenvolvemento do establecido na Lei 24/1998, do 13 de xullo, do servizo postal universal e de liberalización dos servizos postais, que indica que se presentará en sobre aberto, co obxecto de que na cabeceira da primeira folla do documento que se queira enviar se faga constar, con claridade, o nome da oficina e a data, o lugar, a hora e minuto da súa admisión.

2. O prazo de presentación das solicitudes será de dous meses desde a publicación desta convocatoria no DOG.

Artigo 6º.-Órganos competentes para a instrución e resolución do procedemento.

De acordo co establecido no artigo 10º da Orde do 19 de setembro de 2008, as xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas correspondentes por razón da situación dos edificios instruirán os procedementos.

As xefaturas territoriais remitirán os expedientes instruídos de acordo co artigo 14º da citada orde á comisión de valoración para os efectos previstos no artigo 16º das ditas bases. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000 € no suposto de custo por execución de obra, ou de 12.000 € no suposto de subministración de bens de equipo ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, as xefaturas territoriais requiriranlles aos beneficiarios a presentación de tres ofertas de diferentes proveedores e, se é o caso, a xustificación da elección de conformidade co establecido no artigo 29º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Logo da tramitación establecida nos artigos 17º e 18º, as xefaturas territoriais formularán a correspondente proposta de resolución definitiva e será competente para resolver definitivamente o Presidente do IGVS.

Artigo 7º.-Resolución.

1. O prazo para resolver e notificar a resolución definitiva é de nove meses contados desde a publicación da convocatoria sen prexuízo, de ser o caso, da aplicación das normas de suspensión recollidas no artigo 42º.5 da LRXPAC. Transcorrido o dito prazo sen se ditar e notificar resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de conformidade co establecido no artigo 42º.2 do mesmo texto legal.

2. A resolución do presidente do IGVS pon fin á vía administrativa e será susceptible de recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes, ou ben de recurso contencioso-administrativo, directamente ante o órgano xurisdicional competente no prazo de dous meses, en ambos casos desde o día seguinte á data de notificación.

Artigo 8º.-Notificación da resolución.

A resolución notificarase no enderezo da persoa asinante da solicitude, a non ser que esta sinalase outro enderezo para a notificación, segundo o establecido no artigo 59º da LRXPAC.

Artigo 9º.-Publicidade das subvencións concedidas.

1. De acordo co establecido nos artigos 15º.1 da Lei 9/2007 e 29 da Orde do 19 de setembro de 2008, pola que se establecen as bases reguladoras, publicarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da convocatoria, norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, publicarase na páxina web oficial nos termos previstos no artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

2. Cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 €, non será necesaria a publicación no DOG, que se poderá substituír pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do IGVS.

Artigo 10º.-Prazo de xustificación da subvención.

Unha vez rematadas as obras, a comunidade de propietarios deberá presentar no prazo dun mes a documentación que se sinala no artigo 24º da Orde do 19 de setembro de 2008, pola que se establecen as bases reguladoras.

Artigo 11º.-Pagamento da subvención.

1. O aboamento das subvencións concedidas efectuarase, mediante transferencia bancaria, logo de informe favorable da oficina técnica provincial e remisión de proposta de pagamento.

O pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada.

2. Cando nun edificio existan vivendas propiedade do IGVS (vivendas adxudicadas en réxime de alugamento ou acceso diferido á propiedade, sempre que neste último caso non transcorrese o prazo establecido para a amortización da vivenda polo adxudicatario), o IGVS anticipará a contía que proporcionalmente lle corresponda a estas vivendas de conformidade co establecido na Lei 49/1960, do 21 de xullo, da propiedade horizontal.

Para estes efectos terase en conta o réxime en que estean as vivendas na data da proposta de pagamento, de xeito que, se durante a tramitación do procedemento de concesión da axuda, algunha das vivendas cambiase o seu réxime a compra ou, no caso de vivendas en réxime de acceso diferido á propiedade, chegasen estas últimas á fin do prazo de amortización ou fosen amortizadas anticipadamente, será por conta do propietario a contía que lle corresponda.

O aboamento á comunidade de propietarios da cota correspondente ao IGVS como propietario dos inmobles aplicarase ao capítulo VI dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia. O importe aboado terase en conta para determinar a contía que o IGVS pagará en concepto de subvención, de xeito que en ningún caso o importe dos pagamentos supere o custo total da actuación nin supoña un incremento do importe máximo da subvención.

Artigo 12º.-Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Técnica de Construcións e Calidade do IGVS, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial do IGVS.

b) Presencialmente nas xefaturas de Área Provincial do IGVS e nos Servizos Centrais do IGVS en Santiago de Compostela.

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2011.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Presidente do Instituto Galego da Vivenda e Solo